HomeOpiniónOpinión: ‘Okupación’ ou ‘allanamento de morada’?

Opinión: ‘Okupación’ ou ‘allanamento de morada’?

Coñecemos detalles sobre o delito de usurpación, un tipo penal que nos achega ao conflito da ‘okupación’, tema que está xerando alarma social nos últimos tempos.

Publicado o

POR
Xanín Carpinteiro
- Advertisement -

O delito de usurpación prodúcese cando se ocupa un inmoble, vivenda ou edificio alleos sen a autorización dos seus propietarios ou dos seus posuidores. Este delito na súa modalidade de leve é o que normalmente cometen os coñecidos como “okupas”, que adoitan meterse nas vivendas baleiras para facelas o seu fogar e sen exercer ningún tipo de violencia sobre os seus donos, quen na maioría das ocasións non teñen coñecemento do feito ata pasado un tempo.

“Se fose a morada de alguén estariamos a falar dun delito de allanamento de morada e non de usurpación”.

Para que se produza o delito ten que ocuparse un inmoble, vivenda ou edificio que nese momento non constitúa a morada de ningunha persoa, por exemplo, a ocupación do típico piso baleiro que se atopa á venda. Se fose a morada de alguén estariamos a falar dun delito de allanamento de morada e non de usurpación.

Quen realiza a ocupación ten que carecer de título que lexitime esa posesión (contrato de arrendamento; precario, usufruto, algún acordo de uso, …), pois de térselle autorizado, o dono debería acudir á vía civil para recuperar a posesión, porque xa non estariamos ante a comisión dun delito.

Ten que constar a vontade contraria do titular do inmoble para tolerar a ocupación, é dicir, nalgún momento o dono debe manifestar que non permite esa ocupación.

No delito de usurpación na súa modalidade non violenta a pena ao suxeito infractor é de multa de 3 a 6 meses. O importe das multas no noso sistema penal impóñense en función da capacidade económica do condenado, de modo que, na maioría dos casos reais nas que o “okupa” ocupa a vivenda precisamente porque non ten recursos propios, as multas adoitan ser pequenas, falamos habitualmente de entre 3 e 10 € por día, de modo que, no peor dos casos pagará uns 1.800 € de multa (6 meses a razón de 10 €/día). Tengo en conta ademais de que falamos dunha sentenza firme ditada nun proceso penal que duraría entre un e dous anos, tempo no que os “okupas” continúan vivindo no inmoble ocupado, hai que dicir que sae moito máis económica a ocupación aínda con condena que facer fronte a unha renda dun aluguer, máxime cando se fai nunha gran cidade como Madrid, Barcelona, Sevilla, Valencia, … onde os alugueiros están polas nubes.

“Ten que constar a vontade contraria do titular do inmoble para tolerar a ocupación”.

Noutras ocasións, as menos, a ocupación pode producirse con violencia ou intimidación sobre as persoas, aquí a pena sería de 1 a 2 anos de prisión e ademais impoñeríaselle tamén a pena correspondente á violencia exercida (delito de lesións, …).

Por mor da alarma social producida nos últimos tempos, derivado sobre todo de que se están ocupando as vivendas e pedíndolles diñeiro aos seus propietarios a cambio de abandonalos, cantidades de 3.000, 6.000 ou máis euros, a clase política empezou a abandeirar un pouco esta causa e a Fiscalía xa anunciou que empezarán a pedir medidas cautelares de desaloxo, de maneira que o suxeito infractor teña que abandonar o inmoble cautelarmente mentres dura o procedemento. Ben, a posibilidade de pedir medidas cautelares existiu sempre, está contemplada na Lei, outra cousa é que non se pedise. Por outra banda, o dono dilixente pode exercer a acusación particular e instar este tipo de medidas, sen necesidade de depender da actuación do Ministerio Fiscal. A Xuíza ou o Xuíz será quen terá a última palabra.

En que se diferenza o delito de usurpación do delito de allanamento de morada?

En se a vivenda constitúe ou non morada do seu titular. Se vivides na casa e entran para ocupala ou permanecen nela sen o voso consentimento, é allanamento. Se non vivides na casa, é usurpación.

Se estades a pensar na alteración dos lindes dunha leira ou as mouteiras que fixan os límites cos predios continuos, si, tamén constitúe un delito de usurpación. E a distracción de augas tamén.

ÚLTIMAS

Obradoiro contra a desinformación en Taboada

Esta actividade de alfabetización mediática será impartida por Selina Otero Verdes, licenciada en xornalismo...

En outubro aumentou en 110 o número de parados no centro-sur da provincia

Paro comarca de Sarria no mes de outubro 751 (+35): O Incio 32 (-1) Láncara 73...

O BNG de Monforte reclama transparencia no proceso selectivo da Policía Local

Os nacionalistas aseguran que as informacións publicadas sobre os resultados da primeira proba, na...

“Os dous de sempre”, do dúo Mofa & Befa, este 5 de novembro no Multiusos de Monforte

A función enmárcase na programación cultural impulsada polo Concello de Monforte a través da...