Este mércores comezaron as obras de renovación do firme da rúa Vigo, no Casar, que se completaban en dúas xornadas. O proxecto, executado por Ovisa Pavimentos y Obras S.L.U., conta cun orzamento de 122.7334,67€. A actuación contempla a renovación do firme desde a estrada da Vide ata o barrio do Casar, incluíndo a reparación dos cortes existentes provocados por obras ou avarías da rede de auga, así como a renovación da sinalización.
José Tomé salientou que esta intervención permitirá completar a mellora dunha vía de acceso importante para o barrio do Casar e avanzar na súa urbanización. Estas actuacións están recollidas no plan de mellora de vías urbanas e rurais do Concello presentado polo Alcalde na pasada primavera e que supón un investimento global de 1.059.733,23 euros en 10 proxectos que teñen por obxectivo mellorar a mobilidade e seguridade viaria de Monforte. O noso compromiso é “seguir mellorando as comunicacións, incrementar a seguridade viaria e facilitar os desprazamentos da veciñanza, tanto no centro urbano como nos barrios e nas parroquias do municipio”.
Na Avenida de Galicia e Rúa Chantada as obras comezarán a principios da vindeira semana cos traballos de fresado adxudicáronse á empresa Ovisa Pavimentos y Obras S.L.U.. Os traballos abranguen o tramo comprendido entre o cruce da rúa Cardeal e a rotonda do Hórreo e contempla o fresado do firme existente e a súa renovación integral, así como a posterior execución da sinalización horizontal e vertical. Este proxecto, que supón a mellora dunha das principais arterias de circulación na cidade supón unha inversión de 174.279 euros.
O alcalde avanzou tamén que a principios de outubro (semana do 5 ao 9), se as condicións meteorolóxicas o permiten, está previsto iniciar as obras da rúa Calvo Sotelo, outra das principais arterias de comunicación de Monforte, que conecta o barrio da Estación co centro urbano e serve tamén como vía de saída cara á N-120 en dirección a Castro Caldelas, Ponferrada e Ourense.
O proxecto adxudicouse tamén a Ovisa Pavimentos y Obras S.L.U. e supón unha inversión de 182.735,41€. Inclúe o fresado de toda a superficie viaria, a reparación dos afundimentos existentes na metade final da vía en dirección á Estación e a renovación da sinalización, mantendo os redutores de velocidade existentes.
Punto limpo
O Concello de Monforte de Lemos informa á veciñanza de que o Punto Limpo permanecerá temporalmente pechado desde o venres 25 ata o martes 29 de setembro, ambos os dous días incluídos, con motivo da realización de obras de mellora nas instalacións.
Durante as xornadas de peche, as persoas usuarias poderán acudir ao Centro Verde situado no Polígono Industrial do Reboredo, onde poderán realizar a entrega dos residuos correspondentes.

Punto limpo / Concello de Monforte

