Cousas Xacobeas: Fontes para peregrinos en Sárria

Cando se cumpren os 100 primeiros anos da primeira traída abondosa de augas a Sárria, a Fonte Ribeira, que viña dando tamén augas da traída xeral, por non ser boa a dos canos vellos, “quedou a fonte sen a súa billa e a vila a sen a súa fonte”. E nesa estamos.

Fonte Ribeira Sárria

O feito de que a Vila Nova de Sárria-Pobra de Sárria fose fundada riba dun pizarrento promontorio castrexo que divide as veigas do río Sárria e do río Barbadelo (hoxe Celeiro) pouco antes de que estes mesturen as súas augas baixo de Betote, condicionou que por máis de 725 anos sucesivas xerazóns de vilegos tivesen que baixar e subir a Costa da Fonte con sellas, cántaras, baldes, botixos e bocois na percura da auga diariamente precisada para uso persoal e para as necesidades domésticas, á única fonte permanente que había, que por dividir a Ribeira dos Cucos e a Ribeira das Amierizas, foi  sempre coñecida como “Fonte Ribeira”, como ben recorda a cantiga que di “ Viva Sárria  porque ten /  unha fonte na Ribeira…”

Sita a carón da Ponte Ribeira , na entrada do Camiño de Santiago na poboación, serviu tamén aos peregrinos, correos, pasaxeiros e traxinantes  que  viñan polos cinco camiños que nela confluían. No século XVIII fixeron obra de consolidación da mina e dos canos e alzou o Rexemento da Vila  unha fonte monumental de pedra na que puxeron o escudo dos Castro, Marqueses de Sárria e Condes de Lemos, que señorearon a poboación ate comezos do século XIX. 

A vella fonte tiña dúas billas e entre ela e o río había un eirado con asento corrido, onde os mozos e mozas carretadores de auga aproveitaban a súa quenda en demorados parrafeos e nos galiqueos propios da rapazada.

Cando se abriu a Praia do Chanto (1962/63)  mudárona de lugar e quedou reducida  á mínima expresión e cunha soa billa. Ao tirar (anos 1980)  o Matadoiro volveu para perto de onde estaba antes, tamén en reducido tamaño, e finalmente tratouse de recuperar na súa antiga maxestuosidade, mais sen darlle o porte que outrora tivera. Son pois catro os emprazamentes que os da miña xerazón coñecemos para a esta fonte, única suministradora constante  de auga na vila ate que en 1920 se inauguraron as primeiras seis fontes públicas, grazas á traída que con cargo ao Estado promovera o deputado Xoaquín Quiroga Espín.

Escaleira da Fonte Sárria

Houbo  ademais outras tres fontes temporeiras. Unha que quedaba baixo dos foxos da Fortaleza, chamada Fonte de San Salvador, por quedar perto da igrexa, que en 1860 foi mudada de lugar, ao aproveitar o terreo onde estaba Manuel Pérez Batallón para unilo á horta da súa casa, e por iso  tivo que obrar pola súa conta unha nova, que cunha pequena modificación aínda está hoxe en pé a carón das letras xigantes que pregoan “SARRIA”. As augas desta fonte non eran “de boca” porque eran manantío en pedra pizarra e presentaba pousos bituminosos, e só usaban as augas para efectos domésticos e para a rega de hortas e prados no Barredo, A Calexa e O Campiño.

Había outra fonte, chamada de María García, onde estivera o emprazamento primeiro da Vila Nova de Sárria (Santiago do Mercado) e a terceira, coñecida como  Fonte do Asno, e  hoxe aínda tapada sae auga dela, estaba na vella Corga que do Mosteiro da Madalena ía ata a Veiga do Pozo, que forma agora parte do “camiño canónico”.

A Veiga do Pozo  era o nome do que agora chamamos A Veiga de Arriba, e era coñecida así porque ao estar a súa capa freática a nivel do río Barbalelo,  tiña auga todo o ano, e andando un pouco os vilegos podían facer acopios para as sús casas. Só había na vila dous pozos de augas duras, que en tempos de chuvia, e pouco máis, permitían facer un parco surtido: o da Fortaleza e o do Mosteiro da Madalena. No tempo de verán, se a seca era grande,  tamén se podían servir das fontes do Cristo e de Pacios de Casteledo, na parroquia de Farbán, ben alonxadas por certo da poboación.

Xa non podemos dicir ¡Viva Sárria!, porque a súa fonte está morta.

Agora os peregrinos poden calmar a súa sede nas fontes de Vigo de Sárria,  Praza de Galicia, Praza de Vista Alegre, Praza da Consuitución, San Salvador, Paseo do Malecón,  Ponte de San Lázaro, Cruce da Estación  e Praza da Vila, aínda que o certo, como acontece coa Fonte Ribeira, é que algunhas delas están cegas e non sae auga das súas billas.

E “A Fonte Ribeira non ten quen a queira” …como ben dixo o Xeringador de Romelle semanas atrás, e así para vergoña xeral, cando se cumpren os 100 primeiros anos da primeira traída abondosa de augas a Sárria, a Fonte Ribeira, que viña dando tamén augas da traída xeral, por non ser boa a dos canos vellos, “quedou a fonte sen a súa billa e a vila a sen a súa fonte”. E nesa estamos.

Os peregrinos  que nestes días entran en Sárria só poden contemplar  o alzado da fonte dazaoitesca e maxinar a función da  que ata hai uns anos   foi única fonte da vila e da que tan fachendosos estaban os mozos que lle adicaron a súa cantiga cando andaban no carreto da auga  e a “arte de falar” tan necesarios para a vida.  

Xa non podemos dicir ¡Viva Sárria!, porque a súa fonte está morta.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here