HomesociedadeAlumnado do CEIP de Quiroga promove o Camiño de Inverno xunto cos...

Alumnado do CEIP de Quiroga promove o Camiño de Inverno xunto cos Gin Toni’s

O videoclip que gravaron, "Pasiño a pasiño", foi o traballo final da rapazada para participar no Plan Proxecta "Vexo, Veo Xacobeo" que ten como obxectivo promover algún dos Camiños a Santiago. O resultado podédelo ver aquí.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Falamos con Belén Maseda, profesora do CEIP de Quiroga, que nos conta un pouco a cronoloxía e o obxetivo desta colaboración que tivo o centro co coñecido grupo Gin Toni’s.

Segundo refire Belén, “a idea xurdiu para facer coma produto final que nos esixían no Plan Proxecta ‘Vexo, Veo Xacobeo’, que traballamos este curso dende infantil ata segundo de primaria”. Segundo sabemos, a este plan só accede un centro de cada concello polo que pase algún dos Camiños a Santiago. E claro, no seu caso, traballaron o Camiño de Inverno.

“As actividades que fixemos nas diferentes clases estiveron ligadas ao paso do Camiño de Inverno por Quiroga e pola Ribeira Sacra. Deste xeito os pequenos e pequenas aprenderon sobre esgrafiado, fixeron sinalización para colocar nas fachadas das casas e incluso percorreron un tramo do camiño…”, explica Belén engadindo que “cada actividade selábase nunha credencial simbólica como as que selan os peregrinos nas etapas do camiño. Finalmente acabaron selando a súa na Oficina de Turismo de Quiroga”.

Todo este traballo que formaba parte do proxecto tiña que ter unha guinda e os protagonistas querían que fose algo novidoso. “Como xa tiñamos feito videos, podcast, etc, ocorréusenos facer unha canción”, di a nosa interlocutora. E así foi como o equipo directivo do CEIP de Quiroga e outras/os profesores comezaron a darlle forma a esta última acción do seu traballo. Belén escribiu e compuxo a canción, que leva por título “Pasiño a pasiño” e tivo a iniciativa de chamar a Andrés Montes para ver se era posible gravala. E dito e feito, a predisposición foi máxima e remataron gravando a canción os rapaces e as rapazas xunto coa banda Gin Toni’s.

O videoclip corre xa polas redes sociais, aquí podedes ver o resultado.

ÚLTIMAS

O BNG de Monforte solicita a nulidade do acordo plenario na moción que pedía a dimisión de Tomé

Desde o BNG lembran que a decisión de votar unha moción por puntos corresponde...

A xornalista e comunicadora feminista Cristina Fallarás, o sábado 17 en Chantada

A asociación 'Polamiúda' de Chantada organiza o vindeiro 17 de xaneiro unha interesante charla...

Quiroga viaxa a Santiago o 18 de xaneiro para ver “Memorias dun neno labrego”

A obra que se representará é “Memorias dun neno labrego”, baixo a dirección e...