Teatro, música e Apalpador na programación de Nadal de Monforte

O concello vén de presentar as actividades de lecer para estas festas. Segundo manifestou o rexedor local, José Tomé Roca, serán menos das que había previstas por mor da incidencia da Covid19.

O Apalpador acompapado de Servando Barreiro na Praza España. Foto: XMF

O Concello de Monforte presentou a súa programación de Nadal nunhas datas nas que a incidencia da pandemia no sur de Lugo está sendo a máis alta da provincia. O Alcalde, José Tomé Roca, sinalaba a este respecto que “a incidencia da sexta ola da Covid-19 segue a condicionar o normal desenvolvemento de actividades, e obrigounos a cancelar un sinfin de actividades ó longo de todo este ano, e neste senso, a programación de Nadal que ano a ano deseñaba o Concello, tamén se veu afectada”.

Segundo o rexedor, houbo actividades que caeron da programación final por mor das restricións e recomendacións das autoridades sanitarias como o Mercado de Nadal, os contacontos, os obradoiros para nenos e adultos, o scalextric e outras actividades de lecer e promoción.

PROGRAMACIÓN

Os máis pequenos da casa poderán volver participar un ano máis no xa tradicional certame de poesía infantil “Nadal 2021”, da Biblioteca Pública Municipal Poeta Lois Pereiro, que está aberto ata o 23 de decembro.

No que respecta a decoracións, a Asociación Albores poñerá a decoración do vestíulo da Casa do Concello e na sala de exposicións da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro farase a montaxe dun Belén a cargo de J. Antonio Davila. O nacemento permanecerá exposto dende o 22 de decembro de 2021 ó 10 de xaneiro de 2022 que será inaugurado o mércores 22 de decembro.

Outras citas que na axenda deste Nadal en Monforte:

-Concurso de Beléns para os centros educativos de Monforte: convocado a finais de novembro, a súa resolución terá lugar o 15 de decembro. O 1º premio estará dotado con 100 euros, o 2º premio con 80 euros, o 3º premio con 50 euros e o accésit con 30 euros.

-Concerto da Sociedade Filarmónica de Monforte. O martes 21 de decembro, ás 20:30 horas na en el Multiusos.

-Concerto Nadal 2021 da Coral Polifónica de Monforte. Mércores 22 de decembro, ás 20:15 horas, na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro.

-O Apalpador visitará as rúas da cidade e a zona dos mercados-Praza de Abastos durante a mañá do xoves 24 de decembro. Un clásico xa da cidade do Cabe por estas datas, moi esperado por nenas e nenos para unha ruada chea de contos, cantos e ledicia.

O Apalpador moi ben acompañado na Rúa Cardenal de Monforte. Foto: XMF

Dentro do Ciclo de Teatro Profesional o grupo Teatro Marionetas Trécola representará o 28 de decembro ás 18:00 no Edificio Multiusos a obra A Saga de Flin Havardr. Esta representación dirixida a un público infantil e familiar tamén será de entrada gratuíta

CABALGATA DE REIS

Un dos días máis agardados será o mércores 5 de xaneiro. Os Reis Magos de Oriente chegarán á estación de ferrocarril de Monforte sobre as 17:00 horas.

O desfile de Carrozas Reais e da súa comitiva comezará ás 18:00 horas dende a Praza da Estación ata chegar ao Concello e á praza Campo de San Antonio.

Un pouco máis tarde, ‘As Súas Maxestades’ lerán o seu discurso dende o balcón da Casa Consistorial.

Carroza na Cabalgata de Reis. Foto: XMF

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here