InicioOpiniónOPINIÓN: O camiño cara a construción do Cemiterio Municipal de Monforte

OPINIÓN: O camiño cara a construción do Cemiterio Municipal de Monforte

O proceso, que comezou a finais do século XVIII e rematou a comezos do XX, traería como resultado a supresión de enterramentos en lugares como o hospital de S. Xoán de Deus, a igrexa da Régoa, o cemiterio parroquial de S. Vicente e o cemiterio provisional da Régoa onde o Campo da Compañía.

Publicado o

POR
Xosé Martínez Rodríguez
- Advertisement -

En canto ao proceso que culmina coa construción do actual Cemiterio Municipal de Monforte temos unha valiosísima información ofrecida por José María Lago no capítulo do seu libro Crónicas históricas de la villa de Monforte titulado “Salud pública e intereses económicos: el cementerio común de Monforte de Lemos”. Na fonte bibliográfica citada baséanse os seguintes datos.

Dende o século XIII arrinca o costume de enterrar cadáveres en España no interior das igrexas. O número de enterramentos aumenta significativamente no século XVIII co incremento da poboación.

PROBLEMAS COS ENTERRAMENTOS NO INTERIOR DAS IGREXAS E PROCESO CARA O CONTROL DAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

Nese século comezan a aparecer casos de enfermidades que afectaban a persoas que se atopaban no interior das igrexas, sobre todo a mulleres. Acabouse atopando como causa das enfermidades, que ás veces causaban as mortes, as descomposición dos defuntos no interior dos templos.

Desde ese momento iníciase unha loita entre sectores que querían mudar ese costume e sectores que querían mantelo, sobre todo o clero.

Co fin de facer os enterramentos en lugares ao descuberto e afastados de núcleos urbanos relaciónase unha Real Cédula de Carlos III de 3 de abril de 1.787 e unha grande cantidade de escritos e publicacións: a real Orde de 24 de xuño de 1.804 de Carlos IV, outras moitas disposicións dos diferentes gobernos da nación, e finalmente un Real Decreto de 1.886 do goberno de Práxedes Mateo Sagasta. Neste último Real Decreto sinalábase o procedemento para tramitar expedientes para novos cemiterios, as características técnicas que debían recoller os proxectos e a orde de clausurar cemiterios que xa non reunisen as condicións mínimas de hixiene e seguridade. Xa en 1.884 polas malas condicións hixiénicas e a súa escasa capacidade mandaranse pechar máis de 7.000 cemiterios dun total de 10.000 distribuídos polo territorio español.

O PROCESO CARA A CONSTRUCIÓN DO CEMITERIO MUNICIPAL DE MONFORTE 

José María Lago tamén ofrece valiosa información sobre acontecementos en Monforte ligados a este problema de saúde pública motivado polos enterramentos nas igrexas. Con este problema vincúlase un dobre enfrontamento: o dos partidarios de seguir co costume do enterramento nas igrexas fronte aos partidarios de enterrar en lugares ao descuberto e o enfrontamento entre os cregos das parroquias e os frades das ordes relixiosas.

“O sector relixioso era fundamentalmente o maior partidario doS enterramentoS nas igrexas polos beneficios económicos que lle supoñía”

En 1.796 o bispo de Lugo, Felipe Peláez Caunedo, visitaba a antiga igrexa da Régoa e apreciaba o fedor continuado nela pola multitude de enterramentos polo cal para remedialo mandou que dentro dun ano se ampliase a igrexa ou se construíse un cemiterio conforme ás ordes reais.

Por outra parte, no século XIX, o Hospital de Sancti Spiritus da rúa do Arrabal, hoxe do Comercio, dedicado despois a concello e actualmente Centro do Viño da Ribeira Sacra, era rexentado polos irmáns de S. Xoán de Deus e os mortos do hospital eran enterrados no claustro, dentro do edificio.

En 1.809 o padre prior do Hospital recibiu unha carta do Reverendísimo Padre Xeral da Comunidade en que lle sinalaba que non se podía enterrar en cemiterio distinto dos construídos na poboación destinados ao enterramento de todos os mortos.

En 1.810 o bispo de Lugo, cumprindo ordes da Junta General Gubernativa, remitía unha carta a don Manuel Viana, cura da Régoa e vicario eclesiástico na vila de Monforte en relación ás prácticas que se observaban no Hospital de Sancti Spiritus na que se sinalaba que se declaraba suspensa a capela de S. Lázaro que sería destinada a enterrar os mortos no Hospital.

