InicioOpiniónCousas Xacobeas: Vilar de Sarria

Cousas Xacobeas: Vilar de Sarria

Publicado o

POR
 Xaime Félix López Arias
- Advertisement -

O Camiño Francés entra na parroquia de San Salvador de Vilar de Sárria pasado o Pontón do Pividal , ascende lixeramente ata o lugar do Carballal e descendendo por Cimo da Agra e o lugar de Vigo de Sárria alcanza o Campo do Rolo, por onde entra na parroquia de Santa Mariña
de Sárria.
O punto máis destacado nese traxecto de 1.890 metros é O Carballal, aldea  onde estivo o antigo hospital  de peregrinos chamado de San Cosme. Por un documento do ano 1219, no que consta un empréstimo feito polo bispo de Lugo, don Ordoño, a favor de Vidal Perez, menciónase o Hospital de San Cosme “in strata publica peregrinorum”, que en 1260 foi
entregado polo “milite”  García Fernández ao bispo de Lugo, don Miguel.
Este hospital acabaría desaparecendo, manténdose a súa memoria na ermida de San Cosme (ou San Cosmede ) do Carballal, onde aínda nas décadas finais do século XVIII se celebraba unha sonada romaría.
O lugar do Carballal do dominio da Igrexa de Lugo, pasou a ser couto foral señoreado polo Conde de Maceda, que percibía seis reais polo dereito de loito dos vasalos que no couto vivían. Couto que era un enclave independente dentro da Xurisdición do Marquesado de Sárria. En 1840 a aldea pasou a se integrar no Concello de Sárria. Cimo da Agra constitúe  un moderno asentamento poboacional onde ademais dun Camping, o peregrino atopa acollida nun restaurante-pensión.
O Camiño moderno vai en paralelo á estrada provincial, e na entrada ao lugar de Vigo presenta unha pequena aira con fonte e bancos para o seu lecer, con información gráfica sobre a vila.

San Salvador de Vilar de Sárria / commons.wikimedia.org

O lugar de Vigo de Vilar de Sárria (agora màis coñecido como Vigo de Sárria) aparece xa nomeado no século XII, e xurdiu darredor dun espazo coñecido como Campo de Vigo, atravesado por un rego, e onde asentaban caseteiros e ferreiros. Neste núcleo, hoxe xa formando parte da vila de Sárria, ademais da Oficina de Informaciòn ao Peregrino  hai  nove establecementos hostaleiros, seis albergues privados, catro pensións, unha tenda de materiais de apoio ao peregrino, un taller de bicicletas, lavandería automática, panadería, ultramarinos,
apoio no centro de atención da Cruz Vermella, oficina de Correos e oficina da Asociaciòn de Amigos do Camiño da Cormarca de Sárria.
Todo isto antes da Ponte Ribeira, que ata hai poucas décadas era  a entrada á vila de Sárria, e entre o Campo de Vigo e a Ponte, a unha e outra beira do Camiño de Castela, todo o hoxe edificado, eran terras de cultivo.
Remata o traxecto do Camiño nesta parroquia de Vilar de Sárria no antigo Campo do Rolo (Praza de Galicia), xa nun espazo ( Zona Escolar)  plenamente urbano, onde, como curiosidade hai que sinalar que alí estaba a casa, hoxe derrubada, na que nacera o pai do eximio místico, Frei Luis de Granada.

Sárria

ÚLTIMAS

RaizameS, un ‘Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra’ en Taboada

RaizameS é un evento innovador e cun formato diferenciador en relación cos eventos do mundo do...

Asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Chantada

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse este mércores pola mañá na...

O PP de Monforte culpa a Tomé e aos seus “caprichos persoais” da marcha do CRAEGA de Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela consideran que José Tomé despois de ver como o...

Monforte mantén viva a tradición dos maios

O Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de...