HomesociedadeO ‘renovado’ parque infantil da Compañía, en Monforte, terá xogos inclusivos e...

O ‘renovado’ parque infantil da Compañía, en Monforte, terá xogos inclusivos e unha tirolina

O Alcalde, José Tomé, informou en rolda de prensa dun proxecto que mellorará esta infraestrutura de lecer e que contará cun investimento que se achega aos 170.000 euros.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O proxecto de ampliación e mellora da área de xogos do Parque Infantil da Compañía porase en marcha nos vindeiros días e será, segundo indicou o rexedor municipal José Tomé “un importante proxecto para a nosa cidade, pero sobre todo para os nosos nenos e nenas e as súas familias”.

Para a posta en marcha deste proxecto o Concello disporá un investimento total de case 170.000 €, concretamente, 168.907,77 euros e o financiamento realizarase integramente con fondos municipais.

No que respecta ás actuacións no Parque da Compañía, estas consistirán, en primeiro lugar, na ampliación da área de xogos, que será dotada de mobiliario urbano e dos seguintes elementos de xogo, inclusivos e adaptados: 4 paneis inclusivos, 2 columpios de 2 asentos cada un, 4 asentos para columpio (2 planos, 1 de seguridade e 1 inclusivo con arnés), 1 Saltador de dimensións mínimas 175×175 cm, 1 Tirolina de dimensións 300x 326×350 cm. e 1 Xogo inclusivo múltiple (accesible e inclusivo), composto por variadas actividades en forma de circuíto e cunhas dimensións aproximadas de 1000x900x250 cm.

A devandita ampliación implica así mesmo reacondicionar as zonas axardinadas da contorna, das redes de abastecemento do sistema de rego, alumeado público e saneamento da zona do parque onde estará a área de xogos.

Á súa vez, renovarase o pavimento de caucho dos elementos da actual área de xogos, xa que presenta un estado de desgaste importante para a cumprir a súa función de protección, e aproveitarase para mellorar as condicións da fonte ornamental que preside a parte central do Parque.

A actual área de xogos presenta unha forma en “ele”, e preténdese aproveitar para a súa ampliación o espazo existente entre o actual peche perimetral, as árbores e a fonte do paseo central, de xeito que se pecharía o parque infantil configurando unha forma máis ou menos rectangular.

A superficie aproximada de actuación é de 600 m2, á que hai que engadir as zonas anexas a esta que deberán ser reacondicionadas, en relación cos accesos, coas áreas axardinadas e coas redes de servizos afectados por devandita ampliación.

Gráfica coa ampliación do Parque Infantil da Compañia

A contratación farase por concurso aberto, e unha vez adxudicado á empresa que gañe o concurso, o prazo de execución estimado para a realización das obras definidas neste proxecto é de aproximadamente 3 meses dende a sinatura da acta de replanteo, salvo que por circunstancias meteorolóxicas haxa que suspender os prazos.

Outros proxectos

Ademais de afondar no proxecto inminente devandito, o Alcalde lembrou que no último Pleno falou de poñer en marcha 23 proxectos antes de final de ano para manter o seu compromiso de desenvolvemento de infraestruturas para a cidade. En palabras de Tomé “proxectos que van permitir que haxa un antes e un despois na cidade de Monforte de Lemos” pois “non houbo ningunha etapa na historia, etapa documentada, na que se investira tanto diñeiro en tan pouco tempo”.

E todo o anterior sen incluír outras actuacións que se levarán a cabo coa Confederación Hidrográfica, para a mellora do saneamento, e tamén co ADIF para a supresión de pasos a nivel.

ÚLTIMAS

O BNG de Monforte leva a pleno un punto de información turística na Compañía

Explican os nacionalistas que o tramo da rúa Doutor Casares máis próximo ao centro...

Mario Obrero presenta o libro ‘Con e de curcuspín’ este 26 de maio na Pobra do Brollón

Con e de curcuspín é un ensaio no que a reflexión lingüístico-literaria mestúrase coa...

Un ferido nun accidente de tráfico na LU-109 en Monforte de Lemos

Un condutor resultou ferido este sábado en Monforte de Lemos ao impactar contra unha árbore o...

O IES A Pinguela participou nas ‘Rutas Científicas, Artísticas e Literarias’ do Ministerio de Educación

23 alumnos de 2º ESO A+B do IES A Pinguela remataron a súa participación...