A Consellería do Medio Rural ofrece a cada concello tres posibles convenios para financiar a contratación do persoal que conforma as brigadas municipais, ou ben o funcionamento das motobombas ou, por último, a realización de tarefas de desbroces.
Os concellos poden adherirse a todas ou algunha das modalidades. Na comarca obtiveron apoio todos os que o solicitaron: Bóveda, Folgoso do Courel e Taboada recibirán as tres liñas de financiamento; os demais municipios decidiron sumarse a dúas ou unha das liñas propostas, a excepción de Ribas de Sil e A Pobra de Brollón, que non solicitaron ningún convenio.
O investimento principal vai destinado a sufragar os custos salariais dos traballadores das brigadas. Así, nove concellos do sur lucense constituirán en total 13 brigadas, cun orzamento do Goberno autonómico de 353.400 euros (o 70,5% do total asignado a estas comarcas). Darán emprego a 65 persoas, que traballarán tanto en labores de prevención como de extinción. O seu principal obxectivo, ademais de servir de unidade de primeira intervención en caso de incendio, é a limpeza das faixas de xestión de biomasa en terreos forestais de titularidade municipal.
En relación con este propósito, a segunda liña de axudas vai destinada aos labores de roza para previr os incendios ou reducir os riscos en caso de que se produzan. Os propios concellos participantes indican no seu plan de traballo a superficie sobre a que van actuar, e sobre ese dato calcúlase a axuda que lles corresponde. Na presente campaña participan nove concellos da zona, que prevén limpar en conxunto 690 hectáreas cun orzamento de case 89.800 euros (o 18%).
A terceira e última liña está pensada para garantir a operatividade das motobombas; adheríronse catro concellos -con outros tantos vehículos-, que contratarán en total a entre 10 e 12 traballadores para este fin, cunha achega da consellería que suma 57.400 euros (o 11,5%).
Este ano, como nas últimas campañas, o operativo de verán na provincia de Lugo estará integrado por uns 1.300 efectivos, entre persoal da Xunta, dos concellos, e o persoal contratado para as brigadas helitransportadas.