InicioSucesosO primeiro accidente aéreo no Val de Quiroga

O primeiro accidente aéreo no Val de Quiroga

Interesante crónica dun acontecemento histórico da aviación en Galicia que tivo lugar en San Clodio, no Concello de Ribas de Sil.

Publicado o

POR
Xerardo Rodríguez Arias
- Advertisement -

Con motivo do Ano Santo de 1926, a Arma de Cabalaría decide organizar unha expedición para acudir á tradicional ofrenda ao Apóstolo; con esta finalidade, na mañá do 14 de xullo saen de Valladolid ao mando do gobernador militar desa cidade, xeneral Fernández Pérez, cinco xinetes por cada unha das oitos rexións militares, entre os que figuran os coroneis dos rexementos de Lanceiros da Raíña, Príncipe, Farnesio e Villaviciosa, os dos Húsares de Pavía e Princesa, os de Cazadores de Albuera e Tetuán e o coronel director da Academia de Cabalaría.

Para completar a expedición despegan de León tres De Havilland DH-9-Hispano, pilotados por aviadores da mesma Arma; o día 22 sae o avión número 145 do capitán coruñés Luis Pardo Prieto, acompañado polo capitán e profesor da Escola de Aviación José Sanchiz, dirixíndose á praia de Santa Cristina na Coruña, que será a súa base até o día da ofrenda, agardando alí polos aparellos números 94 e 158 nos que sairán ao día seguinte o capitán Arce e o alférez Sampil.  Luis Pardo chega a Santa Cristina ás seis menos vinte da tarde, unha hora e dez minutos despois do seu despegue en León.

O Havilland nº 94, co nome “Avila”, pilotado polo capitán Ernesto Gómez de Arce vese na obriga de facer unha aterraxe de emerxencia en San Clodio, á beira do Sil.

Como estaba previsto, ás seis e vinte da tarde do día 23 saen de León nos seus respectivos Havilland Arce e Sampil, chegando este último sen novidade á Coruña a iso das oito. O Havilland nº 94, co nome “Avila”, pilotado polo capitán Ernesto Gómez de Arce vese na obriga de facer unha aterraxe de emerxencia en San Clodio, á beira do Sil.

Serían sobre as oito e media cando o ruído do aparello alerta á veciñanza da presenza do avión, e foron moitos os que se decataron de que as evolucións cada vez máis baixas amosaban os intentos por dar cun lugar axeitado para aterrar. Algúns veciños acenáronlle ao piloto para que fose cara o lameiro da Abadía de San Clodio, lugar onde xa aterrara algunha vez o comandante Bellod, nas visitas á familia no Pazo de Batanero.

O capitán Gómez de Arce fai caso omiso e decide probar preto do río, nun espazo á altura onde está hoxe a ponte que comunica a vila de Quiroga e a de San Clodio, con máis capacidade de manobra e que semellaba tratarse dun areal. Perto do chan o piloto decátase de que no canto de area está enriba dun mar de xogas, frustrando a manobra e remontando o voo, operación na que bate cos fíos do tendido eléctrico, que dende a planta da Rodela, en Quiroga, subministraban enerxía á vila veciña. O forte impacto estraga o tren de aterraxe, a hélice e provoca importantes danos na fuselaxe.

Malia que nun primeiro momento os aviadores referíronse a unha avaría o certo é que xorden dúbidas sobre o verdadeiro motivo do intento de aterraxe. Se Sampil e Arce despegaron á mesma hora de León e o mesmo Sampil manifesta á súa chegada a Coruña que perdeu de vista ao aparello de Arce a altura de Ponferrada e este aterra en San Clodio media hora máis tarde que o avión de Sampil en Santa Cristina, déixanos unha hora de marxe na que o “Avila” estivo a voar desorientado entre Ponferrada e o Val de Quiroga. É probábel que o capitán Gómez de Arce tomara esa decisión polo avanzado da hora para poder aterrar na praia de Santa Cristina con luz e na fase axeitada da baixamar, ou quizais pola escaseza de combustíbel, logo dunha hora de consumo non previsto.

Bibliografía (obras do autor):

“Cen anos de aviación en Compostela”. Edit. Consorcio Santiago & Editorial Andavira.

“O desenvolvemento da aviación en Galiza”. En preparación.

ÚLTIMAS

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...

Axudas para a reestruturación e reconversión das viñas

No DOGA do 26 de marzo publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural...

6 empresas locais constrúen novas naves no Polígono dos Acivros, en Chantada

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, vén de visitar o Polígono dos Acivros...

A Deputación urxe á Xunta a acometer o desdobramento da totalidade do corredor Nadela-Monforte

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, evidenciou a necesidade de completar...