Este mércores, 16 de decembro, un día despois de coñecerse a sentenza sobre o parque da Serra do Oribio, que se asenta sobre os concellos de Samos e Triacastela e atópase na zona especial de conservación bautizada como Os Ancares-O Courel.
Julio Gallego mostrou o seu respecto ao fallo, aínda que confía en que se presente un recurso para que poida saír adiante, xa que considera que o proxecto supón “un beneficio para todos os veciños da zona de Louzara, Samos e Triacastela”. “Ante esta sentenza nós esperaremos se hai recurso de casación. No fallo polo que vexo na prensa hai discrepancias (entre os relatores)”, apuntou o rexedor, que advertiu da posible “perda” de postos de traballo sobre un parque que, di, aposta por “enerxías limpas, que non contaminan, non causan ningún tipo de dano ambiental”.
“Pasados uns anos os muíños quítanse e queda igual. (O parque) Non lle fai ningún tipo de dano. Hai fábricas que contaminan máis e isto non emite nin fumes simplemente ruído que é de baixa intensidade. A maioría dos veciños da zona están a favor e de feito fixeron unha protesta diante do concello de Samos a favor do parque eólico”, concluíu Julio Gallego.
SALVEMOS O IRIBIO CELEBRA A SENTENZA “DEMOLEDORA”
A Plataforma Salvemos O Iribio considera que a sentenza do TSXG confirma a ilegalidade do proxecto eólico aprobado en Consello da Xunta en 2019. Os colectivos que forma Salvemos o Iribio apuntan que o alto tribunal galego recolle no seu documento xudicial todos os puntos que presentaron contra o parque eólico.
Salvemos O Iribio cualifica de “demoledora” a sentenza en canto que o ven como un paso definitivo cara a liberación deste espazo protexido. A previsión era abrir unha serie de infraestruturas para o transporte dos muíños por parte da empresa Fergo Galicia Vento SL. A área de instalacións compredería os termos de Triacastela e Samos.
“A sentenza supón unha labazada legal ao executivo de Alberto Núñez Feijóo” di nun comunicado a plataforma ambientalista. Á parte que cuestiona as modificacións tramitadas desde a Secretaría Xeral de Enerxía e Minas, encabezada daquela por Ángel Bernardo Tahoces. Neste sentido esixen que o executivo galego presidido por Núñez Feijóo depure responsabilidades dentro da súa administración e, xunto a iso, a reparación dos danos ambientais causados na zona do Iribio.
Con todo, lembran que o fallo do TSXG pode ser recorrido en casación. Aínda así, ven un éxito para a defensa dos espazos naturais protexidos de Galici contra modelos de implantación eólica “que atenta contra o interese colectivo e depreda os recursos naturais”. Desta maneira, Salvemos O Iribio continuará cos recursos legais necesarios para evitar a instalación definitiva do parque eólico na área protexida pola Rede Natura.