Iniciosociedade“Castro y Montes vén para quedar se o público quere”, Javier e...

“Castro y Montes vén para quedar se o público quere”, Javier e Andrés

Despois de anunciar que o deixaban a finais do 2014, volven tocar xuntos en concerto na Abadía de San Simón, establecemento monfortino que vén de anunciar cheo total para 3 datas nesta fin de Semana Santa.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Tras case sete anos, Castro y Montes volve tocar en público. Dende a súa despedida a finais de 2014 só se xuntaron para tocar nun compromiso cinematográfico para saír na película Sicixia, no ano 2016. O lugar escollido é a Abadía de San Simón, en Monforte, local que puxo o cartel de ‘Todo vendido’ para este venres, sábado e domingo.

“Foron catro anos moi intensos con Castro y Montes… e hai xente que nos di que lle pareceron dez”, confesa Javier, un dos compoñentes desta formación nacida na Ribeira Sacra que deixou fans para toda a vida por alí por onde pasou.

O grupo “Castro y Montes”, apelidos dos carismáticos músicos Javier Castro e Andrés Montes, foi un fenómeno musical que triunfou facendo versións dos 80-90 entre os anos 2011 e 2014. Aínda que a súa presenza foi máis intensa na Ribeira Sacra -os dous son orixinarios de aquí, Javier da Pobra do Brollón e Andrés do Saviñao- as súas versións chegaron a locais de toda Galicia, de toda España e incluso fixeron unha xira por Suíza. Andrés Montes lembra ter feito 92 bolos nun ano e que tiveron unha oportunidade de facer unha xira por Nova Iork. Unha empresa que facía eventos gastronómicos escolléraos como dúo pop-rock español para actuar en 21 restaurantes desta gran urbe norteamericana.  “Foi unha oportunidade desas que pasa unha vez na vida, pero non puido ser”, dinos Andrés.

“Andrés Montes lembra ter feito 92 bolos nun ano e que tiveron unha oportunidade de facer unha xira por Nova Iork”

Este binomio musical soubo tocar a fibra do público cun repertorio moi ben escollido de temas daqueles anos. A sintonía entre eles sumada á simpatía co público fixo o resto para entrar no corazón de moitísima xente. Raro era o local onde non repetían ou tripitían concerto por aclamación popular, e como di con retranca Javier “eses anos estabamos ata na sopa”.

Os seus concertos fixeron revivir aqueles anos para toda unha xeración tocada pola nostalxia que esperaba as súas actuacións coa emoción dun pequeno na Noite de Reis.

“O último concerto foi en Bóveda, no Centro para Persoas con Discapacidade Física de Bóveda”

Despois deses catro anos intensos, chegou a despedida. Javier Castro lémbranos que o último concerto foi en Bóveda, no Centro para Persoas con Discapacidade Física de Bóveda. “Pareceunos o sitio perfecto para acabar, un broche final perfecto”. Foi o 28 de decembro de 2014, unha data que cadrou así pero que moita xente pensou que podía ser unha inocentada. “Seguiron chamándonos a min e a Andrés porque moita xente non o cría”, di Castro. Tanto é así que para que non os chamaran máis tiveron que facer un comunicado no Facebook para deixar claro que Castro y Montes paraba.

Que anos aqueles! / Castro y Montes

O RETORNO

No 2018 seica lles pasou pola cabeza a idea de volver. Foi unha idea, “a coña de xuntarse” segundo nos di Javier. Pero non puido ser, non puidemos cadrar por motivos de encaixe cos nosos respectivos grupos -Gin Toni’s e La Banda de Mazinguer-.

Respecto ao retorno, Andrés Montes dinos que “sempre tivemos claro que nalgún momento iamos volver”. Tamén remarca que unha amizade de máis de 30 anos fixo que nunca perdesen o contacto, seguiron quedando e compartindo ese bo rollo que sempre tiveron.

Andrés Montes: “sempre tivemos claro que nalgún momento iamos volver”

A cousa quedou así, pero durante o 2020 retomaron esa idea. Aquí xa falaron en serio de “facer un Castro y Montes”. As bandas estaban paradas pola pandemia e a eles apetecíalles moito volver. A xente pedíallo e decidiron facer un concerto. En palabras de Montes, “chamei a Simón e propúxenlle un ‘Castro y Montes Return’ e el encantado. Sería brutal! foi a súa contestación”.

Despois de case sete anos sen ensaiar, quedaron e o encontro foi espectacular. Nese primeiro ensaio, despois de tantos anos, os temas soaron mellor que nunca. “Nótase que somos mellores músicos que antes, e que nos enriqueceu tocar con outros músicos”, di Javier.

En canto á esa actuación do retorno, Andrés refire que estaba programada para novembro de 2020 na Abadía de San Simón de Monforte e non se puido facer. Cancelouse polo peche da hostalería. Con ese compromiso adquirido, xurdiu a opción de facelo esta Semana Santa e así foi. A previsión era facer un concerto o domingo e ao final pecháronse 3, venres, sábado e domingo. “Para nós é un subidón ter eses tres días cheo o local”, dinos emocionado Andrés Montes.

“A previsión era facer un concerto o domingo e ao final pecháronse 3, venres, sábado e domingo”

Preguntamos polas intencións destes concertos, se a cousa quedará aquí como anécdota ou a idea é seguir.

“A idea é probar que tal outra vez en directo e o público dirá se temos que continuar …” sentencia Castro dando a entender que a intención é seguir se o público quere e a compatibilidade coas bandas o permite.

ÚLTIMAS

RaizameS, un ‘Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra’ en Taboada

RaizameS é un evento innovador e cun formato diferenciador en relación cos eventos do mundo do...

Asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Chantada

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse este mércores pola mañá na...

O PP de Monforte culpa a Tomé e aos seus “caprichos persoais” da marcha do CRAEGA de Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela consideran que José Tomé despois de ver como o...

Monforte mantén viva a tradición dos maios

O Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de...