A CIG Saúde asegura que sen o portátil de raios non se poden facer as placas na zona COVID, “co cal teñen que traer aos pacientes desde urxencias a Raios X e pasealos por diante dos outros pacientes e se hai que facer algún portátil urxente por algunha parada cardíaca, non se poderá facer. Tampouco se poden facer telemetrías, que probablemente se teñan que mandar a Lugo.”
Segundo o sindicato estes problemas veñen derivados pola privatización de electromedicina, ao retirárselle os contratos de mantemento ás empresas que os tiñan, “agora estropeouse a procesadora de RX que é onde se revelan as placas e a empresa Iberman, nova concesionaria, non o amaña porque non sabe, co que habería que chamar á empresa oficial, que tampouco quere vir porque lle retiraron o contrato”, sinala o sindicato.
Para a CIG Saúde, as consecuencias desta privatización páganas os pacientes e propoñen mercar un portátil dixital canto antes, como teñen feito o hospital de Lugo ou o de Ourense e lamentan que en Monforte non se faga porque “parece ser que non hai cartos para poder mercalo.” Pide o sindicato que se compre xa o portátil e que se deixe de xogar coa vida dos pacientes.