O sistema asistencial da Deputación para maiores en tempos de Covid19

A provincia de Lugo conta cunha forte rede de protección social que ten como principais piares a rede de residencias públicas para maiores abertas nos concellos de Trabada, Ribadeo, Pol e A Fonsagrada, o servizo de teleasistencia domiciliaria e o apoio ao servizo de axuda no fogar dos concellos.

Soidade do ancián / cuidateplus.marca.com

O sistema asistencial, dependente da Deputación Provincial, favorece o benestar social, a conciliación e xérase actividade e emprego sostible. En total, créanse máis de 300 postos de traballo malia non ter as competencias en servizos sociais, pois estas recaen na comunidade autónoma, segundo establece o Estatuto de Autonomía.

Á parte, e tamén dependentes da Deputación, Lugo conta con catro centros públicos de atención a maiores na provincia, nos municipios de Trabada, Ribadeo, Pol e A Fonsagrada con capacidade para máis de 200 veciños e veciñas de idade avanzada. No concello de Ribadeo a institución provincial ten unha residencia de 48 prazas, no de Pol unha de 36 prazas, en Trabada outra con 30 prazas e na Fonsagrada, un centro con 28 prazas. A maiores, estas dependencias ofrecen prazas de centro de día: 18 prazas no centro de Pol, 20 no de Trabada e 20 no da Fonsagrada.

A característica principal destes centros de maiores as súas modernas infraestruturas, totalmente adaptadas ás necesidades dos maiores e ao seu grao de dependencia. Á parte dos servizos esenciais, ofrecen unha ampla variedade de actividades destinadas ao entretemento e a fomentar unha vida activa. As residencias ofrecen tamén un servizo de limpeza continua, lavandería e traballos de xastrería.

O persoal dedica unha atención especializada en áreas fundamentais como a hixiene persoal ou a mobilidade. Ademais, ofrécense menús adaptados, elaborados por expertos en nutrición, cociñados con produtos de temporada e de proximidade, pensando sempre en coidar a saúde dos maiores. É habitual que as direccións dos centros organicen menús especiais cadrando con aniversarios ou celebracións arraigadas na provincia, como o San Xoán, o magosto ou o Nadal, co obxectivo de que a súa vida no centro se asemelle o máximo posible á súa vida de sempre.

Dende a Deputación amosan o seu orgullo por “ter implantado un modelo de xestión de residencias público, de proximidade, de calidade asistencial, que pon no centro ás persoas, e non busca o negocio”, en definitiva “un sistema que funciona, que garante o benestar, a calidade de vida e a tranquilidade dos nosos maiores, pero tamén das súas familias. É, tamén, un modelo de xestión que ten un retorno económico importante na zona na que se implantan, e que axuda a fixar poboación creando emprego sostible”.

Á parte, e segundo informan dende o órgano provincial, as instalacións están pensadas para poucos usuarios, de aí que que se garanta que os maiores reciben os coidados e servizos que precisan e aos que teñen dereito, preto do seu lugar habitual de residencia. A institución facilita que cada persoa poida permanecer no lugar no que fixo a súa vida, convivindo cos seus veciños e veciñas e atendidos por persoal que na súa maioría é da súa zona e mesmo coñecen. Todo isto favorece a súa calidade de vida, e tamén o seu benestar emocional.

Ademais das catro residencias que a Deputación ten en marcha, segue avanzando nos compromisos que ten adquiridos cos concellos neste eido. Deste xeito, antes de finalizar o ano prevé abrir os centros de atención a maiores de Castroverde e Pedrafita do Cebreiro, e deu pasos importantes nos de Meira, Guitiriz, Pantón e Portomarín.

TELEASISTENCIA DE BALDE

O programa de teleasistencia domiciliaria que ofrece a institución provincial lucense permite que as persoas maiores e que viven soas, sexan ou non dependentes, reciban unha atención directa e personalizada. Está dirixido á veciñanza dos 67 concellos lucenses e o funcionamento é moi doado: só teñen que premer un botón que levan nun colar ou nunha pulseira se necesitan asistencia, sexa á hora que sexa, xa que o servizo está operativo as 24 horas do día e os 365 días do ano.

Esta acción de benestar social é totalmente de balde, financiada integramente pola Deputación de Lugo, a través dun contrato que ascende a 750.000€ cunha duración de dous anos. Agora mesmo aténdense a 1.795 veciños e veciñas da provincia: 1.555 prazas son de persoas usuarias directas; 180 son de persoas que conviven co titular do servizo e reúnen os requisitos para ser beneficiarias; e outras 60, están destinadas a persoas que, convivindo coa persoa usuaria e necesitando das prestacións e atencións, carecen de capacidade física, psíquica ou sensorial para poder utilizar a atención por si mesma.

A Deputación traballa para mellorar e facer cada vez máis completo este servizo. No último contrato deste servizo, incluíronse un conxunto de medidas que melloran o programa, como son a achega de balde de 60 terminais a maiores dos 1.555 esixidos obrigatoriamente á adxudicataria; 48 dispositivos periféricos vinculados ao terminal de Teleasistencia (detectores de caídas, de gas, de fumes,  de movemento e de presencia), incluíndo a súa  instalación, mantemento e prestacións vinculadas aos mesmos; 48 terminais de teleasistencia móbil que conten cun sistema de xeolocalización e monitorización, que permita a emisión de alarmas e a localización da persoa usuaria; e terminais que faciliten a utilización do servizo a persoas con dificultades de comunicación  verbal ou auditiva.

Grazas a este servizo, os usuarios e os seus familiares viven con máis tranquilidade porque saben que, malia as dificultades de vivir sós ou illados no rural, contan cun sistema de chamada en situacións de emerxencia.

Durante o Estado de Alarma, a institución provincial lucense reforzou este servizo para dar unha maior cobertura aos usuarios e usuarias nesta situación excepcional. Intensificáronse as chamadas nas que se ofrecía información sobre a pandemia e as medidas que favorecían a contención do coronavirus, constatándose a boa saúde das persoas, que vían atendidas as súas necesidades aínda na circunstancia de confinamento domiciliario.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here