“Se hai traballo quero quedarme aquí, onde mellor que na casa”, Belén Fernández, Mesón Os Castros

A finais de febreiro deste 2022 adxudicábaselle o arrendamento do “Mesón Os Castros” para uso de bar-cafetería-restaurante a Belén Fernández Rodríguez. Belén é orixinaria de Pantón e sempre estivo vinculada coa hostalería porque seus pais tiñan o bar xunto á vía do tren en San Esteban do Sil.

Belén, Mesón Os Castros / concello de Pantón

Con 22 anos e despois de traballar en cafetarías e restaurantes de Pantón, Belén ponse ao frente do Mesón Os Castros, “Ao final, a hostalería nacín nela e aquí teño á miña nai botándome unha man e xogo cunha ventaxa de 30 anos de experiencia. Non tes horarios, sabes a que hora entras, pero nunca a que hora saes. Son moitas horas, pero é o que hai neste traballo”, asegura Belén.

Abren as súas portas todos os días ao redor das 8 e media, agás o xoves que pechan por descanso. Belén conta con dúas empregadas e ofrecen tapas e racións, comidas para levar e menús do día. Nas fins de semana comezaron a ofrecer churrasco, “Púxonos unha parrilla o concello e o churrasco está saíndo moi ben. De momento traballámolo nas fins de semana, pero igual poñémolo toda a semana”.

O Mesón Os Castros ofrece viños elaborados no concello ao amparo da D.O. Ribeira Sacra e promociona outros produtos gastronómicos locais, “Utilizamos carnes de aquí e produtos de aquí, tentamos promocionar o que é o concello. Os viños son todos de adegas do concello, non temos ningunha adega de fóra para axudar tamén á xente do concello.”

Para a Feira do Viño terei que reforzar o persoal pero non hai ninguén que queira traballar”.

O Mesón Os Castros abría as súas portas cando as limitacións da pandemia chegaban ao seu remate e despois dunha boa Semana Santa, agardan un bo verán e unha Mostra dos Viños da Ribeira Sacra de Pantón de moito traballo, “Temos unha terraza moi boa e está funcionando moi ben. Para a Feira do Viño terei que reforzar o persoal para atender o comedor e a terraza, pero o problema é que non hai ninguén que queira traballar”.

Mesón Os Castros

Como actividades alternativas, non descartan organizar concertos, “a idea é que ao rematar as festas a xente siga tendo actividades e non se encerre nas casas”, asegura Belén que nestes comezos enfróntase a problemas con Google para actualizar a información do establecemento e a que aparece é incorrecta; sen embargo fóra de internet a iniciativa de Belén dá os seus froitos, “Non hai queixa para os comezos, a xente vai sabendo que estamos aquí. Vives do día a día, dos veciños que veñen, non da xente de fóra, pero si que é verdade que nas fins de semana e agora na Semana Santa notouse moita xente de fóra, o Balneario tamén axuda moito.”

Con 22 anos esta nova empresaria imaxina o seu futuro no concello de Pantón, “Espero que o meu futuro sexa en Pantón, espero seguir aquí, non sei se haberá traballo ou non o haberá. Se hai traballo quero quedarme aquí. Teño aquí a toda a familia e todos os meus amigos, que mellor que na casa?”

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here