HomeOpiniónOPINIÓN. Un doutor en primeira liña: "As pedras curan?"

OPINIÓN. Un doutor en primeira liña: “As pedras curan?”

Xurxo Romaní, con raíces en Neiras, Concello de Sober, estudou medicina en Santiago e a vida profesional levouno a Cataluña, onde vive actualmente. É Doutor no Hospital Parc Taulí de Sabadell e profesor na Universidade Autónoma de Barcelona. Nesta colaboración periódica que comeza daranos unha visión vivencial de historias vividas en "primeira liña", unha posición centrada agora en frear ao COVID-19.

Publicado o

POR
Xurxo Romaní
- Advertisement -

A finais dos 90, cando era un residente novicio no Hospital de Sant Pau de Barcelona, a epidemia contra a que nos tocou loitar foi a do SIDA. Na primeira rotación da residencia, durante meses, levabamos a aqueles pacientes, persoas moi novas con poucas posibilidades de sobrevivir. Eran, no puramente médico, pobres corpos infectados por un virus que lles ía minando o sistema inmunolóxico, e acababa con eles a base de terribles infeccións.

“Todos tiñan historias que contar, relatos de vidas intensas tronzadas por unha enfermidade cruel e implacable”

No humano, eran rapaces con historia de drogas, aínda que moitos deles tiñan refeito a súa vida cando o VIH entrara por sorpresa no seu corpo. Todos tiñan historias que contar, relatos de vidas intensas tronzadas por unha enfermidade cruel e implacable. Dentro daquel grupo, había catro rapazas que crían no poder máxico das pedras. Cada unha delas atesouraba un anaco de mineral de variadas cores. Ancorábanse á vida refuxiadas na inxenua “maxia da litoterapia”. Ningunha delas sobreviviu. Non había medicamentos daquela que puidesen frear a enfermidade. As súas pedras máxicas foron inútiles.

Pouco antes de morrer, Clara, a máis falangueira e simpática delas, chamoume á súa habitación. Esgotada e entregada xa, díxome: “Doutor, ti nótase que vas ser un bo médico. Eu xa me despido. Quero que quedes coa miña pedra. Vaiche dar sorte”. Agasalloume coa súa amatista. E alí quedou, arrecunchada no caixón dos trebellos e dos recordos inútiles.

“Doutor, ti nótase que vas ser un bo médico. Eu xa me despido. Quero que quedes coa miña pedra. Vaiche dar sorte”

A pedra de amatista

O 14 do pasado mes de marzo, comezou a transformación do meu hospital para resistir a nova epidemia de COVID-19. Todos os médicos, sen distinción de especialidades ou categorías, fomos mobilizados en urxencias ou nas plantas de ingreso para levar aos enfermos con coronavirus. E dende ese día, a pedra de Clara acompáñame no peto da miña bata. Cando esta pandemia remate, esa amatista de cor violeta pasará á bata dalgún dos meus estudantes.

ÚLTIMAS

Quiroga celebra o San Martiño con actos culturais, magosto e música

Dúas grandes actividades culturais centraranse na fin de semana previa a esta celebración. O...

O prestixioso xornalista Andrew Neather visitará a D.O. Ribeira Sacra

Andrew Neather foi crítico de viños do Evening Standard de Londres entre 2005 e...

O PP de Quiroga esixe solucións ás deficiencias no servizo de telefonía móbil e conexión a internet

Dende o Partido Popular lembran que tralos devastadores incendios do pasado verán non só...

A UNED de Monforte supera por primeira vez o cento de matrículas

José Tomé, que tamén ostenta o cargo de presidente da Xunta Reitora da UNED...