O primeiro caso activo de Covid19 rexistrado en España coñeceuse o 31 de xaneiro, un paciente alemán ingresado na Gomera. Á península chegaría días despois; en Madrid, o primeiro caso rexístrase o martes 25 de febreiro, un mozo de 24 anos que estivera no norte de Italia e o 5 de marzo confirmouse a primeira morte en Madrid, unha muller de 99 anos con patoloxías previas.
En Galicia a histeria chegaba ás farmacias antes de que se coñecese o primeiro caso activo na comunidade, o 4 de marzo, un caso no hospital universitario da Coruña. Nesa xornada comezábase a estudar un novo caso en Vigo e un día despois coñecíase un segundo caso nesta cidade. O 14 de marzo o Xornal de Vigo publicaba o primeiro falecemento en Galicia por Covid19. En Monforte, o 20 de marzo falecía un home de 89 anos, a sexta vítima mortal por Covid19 en Galicia.
8.000 persoas pasan a diario polo km0 de Madrid, ese movemento xeneralizado de persoas e outras variables converteron á capital de España na zona 0. Hoxe dos 161.852 casos activos, uns 42.500 están en Madrid, que xa suma máis de 5.500 falecidos. A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade precisou este sábado que os casos activos en Galicia eran 5.747, a maioría concéntranse na área da Coruña (1.169), Ourense (1.129) e na de Vigo (1.085). O resto distribúense en Santiago (963), Lugo (592), Pontevedra (483) e Ferrol (326).
Coa cronografía dos datos e tal e como foi a evolución do Covid19, non se vive do mesmo modo a crise en Madrid, que en Galicia, ou Lugo, ou Monforte. Pero en Madrid hai moita xente de Madrid, ou Lugo, ou Monforte. Moita xente que traballa alí, á que lle gustaría poder estar aquí e que co Covid19 vese obrigada a quedar no epicentro da crise sanitaria. Nas primeiras semanas parecía un pesadelo, aseguran moitos galegos en Madrid, como moitos galegos en Galicia.
O vixiante da garita pensa en Galicia
Un galego que vive en Torrejón e traballa como garda de seguridade en Mejorada de Campo e Valdebebas lembra como foi o comezo, “Estabamos asustados, comeza a pechar todo, pechan os bares e non queda outra que irse para a casa. Temos perto un dos mercados máis grandes da comunidade e deixamos de ir. Menos mal que nos meteron a todos na casa. Non quero saber nada de informativos, o único que fan é meterche medo no corpo.”
Os gardas de seguridade das obras seguiron traballando nesta crise porque hai que vixiar todo o material, pero ata hai dúas semanas, o mesmo que volverá acontecer a partir deste luns, as obras seguían, “Nesta obra hai 15 persoas, que veñen en metro, en autobús,…. Na segunda semana desinfectouse a obra, pero sen máscaras nin xeles,…” Hai dúas semanas, ao redor da garita deste garda de seguridade, á beira da T4, todo eran obras en funcionamento; obras que mañá comezarán de novo. “A xente pórtase ben, supoño, porque non vexo a ninguén, cada día foi habendo menos coches. Ao saír de aquí métome nunha rotonda que ten 3 carrís e que é terrible entrar coa cantidade de coches que hai. Agora chego á rotonda e aínda freo, pero non hai ninguén, e nesa rotonda igual se xuntan 200 coches. Hai moito camión, moito reparto e 4 turismos. Cada vez menos voos.”
Antes destes 15 días desde a garita de seguridade, onde ven chegar e saír os avións, a viaxes reducíranse a menos da metade. Nestes 15 días case non houbo vós. “Desde aquí foise vendo a progresiva baixada de actividade, nos coches, nos avións, nas obras,… Saio todos os días a traballar e dou un paseíño pola obra. Asusta un pouco porque ves as estradas baleiras, pero agora escoitas os paxariños. Antes sempre había ruído e tapábanse, pero agora polo menos oes paxaros. Cantan seguido.”
Desde que comezou a alarma sanitaria, este vixiante de seguridade galego en Madrid, tivo varios controis que pasou sen problema por estar desenvolvendo o seu traballo. Tamén afirma que as forzas de seguridade en Madrid, concentran os esforzos na periferia para evitar entradas e saídas. E o vixiante da garita pensa en Galicia. “Antes disto pensaba subir na Semana Santa, non vexo ao meu fillo desde xaneiro. Podo subir, aí está a miña primeira residencia e a miña familia. Pero para irme e estar metido na casa, mellor quedo aquí. Tampouco sabemos se somos casos positivos, hai que esperar a ver a quen queres.”