IniciosociedadeAsesoramento de balde para lucenses con poucos recursos

Asesoramento de balde para lucenses con poucos recursos

Colexiados expertos en Dereito do Traballo e da Seguridade Social, coordinados con Servizos Sociais dos concellos, ofrecerán atención personalizada. O Servizo parte dun convenio entre Deputación e o Colexio de Graduados Sociais de Lugo.

Publicado o

- Advertisement -

O voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos Ramos, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, o Presidente do Colexio Oficial de Graduados Sociais de Lugo, Manuel Núñez, e a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, presentaron onte un servizo de asesoramento socio-laboral que 95 graduados sociais da provincia prestarán de balde a lucenses en situación de vulnerabilidade e con escasos recursos.

O servizo de asistencia xurídica é unha fórmula pioneira en España ao desenvolverse con apoio institucional e conta cunha achega de 30.000 euros. O Presidente do Colexio de Graduados Sociais de Lugo destacou a importancia da sinatura deste acordo de colaboración coa Deputación para poder difundir o servizo entre todos os potenciais usuarios e que aqueles que non teñan posibilidades de acceder a el poidan facelo. Así mesmo subliñou que sen o investimento do ente provincial non se podería levar a cabo e pon de manifesto o compromiso coa “xustiza social”, lema que preside a actividade do Colexio.

Santos Ramos, subliñou na presentación que “vivimos no medio dun maremagnum administrativo que é moi complexo para as persoas que están suxeitas a esas normas. Este servizo constitúe un vehículo condutor cara un cambio social que garante unha relación fluída entre traballadores e empregados, así como entre cidadáns e a administración. Outro dos piares deste servizo é que é un espazo de consulta fiable e accesible, que vén para quedarse e que constituirá un antes e un despois na prestación de servizos sociais nesta provincia”.

Sonsoles López Izquierdo destacou que “viamos que era patente a necesidade de asesoramento e parecíanos fundamental que este servizo se estendera a todo o territorio da provincia. Dotar de asistencia de calidade ás persoas que máis o necesitan encaixa cos obxectivos do goberno da Deputación, que pasa por outorgarlles aos cidadáns e cidadás as ferramentas necesarias para resolver os seus problemas cotiás”.

O servizo de asesoramento parte dunha necesidade detectada polo Colexio de Graduados Sociais xa que moitos traballadores e incluso pequenas empresas, por mor da crise, atópanse en situacións económicas delicadas e non poden acceder a asesoramento especializado en temas que lles afectan directamente. Asuntos tan importantes como defender os seus dereitos básicos e xestionar certas cuestións xurídico-administratvias.

Este colexio profesional conta con 95 colexiados/as expertos/as en Dereito do Traballo e da Seguridade Social, en exercicio e con despachos en toda a provincia e Lugo. Estes profesionais serán os encargados de prestar o servizo de xeito gratuíto en todas as localidades da provincia de Lugo.

O servizo canalizarase en coordinación cos departamentos de Servizos Sociais dos concellos da provincia trasladándolles estes as consultas dos veciños/as sempre que se detecte necesidade de asesoramento socio-laboral e a situación económica destes o requira acreditados os poucos recursos.

tipo de asesoramento

Entre as cuestión que se poden consultar figuran xestións relacionadas con estranxeiría ou outras materias sobre prestacións da Seguridade Social, relacións e conflitos laborais, autoemprego, axudas sociais, etc.

Ademais, o Colexio de Graduados Sociais abre este servizo a colectivos que o poden precisar como emprendedores novos ou senior que queiran abrirse camiño no autoemprego e carezan de medios para acceder a un asesoramento de calidade. Neste senso, o proxecto pretende cubrir unha parcela que non poden abarcar no seu conxunto os servizos sociais, que é a atención integral, abranguendo o aspecto laboral ademais do social.

ÚLTIMAS

RaizameS, un ‘Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra’ en Taboada

RaizameS é un evento innovador e cun formato diferenciador en relación cos eventos do mundo do...

Asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Chantada

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse este mércores pola mañá na...

O PP de Monforte culpa a Tomé e aos seus “caprichos persoais” da marcha do CRAEGA de Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela consideran que José Tomé despois de ver como o...

Monforte mantén viva a tradición dos maios

O Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de...