HomeMedio ambiente e PatrimonioRozavales vén de Roncesvalles, probas do paso do Camiño de Inverno

Rozavales vén de Roncesvalles, probas do paso do Camiño de Inverno

A Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur no concello da Pobra do Brollón traballa no recoñecemento do tramo do Camiño de Inverno en Torbeo e Vilachá e en fomentar o estudo de posibles fórmulas que permitan o paso do Sil na altura da Covela á Barxa.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur presentaba a finais do mes de xuño, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, un informe técnico sobre o Camiño de Inverno. Este informe incorpora nova documentación histórica que acreditaría o paso do camiño no tramo de Quiroga a Monforte de Lemos, no seu paso por Torbeo e Vilachá.

O informe demostra a partir da documentación histórica medieval a existencia dun camiño comercial ligado ao viño. Este camiño está documentado, cando menos, dende o século XII. E as adegas medievais de Vilachá (incluídas na candidatura da Ribeira Sacra á UNESCO) serían proba viva da importante produción.

Visitas Guiadas Vilachá / Adegas da Memoria

Pero a gran descuberta foi o estudo toponímico e histórico de Rozavales, parroquia de Monforte de Lemos e lindante con Vilachá de Salvadur, que realizou Gonzalo Navaza, especialista na materia. Rozavales é unha alteración do topónimo Roncesvalles, inicio do Camiño Francés e foi imposto polo rei Alfonso IX, o principal impulsor do Camiño de Santiago na Idade Media. Ademais, na documentación do Tumbo da Catedral de Santiago, fálase da doazón do rei Afonso IX da igrexa de Salvadur á orde do Hospital de Roncesvalles, unha orde santiaguista de orixe navarra encagarda de dar auxilio e acollida aos peregrinos. 

Así Elías Valiña, o Crego do Cebreiro que nos anos 70 do século XX comezara a recuperación do camiño pintando as famosas frechas amarelas, anota nun traballo de 1983: “Rozavales. Existe la tradición de un hospital de peregrinos”. 

O Camiño de Inverno e a Ribeira Sacra

Por tanto, dende a asociación defenden que se demostran dous dos principais criterios á hora de delimitar o camiño de inverno: a existencia dun camiño medieval de frecuente uso e un documento que liga directamente Rozavales co fenómeno Xacobeo.

A Asociación de Vilachá presentará este informe aos concellos afectados (Ribas de Sil, A Pobra do Brollón e Monforte de Lemos) así como á Deputación de Lugo; e comezarán unha acción divulgativa por medio das redes sociais e con convite a Vilachá de distintos especialistas para coñecer a pé de terreo esta descuberta.

Meandro da Covela. Foto: XMF

Con estes contactos quérese procurar o recoñecemento deste tramo como o Camiño de Inverno (sen menoscabo da actual alternativa polo interior) e o estudo de posibles fórmulas que permitan o paso do Sil na altura da Covela á Barxa.

Desde a asociación quérese insistir en que este tramo é o único acreditado polo cal o Camiño de Inverno cruzaría a Ribeira Sacra, “converténdose así nun verdadeiro activo turístico-cultural que une nun mesmo sitio dous fenómenos de alcance mundial.”

ÚLTIMAS

Gran final de tempada para o Club Quixós de piragüismo

O club Quixós de Piragüismo vén de rematar a tempada cunha exitosa participación no...

O 1 de decembro abre a inscrición dos Campamentos e Obradoiros de Nadal no Concello de Chantada

O Concello de Chantada vén de anunciar os 'Campamentos e Obradoiros de Nadal', actividades...

O BNG de Monforte sobre as obras na rúa Ourense, “é especialmente grave investir 100.000€ nunha obra innecesario”

Segundo o BNG, este feito, "por si só, demostra a absoluta falta de planificación...

Monforte resolve as axudas para deportistas individuais e a celebración das festas dos barrios e parroquias

No caso das subvencións para a celebración de festas de barrios e parroquias, o...