Este verán todo foi diferente, tivemos que acostumarnos a novas modas, a facer as cousas diferentes. Cantos gintonics que deixei de beber polas festas das aldeas, cantas birras non tomadas cos amigos, cantas trasnoitas e canto traballo que non puiden facer. Todos os plans ó carallo, cousas que quería facer e non puiden pero tamén cantas cousas que non tiña pensado facer e que tiven tempo para elas… máis tempo na casa, as leiras limpas, a viña coidada cunha colleita que prometía ata que veu o señor xabarín papar todo e non deixar case nin a proba, puto cabrón o bicho ese.
Cantas cousas, que daba por sentadas e inmutables, foron á merda… posiblemente teña que buscar un novo traballo porque a empresa xa non aposta polo tipo de turismo de natureza que a min me gusta facer, terei que poñerme as pilas para buscar os garavanzos e para iso teño moreas de ideas que hai que poñer claras, facer números e botar ben as contas para sacar un novo proxecto orientado nas montañas do Courel. Tempo de dar un xiro á vida que iso sempre é bo, cambiar é san, apalancarse en algo é morrer lentamente. Moito tempo para darlle voltas á cachola, para estudar pero sobre todo para gozar da montaña como hai moitos anos non podía facer. Ir ó monte cos colegas, facer rutas en solitario, darlle ás fotos, ver sitios novos onde ningún de vós estivestes e que poderiades flipar. Todo isto que me barrena a testa teño moi claro que vos pasou tamén a todos vós, aposto que agora vedes as cousas doutro xeito, hai formas de vivir e de gozar sen gastar tanto, máis íntimas e buscando recunchos alternativos.
“Cantas cousas, que daba por sentadas e inmutables, foron á merda…”
Este cristo tamén nos serviu para descubrir que nesta vida hai moita xente solidaria, traballadora e chea de humanidade pero tamén vemos que fillos de puta hainos a moreas, tantos que se voasen non veriamos o sol en varios meses. Xente cabrona que nos momentos duros é moito máis cabrona, destilan odio e págano cos máis débiles. Descubrimos un mundo cheo de ”cuñados” que saben de todo, son médicos, economistas, políticos, sociólogos e todo o que poidades imaxinar. Dáme moita pena que xente que eu coñezo dende hai anos se instalou na radicalidade, no odio, nas ideas políticas do odio e da senrazón; xente de todas as idades, novos, vellos, homes e mulleres que pagan todas as frustracións coa xente que non pensa coma eles. Xente que eu coidaba civilizada convertida en discípulos dos nazis, mulleres que defenden ideas de grupos que tratan ás mulleres como cousas. Estou facendo unha limpeza nas redes sociais de carallo, porque para avanzar e progresar hai que fuxir de xente así; facédeme caso cando vos digo que non todas as formas de pensar son respectables. Hai ideas e comportamentos que non poden ser respectados, o odio, o racismo, a intolerancia e o fanatismo non son ideas que merezan respecto. Dáme medo o futuro porque hai xente que se algunha vez logra mandar arrasarán con todo aquilo que non comulgue con eles; lembrade a adolfo (hai que poñelo en minúsculas porque non merece outra cousas) que gañou unas elección e logo provocou decenas de millóns de mortos. Pois que saibades que hai xente entre nós capaz de facer cousas semellantes ás que fixeron os nazis, agora berran nas redes pero axiña empregarán a violencia. Vivimos nun mundo onde a verdade e a dignidade humana non importan, na sociedade da desinformación onde as redes sociais multiplican ós charlatáns que lle comen a cachola a maioría .
“Dáme moita pena que xente que eu coñezo dende hai anos se instalou na radicalidade, no odio, nas ideas políticas do odio e da senrazón”.
Unha sociedade de xente que non le, que non ten espírito crítico, unha sociedade adestrada para non pensar, que presta cinco minutos de atención e logo xa esquece, é unha sociedade manipulable e mansa. Estamos entrando nunha nova idade escura que nos levará á desaparición. Ben merecido o temos!
Por certo, que estes meses as nosas montañas e as nosas aldeas estiveron ben cheas de xente; xente boa que veu facer un dos mellores meses de verán das nosas casas rurais que realmente fixeron o agosto. Daba gusto ver todo cheo pero tamén daba pena que os “cafres” tamén viñeron en aumento. Lixo onde nunca o houbo, e imbéciles onde nunca deberon vir. Eses que nunca volvan pero o resto benvidos sexan, e que veñan máis veces, que compren casas e se queden a vivir e darlle vida ás aldeas que falta fai. Os xubilados que non volvan as cidades e queden con nós. O rural ten futuro pero hai que comezar a organizarse para que isto non se converta nunha feira. Por certo, este ano no Courel hai dez novos nenos no colexio, farían falla 50 máis pero isto é un sinal de que algo pode cambiar se lle poñemos ganas.
“O rural ten futuro pero hai que comezar a organizarse para que isto non se converta nunha feira”.
Veña, que este outono promete ser a rehostia, veñen as castañas e o viño novo (no meu caso viño vai ser que non, puto xabarín do carallo), preparade as cámaras e gozade da nosa terra que é a única que temos.