HomesociedadeA contundente maioría absoluta de Tomé saiu do proxecto da nova ponte...

A contundente maioría absoluta de Tomé saiu do proxecto da nova ponte no Malecón?

7 propostas presentáronse ao Concurso de Ideas para a Ponte Nova de Ferro no Malecón de Monforte. Namentres, unha parte da cidadanía manifesta a súa inquedanza ante este proxecto ao consideralo un atentado urbanístico e ao medio natural. O grupo o Malecón non se toca celebra este xoves xuntanza para constituírse como Plataforma, falamos cun dos seus integrantes, Manolo Martínez.

Publicado o

- Advertisement -

O concello de Monforte informaba este mércores, 17 de xuño, de que rematado o prazo de presentación de propostas para o Concurso de Ideas para a Ponte Nova de Ferro que se ubicará no Malecón de Monforte de Lemos, recibíronse 7 propostas. Estas propostas serán analizadas polo xurado para escoller a idea gañadora. Xurado que estará presidido polo Alcalde, e do que formarán parte o Secretario do Concello, 2 enxeñeiros designados pola Universidade, 2 enxeñeiros designados polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, e 2 enxeñeiros da Deputación Provincial de Lugo.

Desde que o alcalde, José Tomé, anunciou durante o proceso de desescalada, este concurso para sacar adiante este proxecto que levaba no seu programa electoral, comezáronse a erguer voces cidadás en contra da iniciativa. O 1 de xuño creouse o grupo de Facebook, O Malecón non se toca. Grupo que se define como aberto e apolítico, que ten por obxectivo buscar o debate de cara a unha solución consensuada pola cidadanía ao respecto desta infraestrutura. O grupo conta a día de hoxe con máis de 500 membros. Por outra banda iniciábase esta pasada fin de semana en change.org, recollida de firmas en contra desta ponte, hoxe leva acadadas máis de 700 firmas. E mañá ás 20.30 esta iniciativa popular convoca xuntanza ás 20.30 xunto á Pasarela do Malecón para constituirse en plataforma cidadá. Conversamos con Manolo Martínez do grupo O Malecón non se toca.

Manolo Martínez

Como se chega a esta situación?

Hai moitas persoas que estamos inquietas coa construción desta ponte. Fóronse dando os primeiros pasos dun modo virtual e coa nova normalidade falamos de pasar do virtual ao real e físico. Tal e como solicitamos á Subdelegación do Goberno, convocamos á xente pedindo que se cumpran todas as normas e que se acuda levando máscara e se garden as distancias de seguridade. O obxectivo é crear unha plataforma e actuar fisicamente para poder saír nos medios de comunicación, presentar actuacións no concello, poder manifestarnos, poder actuar con autonomía, dar capacidades a quen se elixa para actuar publicamente,…

A orixe desta situación está tamén na necesidade de peonalización da Ponte Vella, esta peonalización é fundamental, pero sen construír unha ponte para o paso de vehículos no Malecón. Coa Plataforma queremos buscar solucións, o que non se pode é ter 3 pontes de circulación nun espazo de 300 metros, a da circunvalación, a ponte que pretende Tomé e a ponte nova.

Que inconvintes lles ves á ponte que propón o alcalde?

Todos, o que non podemos permitir é que se faga esta ponte levando o tráfico cara a rúa Hortas e consecuentemente ao centro da cidade. Estamos metendo coches ao centro da cidade cando a norma xeral de todas as cidades e do urbanismo é sacar o tráfico rodado do centro e aquí facémolo ao revés.

El non presentou proxecto oficial, di que vai facer unha estrutura de 12 metros e desemboca en Ramberde, unha rúa de 5 metros de ancho e entronca coa Corredoira que ten 8 metros de ancho e os 20 primeiros metros non ten beirarrúas. Pódense expropiar casas, pero é unha aberración urbanística total que ademais se mete no casco histórico, que está dentro do Plan Especial que agora mesmo non está aprobado; Patrimonio aí ten moito que dicir.

