Monforte mellorará dous dos seus principais recursos turísticos

As obras de mellora levaranse a cabo na Torre da Homenaxe e no patio do Centro do Viño. Os proxectos teñen un orzamento de 45.980 euros.

Torre da Homenaxe e Parador de Turimo de Monforte / aribeirasacra.info

As actuacións que levará a cabo o Concello de Monforte ó longo do vindeiro mes de setembro teñen como finalidade o embelecemento, rehabilitación e dinamización destes dous centros, dado o alto volume de visitas que reciben, mediante á colocación de diversos paneis informativos e interactivos. Tamén, realizarase unha mellora e substitución da luminaria interior dos diferentes espazos, co redeseño dos mesmos cun novo enfoque máis actual. 

Na Torre da Homenaxe que é un dos elementos máis representativos do Val de Lemos, a rehabilitación interior de espazos ten por obxectivo dar o máximo protagonismo tanto ó edificio como ó museo. O proxecto propón unha nova mirada, centrada no deseño dos espazos interiores, baseada na interpretación do edificio e a súa historia. No novo deseño turístico da Torre da Homenaxe, distribuirase en cada unha das plantas do inmoble, unha temática e unha interpretación diferente. 

Planta baixa: recepción do visitante: Tratase da planta de acceso á Torre da Homenaxe e polo tanto a zona de recepción ó visitante. Nela procederase á colocación dun panel informativo ó inicio da escaleira onde se indicará o que o visitante poderá ver nas diferentes plantas. Realizarase un mostrador a medida deseñado para ocultar o sistema de calefacción actual, co seu correspondente taburete, e unha zona expositora en vidro para dispoñer diferentes folletos e pezas decorativas. Nesta planta atópase un elemento que será destacado, o “aljibe”, construído para almacenar as augas da chuvia. Así, deixarase en todo o seu arredor un espazo libre de obstáculos, coa iluminación axeitada para que os visitantes poidan contemplalo con comodidade, feito que na actualidade non ocorre.

San Vicente / XdL

Planta terceira: Recreación: Nesta planta atópanse dous elementos singulares da Torre da Homenaxe: a Fiestra da Raíña e a Cheminea aos que se lles dará unha iluminación axeitada.

Planta cuarta: A Fortaleza: A medida que ascendemos na Torre acercámonos á cuberta que é o lugar que conta coas mellores vistas de toda a cidade de Monforte. Nesta planta incluirase toda a cartelería xa existente relacionada directamente coa Fortaleza na que se atopa emprazada a Torre, así como a historia de Monforte relacionada coa mesma. 

É esta unha das salas más interesantes deste inmoble, xa que é de estrutura abovedada, polo que levará a cabo a súa iluminación indirecta cara estas bóvedas para enfatizalas. Tamén será dotada con un sistema de música ambiental, para que o visitante disfrute deste entorno dende os bancos centrais que serán novos, e que permitirán o descanso do visitante antes do ascenso á cuberta.

Torreón de San Vicente/G.M.

Deste xeito, nesta planta colocarase un banco de madeira para o descanso e observación, así como un punto de información interactivo para poder obter información turística do propio inmoble con recreacións da época, información sobre todo o conxunto monumental de San Vicente e a súa fortaleza, e tamén ofrecerá outra información do Concello e da Terra de Lemos, así como da Ribeira Sacra.

Esta planta estará adicada á realidade virtual, para que sexa un espazo actual aberto ás novas tecnoloxías, e ó tratarse da última planta, antes de saír a cuberta, desde onde o visitante está a unha altura de 30 metros, nela poderase visualizar nunha panorámica de 360º, moitos quilómetros de territorio do Val de Lemos, sendo de gran interese a información proporcionada ó visitante.

Planta da cuberta: Na cima da torre a 30 metros de altura, a panorámica paisaxística é espectacular, polo que neste espazo colocarase un atril en aceiro corten para facilitar a información do territorio visualizado dende este punto.

PATIO INTERIOR DO CENTRO DO VIÑO

O edificio do Centro do Viño alberga o Museo do Viño e a Oficina Municipal de Turismo, que conforman un patio interior emblemático que posúe unha arquitectura tradicional. Preténdese ofrecer un espazo máis actual para exposicións, que xunto co actual Museo do Viño e a Oficina de Turismo, complete a oferta, cada vez máis demandada, de salas especiais para exposicións.

Centro do Viño / turismo.gal

O espazo adicado para este fin expositivo será toda a galería cuberta da planta primeira que da ó patio e as propias paredes do patio de abaixo. Para elo, colocarase un sistema de rieis. Tamén se colocará na entrada ó patio interior dende a propia Oficina de Turismo un punto de información interactivo, onde se poderá colgar de xeito actualizado, toda aquela información turística de Monforte e a Ribeira Sacra, así como noticias sobre a celebración de eventos, exposicións, entre outros.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here