InicioMovementos sociaisCarta dunha traballadora despedida aos responsables do SAF de Chantada

Carta dunha traballadora despedida aos responsables do SAF de Chantada

Unha das dúas traballadoras despedidas pola empresa concesionaria do servizo fai pública unha misiva na que reflicte o seu sentimento de rabia e impotencia. O Concello de Chantada adxudicou o Servizo de Axuda no Fogar a Samaín, unha filial do Grupo Clece, en setembro de 2020.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Da plantilla indefinida que había no Concello de Chantada para cubrir o SAF xa hai dúas empregadas menos. A empresa á que o concello lle adxudicou a xestión do servizo, Samaín Servicios (filial do Grupo Clece), despediu, en plena pandemia a dúas das traballadoras alegando baixo rendemento. Segundo refire a CIG, e unha das traballadoras coa que falamos, estaban as dúas en situación de baixa por Incapacidade Temporal.

O colectivo de traballadoras mantiveron unha folga e desenvolveron múltiples mobilizacións  para rexeitar o proceso de privatización do SAF, que o concello fixo efectivo no pasado mes de setembro. Este proceso foi unha sucesión de despropósitos até o punto de que a subrogación do persoal fíxose sen ningún tipo de garantía nin para as traballadoras nin para a prestación do servizo. Segundo nos comenta esta traballadora, hai presuntas irregularidades no convenio que están xa denunciadas.

De feito, a CIG presentou dous conflitos colectivos, un contra a empresa por non respectar as condicións laborais e salariais que tiñan as traballadoras previamente, e outro contra o Concello de Chantada ao entender que a privatización foi do persoal, non do servizo.

Cónstanos que moitas das traballadoras están solidarizándose coas compañeiras despedidas e unha destas, Ángeles, fixo pública esta carta dirixida aos responsables da empresa que xestiona o Servizo de Atención no Fogar.

A CARTA

Ola, vouvos contar unha historia, a miña:

Levo 15 anos da miña vida dedicándome a profesión máis gratificante que poida haber, o coidado dos nosos maiores. Pero tamén é a máis menosprezada, ignorada e ninguneada.

Os últimos 10 anos paseinos traballando para o Concello de Chantada. Os primeiros anos foron bastante bos, pero nos últimos tempos empezaron a xurdir unha serie de problemas, e segundo eles, todos eran culpa das auxiliares.

Acusóusenos de todo o malo habido e por haber, e “encontraron” a solución: Privatizar o servizo.

Dende o primeiro momento, as traballadoras opuxémonos con todas as armas das que puidemos contar. Fixemos folga, cuns servizos mínimos do 96%, que máis tarde foron condenados xudicialmente, e suspendémola cando apareceu esta praga que estamos a vivir.

Chamóusenos de todo: pancarteras, insolidarias, etc. Nos últimos días tivemos que escoitar acusacións por parte do concello que chegaron a ser incribles e intolerables.

A primeiros de marzo tiven a grata sorpresa de recibir un burofax da nosa “querida” empresa, á que se nos botou de cabeza, comunicándome un despido disciplinario por “baixo rendemento”. Sabedes o bo da historia? Que levo dende o 29 de agosto de baixa e a empresa empezou o 14 de setembro. Alguén me pode dicir como se fai para render estando de baixa?

Dita empresa, Samaín Servizos (Grupo Clece), tamén fixo o mesmo coa miña compañeira Elisabeth un mes antes.

Durante todo o tempo que levo de baixa nin a empresa nin a súa mútua  se puxo en contacto comigo para saber que me pasara ou como estaba.

Levo todo este tempo entre médicos e fisioterapeutas pagados polo meu peto para apurar a miña recuperación.

A día de hoxe, teño un sentimento de rabia e impotencia tan grande…!

Este sentimento increméntase ó ter que dicirlles ós meus “velliños”, que estiveron todo este tempo pendentes de min, que estou, de momento, fóra da empresa.

Quero agradecerlles o seu apoio ás miñas compañeiras do SAF Chantada. Sen elas seria todo máis difícil. Tamén á miña xente e a todas as que se preocuparon por saber como estaba.

Pero, sobre todo, quero darlle as grazas á Plataforma SAF Galiza por brindarnos toda a súa axuda, á miña compañeira e a min, sen coñecernos de nada.

Se fala unha soa, non se nos vai oír, pero se berramos todas xuntas, non lles quedará máis remedio que escoitarnos.

Por iso é tan importante a nosa unión, hoxe tocounos a nós, pero mañá pode ser calquera das que vos dedicades a este traballo.

ÚLTIMAS

Asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Chantada

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse este mércores pola mañá na...

O PP de Monforte culpa a Tomé e aos seus “caprichos persoais” da marcha do CRAEGA de Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela consideran que José Tomé despois de ver como o...

Monforte mantén viva a tradición dos maios

O Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de...

Campionato de España de Taekwondo, o 4 de maio no Pavillón da Pinguela de Monforte

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo técnico de Deportes do Concello,...