Esta ponte atentaría ao medio ambiente, ao medio ecolóxico, ao tráfico rodado, ao paseo peonil porque despois aí hai que facer accesos e sácaselle o bonito ao Malecón que é o lugar máis visitado despois do Parque dos Condes.

Pasarela de madeira / Grupo O Malecón non se toca

Moita xente quere chegar co coche a todos os lados, haberá persoas que estean a favor desta ponte. A esas persoas que lles dirías?

Queren que volvan pasar coches polo Cardenal como hai máis de 25 anos? Cren que lle iría mellor ao comercio ou a hostalería ou é mellor que a xente vai andando? Hai que facer aparcamentos alternativos ao redor do centro, son 200 metros, a xente ten que camiñar, ten que facer exercicio físico… Que pasa con Pontevedra? Practicamente peonil e está levando os maiores premios de mobilidade cidadá en todos lados. Hai que exemplarizar para que a xente o entenda. Ourense antes de facer a ponte do Milenio tiña 3 pontes, a nova, a romana e a ponte da nacional que ía a Vigo. Cando pecharon a ponte vella por obras, quedaron dúas pontes e non houbo problemas, e Ourense non é Monforte.

O Malecón é un espazo apreciado pola veciñanza para camiñar e desfrutar de toda a contorna do río, pero moita xente cre necesaria unha ponte. Se non se fai no Malecón cal pode ser a alternativa?

Penso que Tomé non tivo asesoramento técnico urbanístico e por iso plantexa esta opción que rompe coa estrutura harmónica, urbanística e paisaxística do Malecón. Ademais perderíanse nesta zona un montón de aparcamentos porque hai que facer vía de acceso e de saída da ponte, vanse eliminar árbores, eliminar o paseo,… A agresión urbanística e ao medio é unha barbaridade como sinala o Director da Escola de Arquitectura da Coruña e moitos outros profesionais do urbanismo e do ecoloxismo.

Opcións? Non facer esta ponte e optar polo acordo que quedou no caixón, asinado entre Severino Rodríguez e Pepe Blanco para facer unha conexión en Aceña Nova, ou a circunvalación que vén rodeando Monforte que enlaza coa N-120 e está parada. Hai posibilidades que se poden facer e non agreden á cidade. As dúas pontes que hai agora no centro son suficientemente operativas.

Malecón / XdL

A ponte que promove o alcalde quere recuperar a vella ponte de ferro, iso supoño que non é relevante para un movemento cidadá contra unha ponte no Malecón?

Vai facer historia dunha ponte que se fixo e caeu antes de cumprir 50 anos? Se quere cumprir promesas podémonos acordar de que ía traer a empresa Pacadar, con 100 empregos directos. As promesas electorais ás veces non se cumpren porque non se quere ou non se pode e ao mellor esta igual non a pode cumprir por moito que queira, ogallá.

Se quere estar na placa de alcalde que fixo unha cousa importante e histórica polo pobo, que traballe na recuperación da muralla medieval. A recuperación do casco histórico é vital para Monforte e non se traballa nada na súa recuperación, como fan nas outras cidades, aquí vanse caendo os edificios pouco a pouco ao lado da muralla e non se fai nada. Poñer en valor toda a zona histórica, iso sería un fito histórico, pero facer esta ponte sería unha calamidade histórica, que ademais anuncia nos medios cos cartos de todos.

ÚLTIMAS

Contacontos teatralizado de igualdade este 24 de novembro na casa da cultura de Monforte

O Concello de Monforte, a través da Concellaría de Muller e Igualdade, organiza para...

Se sodes entroideiros podedes apoiar este proxecto: a maior guía visual das máscaras do país

As Escolas de Ensino Galego Semente impulsan unha acción para amosar a nenos e...

O PP pide tomar medidas na apertura da liña Ourense-Lugo e condena a “desconexión” do Goberno de Sánchez coa provincia

O alcalde do concello de Pantón, José Luís Álvarez, trasladou aos deputados do PP...

Gourmet Gallego inaugura a nova tenda de Monforte

A apertura de Gourmet Gallego congregou a numerosos asistentes, entre eles clientes, provedores, amigos,...