OPINIÓN. Un doutor en primeira liña: “o diaño e a mona”

O doutor Xurxo Romaní fálanos na súa derradeira entrega dunha expresión que lle quedou gravada despois de escoitarlla á súa avoa Pepita, á bisavoa Victorina e á familia da 'Casa da Lama' de Neiras. Ademais, fai unha comparativa coa "gripe española do 1918", enfermidade que acabou con membros da súa familia. A muller marcada na fotografía, irmá da súa avoa, foi probablemente unha das vítimas daquela pandemia.

A familia Losada, da Casa da Lama polos anos vinte do século pasado. A moza sinalada coa cruz, irmá da miña avoa, morrera probablemente vítima da gripe do 1918.

Non é raro escoitar á xente de Lemos dicir a frase “O diablo e a mona!” cando amosan abraio por algo. Vén sendo un equivalente a “manda carallo” ou “o que inventan”. Era unha expresión que moito escoitei á avoa Pepita, á bisavoa Victorina e á familia da casa da Lama de Neiras. Semella que a frase ten a súa explicación. No amencer do cine, a comezos do século XX, un dos primeiros aparellos que chegou a aquelas pequenas vilas de provincia foi un proxector de imaxes en movemento chamado zoopraxiscopio, un precursor do cine mudo, que amosaba a escena dunha persecución entre un Diaño e unha mona. A admiración e perplexidade daqueles soberinos diante da engaiolante novidade da técnica foron a explicación da frase que sobreviviu en min e nos nosos paisanos ao longo dos anos.

“Era unha expresión que moito escoitei á avoa Pepita, á bisavoa Victorina e á familia da casa da Lama de Neiras”

Cando entrei por primeira vez a UCI de campaña do meu hospital non fun quen de non pronunciar aquela frase: “o diaño e a mona!”. Era de noite, e non esperaba a vista daquel espazo diáfano, enorme, que acababa de ser improvisado nunha zona do hospital en obras. Non houbera tempo para maquillar aquelas paredes con capas de pladur, ou de facer un falso teito que cubrise as vigas de cimento daquel pendello, do que penduraban centos de fluorescentes. De seguida, lembroume a aquelas fotos da epidemia de “gripe Española” do 1918, enfermidade que matara incluso membros da miña propia familia. Fiquei abraiado fitando para aquel espazo diáfano perforado de conducións de osíxeno, coas decenas de pantallas, cada unha lendo as constantes vitais á beira dun corpo que loitaba contra a morte, co persoal sanitario enfundado en capas de protección, coma unha estraña reunión distópica da Santa Compaña.

Comparativa da pandemia da ‘gripe do 1918’ (imaxe superior /wikipedia) e a do ‘covid19’ na UCI do Hospital Parc Taulí de Sabadell (2020)

“…De seguida, lembroume a aquelas fotos da epidemia de “gripe Española” do 1918, enfermidade que matara incluso membros da miña propia familia”

Hoxe é a primeira noite que durmín sete horas seguidas dende que comezou todo. Como durmir, cando ao apagar a luz amoréanse as imaxes de todo o pasado. A xente que morreu diante de ti e a xente que saíu adiante. O xordo son do pulmón do hospital, os miles de litros de osíxeno que corrían polos tubos alimentando respiradores para oitocentas almas atrapadas polo virus. A imaxe da mesa onde nos reuniamos para facer o café, despois de sacarnos as máscaras faciais e as capas de plástico que pouco nos protexían. Imaxes dos corredores interminables do hospital, ou dos nosos residentes e estudantes, ledos e apaixonados, vivindo a aventura da súa vida.

“A memoria, igual que moitos outros dominios do ser humano, busca o refuxio, autoprotéxese, procura a seguridade de deixar as lembranzas boas para escorrentar as malas”

Supoño que as imaxes fican aí para sempre, para saíren un día e contalas aos netos. E non sempre aparecen crueis e tráxicas. Sempre lembro á miña avoa Pepita contando o divertida que fora a Guerra Civil en Monforte, cheo de rapaces guapos italianos e alemáns (máis os Italianos, segundo dela).  A memoria, igual que moitos outros dominios do ser humano, busca o refuxio, autoprotéxese, procura a seguridade de deixar as lembranzas boas para escorrentar as malas. Así sexa, a poder ser.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here