HomesociedadeCregos que se apuntan ás ‘misas online’

Cregos que se apuntan ás ‘misas online’

Coñecemos exemplos que están dando moito que falar estes días. Entre eles o de José Luis Váquez, o cura da parroquia da Estación en Monforte de Lemos que emite en diferido e en breve poderá facelo xa en directo.

Publicado o

- Advertisement -

O confinamento e a limitación da mobilidade levou á Igrexa a prescindir do culto ao público o que provocou a busca de solucións para non distanciarse dos fregueses. Algunhas delas son o uso das redes sociais e a retransmisión das eucaristías a través de ferramentas como youtube.

José Luis Vázquez é sacerdote dende 2015 na Parroquia da Estación en Monforte de Lemos e cóntanos que o pasado 13 de marzo, tras un comunicado dos bispos da provincia eclesiástica de Galicia, tiveron que suspender temporalmente as celebracións de eucaristía e os actos de culto dirixidos ao público. “Empezamos mantendo as instalacións abertas ao público respectando as distancias de seguridade e tal pero ao final decidimos pechar a cal e canto, nin abrir”, comenta.

A raíz de aquí foi cando se presentou á parroquia a idea de crear unha canle de youtube para emitir as misas e a xente recibiu a proposta encantada. O sábado 14 creouse a canle e subiuse xa a primeira misa. Despois, e coa intención de poder emitir en directo, viron que para poder facelo eran necesarios 1000 subscritores á canle co cal fíxose un chamamento que correu como a pólvora polas redes sociais e polos medios, incluso na Televisión de Galicia. “Subscribiuse moita xente de Monforte e tamén doutras parroquias nas que estiven eu antes”, di José Luis.

A TVG cubrindo a noticia

En pouco máis de 7 días a canle de youtube –Parroquia Estación. Monforte de Lemos– xa acadou superar ese límite e hoxe está en 1270 subscritores. A priori, e acadado este reto, xa se podería emitir en directo pero o crego desta parroquia monfortina dinos que falta a tecnoloxía axeitada para poder facelo con calidade, unha webcam boa e compatible. “Tamén saíu nun medio de prensa escrita local esta necesidade e xa apareceu unha persoa anónima que se ofreceu a doar unha, xa só faltaría probar esta webcam con micro incorporado e que nos chegue”, explica José Luis Vázquez.

“…xa apareceu unha persoa anónima que se ofreceu a doar unha webcam”

Todo apunta a que as emisións en directo das misas están xa máis próximas para esta parroquia. Retransmisións que evitarán ter que gravar, comprimir e subir o contido ao youtube cada día, pero que se farán tirando dos datos do móbil deste sacerdote que nos lembra que, claro, na Igrexa non teñen conexión a internet.

Nesta iniciativa, que está desenvolvéndose moito máis rápido do que esperaban na parroquia, Vázquez quere agradecer a colaboración de toda a xente que é quen realmente o está facendo posible.

Outras iniciativas de interese para os fregueses

José Luis cóntame que, ademais das emisións virtuais diarias, tamén se está emitindo a misa dos domingos na emisora de radio Eco FM ás 12:00 h. co cal aqueles que non poidan ter acceso a internet ou prefiran o medio radiofónico tamén terán a opción de non perder o contacto.

Lembra, así mesmo, que na parroquia contan con 3 grupos de whatsapp -un de oración, un do coro e outro de voluntariado- e cun servizo de escoita. Nos grupos de mensaxería, ademais de estar en contacto, ofrécese xente para axudar aos máis vulnerables, sobre todo agora para facer recados de compras, etc. O servizo de escoita realízao unha voluntaria da parroquia a través de comunicacións por correo electrónico.

O sacerdote José Luis falando cunha rapaza na Igrexa da Parroquia. Foto: J.L.

Consellos para estes momentos

Para rematar a conversa pídolle que nos deixe algúns consellos para afrontar estes días e dinos: “isto vencerémolo entre todos e todas se somos responsables, temos que cumprir co que nos mandan e convivir con moita responsabilidade. Hai moita psicose pero temos que ter esperanza de que imos saír desta. Esta situación non a esqueceremos e despois darémoslle máis valor ao que temos”.

“Esta situación non a esqueceremos e despois darémoslle máis valor ao que temos”

OUTROS CASOS NO SUR DE LUGO

Outro exemplo do uso das novas tecnoloxías para facer chegar a misa ás casas dos fieis é a parroquia de Santa Mariña de Chantada. Aquí están empregando Facebook para chegar a eles e ofrecen cada día unha lectura do evanxeo na súa páxina.

E seguindo os pasos de José Luis está agora o sacerdote Miguel Vázquez López, que oficia en Bóveda, A Pobra do Brollón e O Saviñao. A súa canle de youtube é “Padre Miguel E As Súas parroquias”, tamén sube as misas os domingos e puntualmente algunhas mensaxes. Está agora a pedir subscritores para no futuro poder facer as retransmisións en directo.

ÚLTIMAS

Publicadas as listaxes definitivas de admitidos no Programa Activa de Monforte que abre prazo extraordinario para cubrir vacantes

Xa están publicadas na páxina web municipal as listaxes definitivas de persoas admitidas nas...

Prodeme participa no Meeting Internacional Special Olympics 2025

Son 9 os deportistas de PRODEME quen viaxaron a Castelló, 7 xogadores compiten na...

‘Xornadas Lactouras’: achegamento á micoloxía desde diferentes perspectivas

Conta atrás para as 'Xornadas Lactouras', un ciclo de actividades arredor da micoloxía que...

435.000€ para a mellora da estrada que une Sarria co Polígono do Morelle

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou este martes a zona para comprobar...