O 3 de decembro Benito Rodríguez Casanova, notario de Monforte, comunicaba a frei Manuel Bernárdez, prior do Hospital de S. Xoán de Deus ,estas disposicións do bispo de Lugo. Responde o padre prior o 8 de decembro de 1.810 sinalando que o vigairo négase ao enterro no cemiterio da parroquia dunha persoa falecida no hospital. Esta negativa tivo motivacións económicas pois o enterro de pobres e de frades non achegaba ingresos por dereitos de sepultura. Neste sentido José María Lago dá información detallada do custo deses dereitos de sepultura.

Tamén sinala o padre prior a vinculación de San Lázaro ao condado de Lemos e a obriga dunha misa cantada na capela o V domingo de Coresma. Responde o bispo de Lugo, Felipe Peláez Caunedo, que a misa se traslada á igrexa parroquial, que o cemiterio de San Lázaro queda agregado ao cemiterio parroquial e común e a disposición do párroco e Xustiza Real.

O pulso entre a diocese e a orde de S. Xoán de Deus inclinaríase definitivamente do lado da diocese.

En 1.811 o párroco da Régoa escribíalle ao seu bispo advertíndolle en relación ao novo cemiterio das dificultades de acordo entre o clero e o concello e agarda que o bispo acceda a aprobar as tarifas por enterramentos que son as mesmas que viña usando no interior da igrexa, tarifas que detalla.

En 1.823, tras Decreto de 3 de febreiro emitido pola Xunta durante o Trienio Liberal, o concello viuse obrigado a trasladar provisionalmente o cemiterio da Régoa xunto ao pavillón sur do Real Seminario (actualmente Colexio dos Escolapios).

A creación deste cemiterio solucionou parcialmente as desavinzas entre a parroquia da Régoa e o Hospital de Sancti Spiritus. Con todo, hai tensións entre as ordes relixiosas e a igrexa secular posto que con estes cambios en relación aos enterramentos a igrexa secular pasa a ter control sobre os enterramentos e beneficios xerados en detrimento das ordes relixiosas.

A tensión entre a parroquia da Régoa e o Hospital de Sancti Spiritu motivaría algún abandono de cadáver ás portas do cemiterio. Estas tensións resolveríanse finalmente a favor da parroquia da Régoa.

En 1.887 os problemas derivados do crecemento urbano e das queixas veciñais levan a considerar ao concello o cambio de situación do cemiterio que se atopaba xunto ao Campo da Compañía. O 7 de xullo o concello, sendo alcalde Luis Pérez Guitián, reúnese co fin de nomear unha comisión para estudar o tema.

En 1.887 Monforte contaba con 4.580 habitantes e outros 3.520 no distrito municipal. A media de defuncións durante os últimos dez anos fora de 135. Monforte tiña dous cemiterios, o da parroquia de Régoa xunto ó Campo da Compañía, e o da parroquia de San Vicente pegado á igrexa.

O informe da Xunta de Sanidade finaliza coas seguintes conclusións:

-Monforte precisa dun novo cemiterio.

-Debe facerse á dereita da estrada Monforte-A Pobra do Brollón, ao leste da cidade.

-Debe ter capacidade para 2.720 sepulturas (vinte veces os que falecen por termo medio ao ano).

-Debe ter capacidade ademais para capela, sala de autopsia a cadáveres, e o que se calcule para os que morran fóra da relixión católica.

-Debe pecharse con alta tapia.

-Debe ter plantacións de árbores e arbustos propios do lugar a onde van os mortos.

As conclusións do informe foron comunicadas aos párrocos da Régoa e de San Vicente do Pino para que fixesen as observacións que considerasen pertinentes. Rexeitan a localización proposta polas dificultades de acceso en inverno.

En 1.897 aceptan a proposta municipal de situar o ceminterio na “Llanura de la Gándara del Fabeiro”, ao oeste da cidade. En 1.902 facíase a entrega das chaves ao cura da Régoa e o 1 de xaneiro de 1.903 sería oficialmente bendicido polo bispo de Lugo, don Benito Murúa y López.

ÚLTIMAS

RaizameS, un ‘Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra’ en Taboada

RaizameS é un evento innovador e cun formato diferenciador en relación cos eventos do mundo do...

Asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Chantada

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse este mércores pola mañá na...

O PP de Monforte culpa a Tomé e aos seus “caprichos persoais” da marcha do CRAEGA de Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela consideran que José Tomé despois de ver como o...

Monforte mantén viva a tradición dos maios

O Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de...