O ‘Marida Maio’, evento que conta co patrocinio da Deputación de Lugo, fai posible que as adegas participantes neste encontro enogastroturístico presenten os seus produtos vitivinícolas con pratos e composicións de diferentes establecementos hostaleiros da zona. A estes, súmanse empresas dos sectores do turismo, a arte e o patrimonio para dar a coñecer os seus servizos ás persoas asistentes, que poden acceder de forma gratuíta ata completar capacidade.
A xornada deste xoves, celebrada dende as 19:30 ás 21:00 horas, contou coas adegas participantes Cova do Xacio e Bodega Ohmio, ás que acompañaron os establecementos Manuel Bistró e Restaurante Río Cabe-Hotel Cardenal. A oferta cultural completárona a entidade soberina Casa-Museo Genia Trigo e o oleiro Elías González, do Centro Oleiro Rectoral de Gundivós.
A cita estivo amenizada musicalmente polo solista Isi Castañer.
AUTORIDADES PRESENTES
No acto estiveron presentes Xosé María Arias, deputado da Área de Cooperación e Asistencia aos Concellos da Deputación de Lugo; Gloria Prada, tenente de alcalde do Concello de Monforte; Mabel Álvarez, xerente do Centro do Viño, e Beatriz Vila, delegada da Zona Sur da Apehl.
Xosé María Arias referiu que “quen veña estes días ao Centro do Viño non vai atopar só unha degustación, senón tamén unha forma de entender esta comarca”. Recordou ademais que a Ribeira Sacra está preto do recoñecemento como Patrimonio da Humanidade e concluiu sinalando que “desde a Deputación de Lugo levamos anos apostando por un turismo de experiencias, sostible e vencellado á identidade do territorio. Un turismo que non busca grandes artificios, senón ofrecer algo auténtico e iniciativas coma Marida Maio encaixan perfectamente nesa maneira de entender o turismo e tamén o desenvolvemento do territorio”.
Gloria Prada, pola súa banda, recoñeceu o traballo e esforzo da APEHL e a súa delegación sur na organización e impulso de campañas como o Marida Maio. Campañas que segundo ela “tradúcense nun impulso económico para Monforte e a súa contorna e contribúen á dinamización da nosa economía a través de sectores diversos como son a hostalería e o turismo”. Para rematar, convidou aos asistentes “a participar nestas xornadas e descubrir os excelentes viños das nosas bodegas, as propostas gastronómicas da hostalería, proxectos culturais, artesáns e turísticos que amosan o enorme talento local da nosa comarca”.
VINDEIRAS XORNADAS DO ‘MARIDA MAIO’
As vindeiras sesións serán os xoves 21 e 28 maio. Para a vindeira xornada contarase coas adegas Bodega Cruceiro, Bodega Alouviño; cos establecementos hostaleiros Tributo–Capitol; coas propostas turísticas Catamarán Río Sil e Museo Lodeiro; e en representación da arte estará Pilar Rodríguez de “En Lá” (Artesananía de Galicia). As persoas interesadas en acudir deben realizar inscrición previa contactando vía telefónica co 982 412 050, xa que a capacidade máxima permitida nas instalacións é de trinta usuarios.
O Concello de Monforte de Lemos e o Centro do Viño da Ribeira Sacra colaboran tamén neste evento organizado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL).

