Cousas Xacobeas: A baixada actual da Madalena á Ponte da Áspera

Como sería imposible refacer eses dous vellos camiños, cando Elías Valiña Sampedro principiou co labor de recuperación da vía das peregrinacións, non tivo outra alternativa que a de aproveitar o treito descendente da Corga do Asno.

Corga do Asno / Ana López

Ao ser eliminado darredor de 1.920 o treito do Camiño Real que  baixaba dende a Corga do Convento á Ponte da Áspera, porque abriron pedreiras nos Barredos da Costa para as moitas obras que se facían en Sárria,  e ao ser cegado nos anos 1.980 o atallo ou camiño de pés que dende o que fora soar do Hospital de San Roque en súpeto trazado alcanzaba as casas da Veiga de Abaixo non hai outra posibilidade de chegar ao río Celeiro que a de coller a Corga do Asno”, que hoxe vai en paralelo ao Cemiterio Municipal, e que  constituiu históricamente o acceso entre o Mosteiro e o lugar da Veiga de Pozo (Veiga de Arriba).

Como sería imposible refacer eses dous vellos camiños, cando Elías Valiña Sampedro principiou co labor de recuperación da vía das peregrinacións,  non tivo outra alternativa que a de aproveitar o treito descendente da Corga do Asno e despois, xirando á dereita, aproveitar a carreira que segue cara a Veiga de Abaixo ata a entrada da ponte marcándoa como “camiño canónico”.

Institución de Caridade máis puramemente xacobea

Este novo trazado vén a supoñer que agora os camiñantes non pasen por diante do Mosteiro da Madalena, no que moitos deles non reparan cando deixando Rúa da Mercé xiran á esquerda para iniciar a baixada cara  a veiga do río Celeiro. Levando á man dereita o Cemiterio Municipal, alzado na Cortiña do Pombal, non se deteñen a contemplar a institución de caridade máis puramente xacobea de todo o traxecto galego do Camiño de Santiago dende o Cebreiro a Compostela, e que gozou do favor espiritual e beneficios de indulxenzas especiais (como as de Roma) concedidas á Igrexa e Mosteiro por pontífices romanos.

O proxecto de recuperación do vello atallo, que nas Normas de Planeamento Municipal se pretendía conseguir con unha escaleira entre a Praza de San Roque e a Ponte da Áspera non pasou de ser un desexo posto riba papel, que ningunha consideración mereceu por parte dos sucesivos gobernos municipais, e hoxe non sería posible levalo adiante por onde foi concebida daquela. Certo é que a adquisición de terreos polo Concello á familia Cordeiro, na Costa da Áspera, permitiría, en paralelo ao que foi o antigo “atallo” (ben coñecido e transitado por todos os feirantes do noroeste do concello) facer  de novo que o camiño frenteiro ao mosteiro sexa seguido polos peregrinos.

Ponte da Áspera / Ana López

O treito, agora xacobeo, da Corga do Asno foi endereitado na parte baixa, deixando á esquerda dúas pequenas voltas agora en desuso, sendo espazo compartido coas tres portas laterais de acceso ao cemiterio sarriao que dende 1.870 sufreu sucesivas ampliacións.

Esta Corga do Asno e as desaparecidas, Fonte do Asno e Fonte de María García, son reminiscencia da primera poboación da Vilanova de Sárria, nos anos rabeiros do século XII, xa que o primitivo emprazamento da “vila real” estivo na pequena chaira que hai pola parte traseira dos pendellos do pulpo, por tras da Casa de Curvos e do Parque de Bombeiros, antes de  que o nacente burgo fose trasladado para a lomba de entre San Salvador Santa Mariña, e así non quedou máis referenza a esa Sárria de oitocentos anos atrás ca Capela de Santiago do Mercado e o seu Barredo. A rúa aberta dende os Esqueiredos ata a parte baixa da Corga do Asno leva hoxe o nome de Santiago do Mercado, como recordo daquela primeira fundación da vila e veu a suplir o treito final do “camiño de fora” que dende os Esqueiredos ía ata o Castro das Paredes..

A capela de Santiago do Mercado aparece marcada nun mapa de arredor do ano 1.855 con un acceso que baixaba dende o Monte da Fortaleza, e non quedaba lonxe dun espazo que figura nomeado como Arrabaldo. Non se coñecen referenzas ao tempo e causa da súa desaparición, como tampouco se coñece cando tiraron a Capela de San Marco, a carón da Fortaleza e no Camiño de Sárria a Lemos.

O “camino canónico” posterior a 1.960 vai agora, como dito queda, pola Corga do Asno, e é de agradecer que se teñan feito obras de mellora na cerca do cemiterio e que se teña acondicionado unha beirarrúa con pedra en chapacuña, que ven a sinalar perfectamente a condición de calzada dos peregrinos, sendo de agardar que a futura limpeza do muro da casa do Campo da Feira e a recuperación da Fonte do Asno veñan a consolidar ese treito compartido por camiñantes e bicigrinos.

E tamén hai que dar aplauso ao feito de que despois de rematadas as obras feitas polo Obradoiro de Emprego, o Concello teña corrido co acondicionamento da beirarrúa ata a nova ampliación da necrópole sarriá. E que, de seguro, non dubidará en completala ata a parte baixa da rúa. Por outra parte , e como lembranza dos peregrinos que foron enterrados nas igrexas da vila, especialmente na Capela de San Lourenzo do Mosteiro da Madalena, e vencellalo así ao feito das peregrinación, na antiga capela do cemiterio deberíanse facer presentes os nomes coñecidos, porque o seu esforzo e o seu exemplo non merecen ser esquecidos, e non abonda con facelos figurar como meras citas en ocasionais publicacións.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here