Desde o PSdeG de Pantón agradecen a rápida resposta e a sensibilidade da Subdelegación do Goberno ante unha situación que preocupa á veciñanza, especialmente ás persoas maiores que viven soas e ás familias dos distintos núcleos do concello.
Dende a formación fan un chamamento á colaboración cidadá, xa que a prevención e a cooperación veciñal poden contribuír a evitar novos roubos e facilitar o traballo das forzas de seguridade. Neste contexto os socialistas fan unha serie de recomendacións:
- Se se observan persoas ou vehículos con comportamentos que xeren sospeitas razoables nas proximidades das vivendas, anotar os datos que poidan resultar útiles, como a matrícula, a marca, o modelo, a cor ou a dirección de desprazamento.
- Sempre que sexa posible e sen correr ningún risco, tomar fotografías ou gravar imaxes para poñelas á disposición da Garda Civil.
- Comunicar de inmediato calquera intento de acceso a vivendas ou situación sospeitosa á Garda Civil, a través do 062, ou ao 112 en caso de urxencia.
- Non enfrontarse ás persoas sospeitosas nin intentar retelas. A prioridade debe ser sempre a seguridade persoal.
- Manter pechadas as portas, fiestras, garaxes e dependencias anexas, mesmo durante ausencias curtas.
- Evitar deixar á vista ferramentas, escaleiras ou outros obxectos que poidan facilitar o acceso ás vivendas.
- Informar a familiares ou persoas de confianza cando se vaian pasar varios días fóra do domicilio.
- Prestar especial atención ás persoas maiores que viven soas e manter o contacto coa veciñanza para comunicar incidencias que poidan resultar relevantes.
“Seguiremos realizando as xestións necesarias ante as distintas administracións para reclamar a protección e a tranquilidade que merece a nosa veciñanza e que se reforce a presenza da Garda Civil nas zonas onde existe maior preocupación social”, conclúen.

