HomeCulturaEpicuro de Samos

Epicuro de Samos

Publicado o

- Advertisement -

Este é un Artigo do arqueólogo Xurxo Ayán sobre a historia de Samos.

Se Franco estivo case corenta anos como ditador de España, o mosteiro de Samos contou cun abade (este si, pola graza de Deus) que estivo tamén o mesmo tempo como cabo da casa (1930-1970): Don Mauro, un nome que aínda se pronuncia con respecto nestas terras luguesas. Un tipo reaccionario durante os anos da IIª República até o punto de acobillar entre os muros do seu cenobio falanxistas violentos fuxidos de Lugo e Sarria. Acérrimo defensor da causa franquista, don Mauro ordeou deixar constancia para a posteridade a primeira visita do Caudillo, nunha inscrición neomedieval na que se pode ler: “El día 26 de agosto del año 1943 Francisco Franco, Caudillo de España, vencedor en la cruzada contra el comunismo, acompañado de su esposa e hija, séquito civil y militar, visitó este cenobio siendo Mauro abad”.

 

Xa sabemos que os mosteiros galegos serviron á causa da Cruzada como campos de concentración: Oia, Camposancos, Celanova ou Oseira, onde en 1937 e 1938 se podía ver a Vicente Risco con pucha requeté impartindo cursos de reeducación nacional para os “rojos”, departindo de temas coma o Santo Graal. Nesta liña, Don Mauro ollaba cara outro lado cando veciños e veciñas de Samos, O Incio, Sarria, A Pobra do Brollón eran asasinados vilmente polas partidas de falanxistas e gardas civís. Alcaldes, médicos, comerciantes, xente de ben, católicos a inmensa maioría. De todos os xeitos, algún medo pasou Don Mauro neses anos 40 cando a Federación de Guerrillas de León-Galicia tivo nesta terra brava un forte baluarte da causa. Curas delatores foron axustizados incluso polos guerrilleiros.

No verao de 1940, un mozo de Vilalba, Manuel Fraga Iribarne, pasou uns días de retiro espiritual no Samos de Don Mauro. Segundo afirmou na súa biografía, alí estivo a piques de entregarse á súa vocación relixiosa, pero finalmente se decatou de que a súa función no mundo era evitar unha nova guerra civil. Así pois, foi no mosteiro bieito onde residiu o Padre Feijoo, onde se lle declarou a súa vocación “política”.

En 1951 unha explosión na licorería do mosteiro acendeu un lume que rematou co cenobio, agás coa igrexa. Miles de documentos, libros e o mesmo despacho de Feijoo desapareceron para sempre. Don Mauro moveu Roma con Santiago (e mesmo América) para que o Estado nacional-católico financiase a reconstrución da abadía. A Franco sempre lle gustou isto de restaurar mosteiros (Armenteira, Oseira…) e verse  a si mesmo coma un everxeta capaz de resucitar as pedras mortas, apadriñando pobos “desfeitos polas hordas marxistas”como Belchite ou Brunete.

A reinauguración de Samos en 1960 no marco do “I Curso de Sociología y Economía Rural”, foi un acto propagandístico no que se puido ver en toda a súa grandeza o monumentalismo nacionalcatólico. O xornal ABC informaba que a obra empregara 300.000 ladrillos, 800 toneladas de cemento, 210 toneladas de granito e 32 km de cable de cobre e que a abadía tiña 485 fiestras e 265 portas. Para algo o rexime estaba entrando no “desarrollismo”.

Manuel Fraga foi un instrumento máis no monumentalismo nacionalcatólico cando Franco o nomeou Ministro de Información e Turismo. Esta peculiar visión patrimonial tivo continuidade xa en democracia co invento do Xacobeo. O káiser galego non esqueceu nunca Samos e de feito elixiu a abadía como residencia para facer a pretempada co seu equipo de conselleiros. Na primavera, que o sangue altera, Fraga agardaba a ver se algo do espírito nacional se lles pegaba aos membros do seu gabinete. Estes exercicios espirituais deixaron unha pegada fonda en adláteres fraguistas e achegados.

O señor dos Peares, delfín de Fraga, vén de declarar como lle xurdiu a conciencia, ao estilo de Rigoberta Menchú. Seica ao rematar COU investiu os seus aforros para pasar uns días de retiro en Samos para decidir o seu futuro. Feijoo seica quería facer Filosofía, pero un crego convenceuno para que tirase polo Dereito, “porque abre moitas portas, e ao final o Dereito é sentido común”.

Igual que Fraga consideraba que el representaba á xente normal, Feijoo fai gala de obedecer ao sentido común. Como no caso do vilalbés, o paso por Samos marcou ao noso actual presidente. Ben mirado, nunca deixou a filosofía de lado, porque sen dúbida pode ser definido coma un destacado membro da escola epicúrea, sempre tan preocupada pola procura do placer, iso si, dirixida pola prudencia. Se atendemos ao seu periplo en iate con Dourado (“toda amizade é desexable por si mesma”, Epicuro dixit), o señor dos Peares quedou co do placer, pero non co da prudencia. Tamén Epicuro afirmaba que o coñecemento non ten ningunha utilidade, senón se emprega na procura da felicidade, unha felcidiade baseada na autonomía (a galega, neste caso). Feijoo amosa sempre que está de acordo, de novo, coa primeira parte desta máxima: o coñecemento non ten ningunha utilidade, por iso non lle interesa a educación, a ciencia nin a memoria histórica. Será polo sentido común.

O aprendiz de filósofo, o epicúreo Feijoo, atopou o sentido común en Samos.
Por algo Epicuro era de Samos.

 

ÚLTIMAS

‘Feira de Nadal’ para dinamizar o comercio local e a artesanía en Quiroga

O Equipo de Goberno do Concello de Quiroga organiza unha Feira de Nadal coa...

Queres ser paxe na Cabalgata dos Reis Magos de Chantada?

As prazas para participar son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. Os pais...

O PP de Monforte celebra o investimento anunciado para a rede de abastecemento e espera que “non quede en papel mollado”

Os populares aseguran que “temos claro que o alcalde se moveu grazas á nosa...

Primeira fin de semana do ‘Mercado de Nadal’ de Monforte

Este sábado 21 de decembro abrirá as súas portas o Mercado de Nadal do...