Iniciosociedade“Queremos mostrarlle á xente que volver ao natural e artesán non está...

“Queremos mostrarlle á xente que volver ao natural e artesán non está nada mal”

Esta foi unha das reflexións que lles axudou a Tamar e Carmen para crear “O Fogar dos Soños”, un proxecto de Cosmética Natural e Costura. Cambiaron Vigo por Pantón por temas laborais e xa ficaron neste concello. Os nosos colaboradores de Segredos de Pantón entrevistaron a estas dúas emprendedoras.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

Tamar ocúpase da parte de Cosmética Natural. Empezou facendo cousas para a casa, para uso doméstico, e pensou que se o podía facer para ela… por que non ofrecerlles os seus produtos naturais aos demais? E así empezou, tendo sempre moi presente a formación constante para coñecer o sector e actualizar os seus coñecementos constantemente.

Carmen ocúpase de toda a parte relacionada coa costura. Na súa mocidade estudou corte e confección, considérase unha apaixonada dos traxes antigos e un bo día empezou a confeccionar traxes medievais. Impartiu varios obradoiros de disfraces en colexios e sempre reivindica o uso de roupa elaborada con tecidos naturais e manipulados artesanalmente para vestir aos meniños e meniñas.

Para comezar a ver a historia deste proxecto, como naceu esta idea e con que piares?

A idea naceu da gran imaxinación e das ganas que ten Tamar de complicarnos a vida (risas). Ela propuxo a idea, gustounos, e dixemos, pois porque non probar?

Os principais piares do noso proxecto son, por un lado, mostrarlle á xente que volver ao natural e artesán non está nada mal, ademais de que temos que pensar que as zonas rurais estanse a quedar baleiras, polo que con ideas coma esta podemos axudar a que a xente saiba que a vida nas aldeas é fantástica!

Por outro lado, gústanos moito o contacto coa xente, polo que, que mellor que este proxecto para levalo  a cabo.

“con ideas coma esta podemos axudar a que a xente saiba que a vida nas aldeas é fantástica!”

Por que escollestes o nome “O Fogar dos Soños”? E o tulipán no voso logo?

A razón do nome é moi sinxela, no fogar que nos formamos gustábanos moito soñar, tanto en grande como en pequeno, e cremos que hoxe en día os soños son moi importantes, así que porque non compartir cos nosos clientes e amigos eses soños?

O tulipán foi unha pequena casualidade, cando Tamar comezou a facer xabón comprou un selo para estampar nos produtos, e nós na casa cando é a época deles sempre os plantamos, de moitos tipos, así que buscando un logo pensamos, pois porque non un tulipán? E falando con Pablo, o autor e debuxante do logo, que é un amigo de Tamar dende que son ben pequenos, pois foi o que resultou, un precioso debuxo do que estamos moi orgullosas.

Ilustración que representa o proxecto. Autor: Pablo

Que produtos realizades? Só cosmética ou algo máis?

Pois a verdade e que nos gusta facer un pouquiño de todo, pero non só cosmética natural. Tamén facemos traxes medievais, disfraces para maiores e pequechos, ajuares para os máis pequeniños e tamén nos amoldamos ás ideas que a xente nos propón, xa que o que máis nos gusta é personalizar as cousas para que sexan especialmente feitas para cada persoa.

No apartado de cosmética natural facemos unha ampla variedade de cousas, dende un montón de tipos de xabóns, champús, desodorantes, acondicionadores e serums sólidos, ungüentos, bálsamos labiais… Agora  estamos empezando a probar tamén maquillaxe sólido e temos moitas cousas máis que están por vir.

Como podedes ver a maioría do que facemos vai en formato sólido, moita xente pregúntanos porque tomamos a decisión de facelo así. A razón é moi sinxela, decidímonos a ofrecer esta modalidade de produtos para aportar o noso gran de area na loita contra os plásticos dun só uso e para axudar ao noso planeta, xa que só temos un, e non se nos está dando moi ben coidalo.

“decidímonos a ofrecer esta modalidade de produtos para aportar o noso gran de area na loita contra os plásticos dun só uso e para axudar ao noso planeta”

Tamén na costura reciclamos e reutilizamos, xa que lle damos unha nova vida a prendas que xa non usamos.

Traballos de costura. Foto: O Fogar dos Soños.

Como podemos facer se queremos mercar algunha das vosas creacións?

Pois a verdade é que nos gusta moito o trato cos nosos clientes, polo que preferimos a venda directa. Usamos sobre todo as redes sociais para dar a coñecer os nosos produtos. Non temos problema ningún en mandar os nosos produtos por correo postal, é máis, xa o estamos facendo.

Tamén temos un pequeno estante con algúns dos nosos produtos na granxa Casa Da Fonte. Recentemente abrimos tamén unha pequena tenda online na que se poden mercar e ver todas as características das cousiñas que facemos.

Hai pouco que deixamos a época do Nadal atrás, que propostas tivestes para estas datas? E que tal foron as vendas?

Pois tivemos unha proposta en especial, o primeiro sorteo de “O Fogar Dos Soños”. A verdade é que estamos moi contentas, xa que fixémolo a modo de proba e sorprendeunos, tivo moi boa acollida e unha numerosa participación.

Outra nova foi grazas a un moi bo amigo de “O Fogar” que nos pediu que lle fixésemos un par de cestas para regalar con unha ampla variedade dos nosos produtos, cousa que non se nos ocorrera. Despois disto tivemos varios pedidos máis delas.

Das vendas non nos podemos queixar para nada, para estar comezando tivemos unha gran acollida e a xente queda encantada cos nosos produtos. Gústanlles, e o máis importante, repiten, cousa que é xenial porque nos di que estamos a facer as cousas ben.

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa de Galicia que eu descubrín”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...