IniciosociedadeSarria converteuse en centro de homenaxe ás vítimas do franquismo en Galiza

Sarria converteuse en centro de homenaxe ás vítimas do franquismo en Galiza

A área de Memoria Histórica celebrou o 17 de agosto pola tarde, en Sarria, un acto de homenaxe ás vítimas do franquismo coincidindo co Día da Galiza Mártir. A cita convertíase na de maior rango institucional das celebrados en Galica, onde segue pendente o recoñecemento oficial do 17 de agosto como Día da Galiza Mártir

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O deputado Efrén Castro e a vicepresidenta da Deputación Maite Ferreiro, acompañados polo alcalde de Sarria, Claudio Garrido, e outros cargos institucionais fixeron unha ofrenda floral no murallón da praza de Santa Mariña, a carón da placa que lembra aos tres concelleiros de Sarria asasinados tras o levantamento militar de 1936, Rogelio Tarí, Vicente Páramo e Pedro García.

Efrén Castro lembrou a historia da data, instituída pola comunidade galega no exilio en memoria de Alexandre Bóveda, fusilado na Caeira en Poio en 1936. “Bóveda morreu polo seu amor a Galiza e pola defensa de valores democráticos. A día de hoxe, a sentenza que o condenou a morte aínda segue sen ser anulada.  Isto danos mostra do moito que queda por avanzar no tocante á memoria histórica. Mentras as vítimas do franquismo seguen enterradas nas cunetas do noso país; os seus verdugos manteñen posicións de privilexio”, expuxo.

“No contexto politico actual, co auxe da extrema dereita en Europa e no Estado español, faise áinda máis importante celebrar actos de memoria para desmontar as mentiras daqueles que queren branquear o rexime franquista”, engadiu na Casa da Cultura, onde continuou o acto tra a ofrenda floral.

Galiza Mártir Sarria / Vicepresidencia

Conferencia e música na Casa da Cultura

O historiador Rafael García Ferreira, membro do grupo de investigación Histagra da Universidade de Santiago de Compostela, expuxo o relatorio “O golpe do 36: violencia e perspectiva nacional”, no que se detivo no uso da violencia por parte dos sublevados, que asasinaron e perseguiron a milleiros de persoas en Galiza por motivos políticos ou de non adhesión ao réxime que se pretendía construír. García Ferreira parouse nalgúns dos episodios e lugares da comarca nos que a represión foi máis cruenta como Paradela ou o Alto da Valiña. O historiador tamén incidiu nas consecuencias da vitoria dos sublevados para o nacionalismo galego, ferozmente perseguido polo movemento golpista.

O grupo Raiceira acompañou a intervención coa interpretación de dúas pezas do seu repertorio e unha arranxada para o acto.

Galiza Mártir Sarria / Vicepresidencia

Día da Galiza Martir

No acto tamén participaron representantes do Ateneo Galeguista de Lugo e doutras asociacións culturais da comarca, que coinciden na necesidade de recoñecer o 17 de agosto como Día da Galiza Martir.  

A Fundación Alexandre Bóveda impulsa  o recoñecemento oficial desta data, instituída pola Irmandade Galega en Arxentina en 1942 por coincidir co fusilamento do político en 1936 e na que se lembra a todas as persoas represaliadas polo franquismo en Galiza e reclámase a reparación ás vítimas e as súas familias.

A iniciativa da área de Memoria Histórica converteu Sarria no centro de referencia das reivindicación do Día da Galiza Martir xa que boa parte dos actos programados para esta data noutros puntos do país foron suspendidos por mor do mal tempo.

ÚLTIMAS

RaizameS, un ‘Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra’ en Taboada

RaizameS é un evento innovador e cun formato diferenciador en relación cos eventos do mundo do...

Asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Chantada

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse este mércores pola mañá na...

O PP de Monforte culpa a Tomé e aos seus “caprichos persoais” da marcha do CRAEGA de Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela consideran que José Tomé despois de ver como o...

Monforte mantén viva a tradición dos maios

O Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de...