Os tres obradoiros de emprego impulsados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria na Zona Sur da provincia de Lugo veñen de iniciar a súa actividade coa participación de 60 persoas alumnas-traballadoras (20 en cada taller) que durante os próximos nove meses recibirán formación teórica e práctica en diferentes especialidades. As tres iniciativas suman unha achega autonómica de 1 millón de euros (336.500 euros para cada obradoiro).
O obradoiro Sillor VI (Folgoso do Courel, Ribas de Sil e Quiroga) imparte formación relacionada coa albanelería -con sete alumnos de Quiroga- e urbanización -con seis participantes de Folgoso do Courel e sete de Ribas de Sil). Os proxectos que prevén acometer en Folgoso do Courel son o remate das escolas do Carballal e A Teixeira e os espazos dianteiros; a construción de beirarrúas na rúa Nova de Folgoso e a instalación de plataformas con valado para contedores. En Quiroga traballarán na segunda fase da ampliación do Museo Xeolóxico e en Ribas de Sil na pavimentación do acceso e a finalización do peche dunha parcela de equipamentos municipais de San Clodio.
Por outra banda, o taller de Monforte de Lemos adicarase á segunda fase do acondicionamento das instalacións da escola obradoiro da Pinguela. Imparte formación relacionada coa albanelería (12 alumnos), así como fontanería e calefacción-climatización doméstica (8 alumnos).
No que respecta ao obradoiro Ricra III (O Saviñao, Pantón e Sober), oferta a especialidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (ten 4 alumnos de cada concello) e tamén formación relacionada coa carpintería e moble (3 alumnos de Pantón, 2 de Sober e 3 do Saviñao). A modalidade de atención sociosanitaria desenvolverase na residencia Nuestra Señora del Carmen de Sober e no centro de día de Pantón. Ademais, o obradoiro elaborará mobiliario urbano e mobles para edificios públicos dos tres concellos participantes.