HomeOpiniónDiario da nova normalidade: Non tivemos máscaras e agora non teremos aluminio

Diario da nova normalidade: Non tivemos máscaras e agora non teremos aluminio

No segundo día de nova normalidade e coa situación sanitaria controlada, de momento, é importante comezar a pensar nas consecuencias socioeconómicas. Parece ser que a crise a este nivel andará polo pico da curva despois do verán, para manterse durante moito tempo. E segundo a provincia non foi excesivamente castigada na crise sanitaria pode selo na socioeconómica.

Publicado o

- Advertisement -

Cando hai pouco máis de 3 meses nos confinaron, en inicio por 15 días, estabamos moi lonxe de imaxinar o que estaba por vir. Co paso dos días comezaba a estar claro que non ían ser 15 días e o confinamento foise alongando no tempo. E xa estamos na nova normalidade.

Digo xa, porque o tempo pasou rápido e lento simultaneamente e agora estamos na rúa e case parece que non pasou nada. Digo case, porque os mortos están aí, o medo está aí e os días de confinamento están aí, dentro de cada un de nós. Non somos exactamente as mesmas persoas que eramos cando nos confinaron. O confinamento activou mecanismos internos e situounos no tempo e nas cousas. Non foron poucas as persoas que me teñen comentado que se non fóra pola crise sanitaria e as consecuencias socioeconómicas, o confinamento resultoulles unha experiencia positiva.

No segundo día de nova normalidade e coa situación sanitaria controlada, de momento, é importante comezar a pensar nas consecuencias socioeconómicas. Parece ser que a crise a este nivel andará polo pico da curva despois do verán, para manterse durante moito tempo. E segundo a provincia non foi excesivamente castigada na crise sanitaria pode selo na socioeconómica, porque ás consecuencias do coronavirus súmase a situación de Alcoa na Mariña, empresa que se estima supón o 30% do PIB industrial da provincia e que durante a desescalada anunciou máis de 500 despidos directos e máis de 300 externos.

Protesta 2 de xuño dos traballadores de Alcoa. EFE/ELISEO TRIGO

a covid19 e o peche de Alcoa

Non lle prestamos atención á Covid19 cando apareceu en China porque pensamos que non nos ía afectar, non vaiamos a facer o mesmo coa situación de Alcoa, que para comezar afecta directamente a moitos veciños e coñecidas do norte desta provincia.

A empresa, a terceira produtora de aluminio no mundo, levaba anos queixándose do prezo eléctrico, pero ultimamente xa era insostible e máis coa crise do coronavirus. “A empresa leva perdendo nos últimos anos, decenas de millóns de euros ao ano. Se perde diñeiro vaise e punto. Entende que neste país non é posible e vaise a outros países onde ten estabilidade e certeza do prezo eléctrico,” coméntame á outra banda do teléfono un traballador que é un dos despidos anunciados.

“Deixamos o país só para o turismo para que outros que producen veñan aquí pásalo ben?”

A orixe de Alcoa está en Alúmina Aluminio, empresa de investimento público inaugurada en outubro do ano 1980, na que o goberno investiu 100 mil millóns de pesetas da época. No 1998, sendo presidente Aznar, privatízase; e agora 22 anos despois a empresa é inviable e hai que pechala. “Facemos una instalación espectacular para privatizala e en 40 anos pechala, que sentido ten? Que sistema de país temos? Que sistema de país queremos?,” dime á outra banda do teléfono, “Que facemos coas nosas producións industriais? Deixamos o país só para o turismo para que outros que producen veñan aquí pasalo ben? Que queremos ser? Con esta crise non eramos capaces de fabricar máscaras e guantes, algo tan sinxelo. Os alemáns fabrican lápices, rotuladores e nós temos todo en China e chega o coronavirus e quedámonos con cara de, por favor unhas máscaras. Parece que a nosa aposta como país do primeiro mundo é deixar a produción fóra do país.”

Alcoa San Cibrao / Energynews.es

A fábrica de Alcoa en San Cibrao é das máis eficientes que ten Alcoa no mundo; por cada megavatio de enerxía empregado obtense maior cantidade de aluminio, pero iso parece quedarse en nada ao ter que enfrontarse a un prezo da electricidade excesivo polas regulacións estatais e as compañías eléctricas. “O Estado podería facer moito poñendo un marco regulatorio porque os recursos eléctricos son de todos, os encoros son de todos e os montes son de todos e en Galicia somos excedentarios. Agora non imos ser capaces de producir aluminio para os avión, trens,… e haberá que traer aluminio de Asia. Ese aluminio vai ter unha pegada de carbono enorme porque son miles de quilómetros ao que se suma que estes países non teñen regulacións ambientais como aquí, co que contaminaremos moito máis.”

Alcoa producirá aluminio noutros países onde non teña estes problemas e que pasará cos 1.000 traballadores da planta de Alúmina? Mentres mercaremos o aluminio fóra como fixemos coas máscaras e para isto hai 40 anos o Estado investiu tanto nesta empresa? Debe de ser que así se fan as cousas aquí e que a pandemia da Covid19 non ensina nada.

[ Esta peza forma parte dun ‘Diario de corentena’  —agora ‘Diario da nova normalidade’— que se ha ir escribindo dende o Lugo Xornal, o Xornal da Mariña e o Xornal de Lemos ]

ÚLTIMAS

Se sodes entroideiros podedes apoiar este proxecto: a maior guía visual das máscaras do país

As Escolas de Ensino Galego Semente impulsan unha acción para amosar a nenos e...

O PP pide tomar medidas na apertura da liña Ourense-Lugo e condena a “desconexión” do Goberno de Sánchez coa provincia

O alcalde do concello de Pantón, José Luís Álvarez, trasladou aos deputados do PP...

Gourmet Gallego inaugura a nova tenda de Monforte

A apertura de Gourmet Gallego congregou a numerosos asistentes, entre eles clientes, provedores, amigos,...

Proxección de “La violencia invisible” e coloquio este 23 de novembro en Quiroga

Aproveitando a conmemoración do 25N, “Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero”,...