Durante o encontro que Tomé Roca mantivo na zona afectada con representantes institucionais e cargos orgánicos do Partido Socialista na provincia, lembrou que a estrada derrubouse o pasado 20 de marzo e quince días despois a Xunta “dábase unhas semanas para decidir como reconstruír a estrada, dicía que non podía dar prazos ata ter un estudo xeotécnico, pero que, en todo caso, ía estar pechada ó tráfico un ano e medio”.
Case catro meses despois do afundimento, recalcou, a Xunta “non explicou que estudos se fixeron, nin as causas do sucedido, non ten feito o desvío provisional, non informou de nada ós veciños, nin ós concellos, nin á Deputación, e non ten marcada a alternativa definitiva, máis segura e viable”.
Ante esta situación, José Tomé reclamou que “se abra xa o desvío provisional e que se poñan traballar na reconstrución da estrada LU-651”, e pregúntase “onde está o PP para pedir á Xunta que actúe cando antes. Estamos diante dun exemplo claro da dobre vara de medir do PP. Fai esixencias que non practica, pedindo todas as presas ó Goberno do Estado no caso do viaducto da A-6 e arrogándose toda a calma para arranxar a súa estrada no Courel, cando a complexidade do problema non ten nin punto de comparación”, subliñou o Secretario Xeral dos socialistas na provincia.
A situación que vive O Courel é, tamén, “unha mostra máis do abandono total da Xunta ó rural. Co Partido Popular temos menos médicos, menos mestres, menos escolas, menos industria e, agora, menos estradas. Iso si, temos máis débeda pública, sen que saibamos onde gastan o diñeiro”, sinala.
O PP defende a transparencia e axilidade da Xunta de Galicia para dar solución ao derrubamento
Pola súa banda o Partido Popular defende a transparencia e axilidade da Xunta de Galicia para dar solución ao derrubamento da estrada de O Courel. “Hai que salientar que a administración autonómica, desde o primeiro momento, puxo enriba da mesa posibles alternativas para solventar o problema, de modo consensuado co concello”, afirman os populares
As obras de acceso provisional a Folgoso do Courel co fin de restituír o tráfico na estrada LU-651, aseguran desde o PP que estarán finalizadas en poucas semanas. O investimento da Xunta de Galicia nesta obra de emerxencia que se está executando é case 1 millón de euros.
Aseguran que desde a Xunta de Galicia primeiro declarouse a emerxencia para poder executar unha actuación que solventase o problema coa máxima axilidade posible, “ofrecendo unha solución rápida e segura, que é a que se está executando e que estará finalizada en poucas semanas; e despois traballando para ver a mellor alternativa que permita dar solución definitiva ao problema.”
Desde as filas populares piden ao secretario xeral socialista “que non utilice a O Courel ao seu antoxo cando, ademais, na estrada LU-P-1301, competencia da Deputación de Lugo da que é presidente José Tomé, o único que foi capaz de facer é pavimentala cando é totalmente necesario unha reforma integral da mesma (corrixir curvas, ampliar a anchura da estrada) para que non dificulte o paso ao vehículos grandes, autobuses, camións…”