HomeEn profundidadeMireya Escorcia, a modista que renunciou a ir a "Maestros de...

Mireya Escorcia, a modista que renunciou a ir a “Maestros de la costura”

Coñecemos a esta modista colombiana afincada en Monforte que tira para adiante en momentos difíciles, máis se cabe perdendo moito volume de traballo coa suspensión do Entroido e da Feira Medieval por mor da pandemia.

Publicado o

- Advertisement -

Mireya Escorcia Bolaño aténdenos no seu comercio da rúa Manuel Hermida Balado, establecemento no que vemos que conviven dous nomes comerciais, ‘Gnomos’ e ‘El Armario de Mireya’. Con ‘Gnomos’ estivo presente durante 15 anos na popular Rúa Cardenal de Monforte, como mercería e tenda de agasallos. Co cambio de localización rebautizouse co nome comercial “El Armario de Mireya” pero mantivo o antigo nome na entrada como referencia da súa traxectoria.

Escaparate da tenda / XdL

En calquera caso, e con dous nomes comerciais para ter en conta, todo o mundo a coñece popularmente como ‘Mireya’ ou “A de Gnomos’… a forza das marcas persoais e o “galego style” á hora de etiquetar.

Mireya chegou a España no ano 2000. Aterrou en Madrid e tempo despois mudouse a Ourense. Foi nesta cidade onde coñeceu á súa actual parella e veuse a vivir a Monforte hai xa 18 anos. Ten dous fillos, un quedou en Colombia e a filla veuse con ela para Galicia. Está moi orgullosa dos dous e con mágoa polo distancia física que ten co fillo e os netos, pois hai trece anos que non vai pola súa terra e cos pequenos aínda non coincidiu fisicamente. E claro, aínda que mantén relación virtual con eles, non é o mesmo. “Ao principio doe moito pero vaste acostumando”, sincérase Mireya cando lle pregunto como o leva. O custe económico das viaxes, sumado a ter que pechar a tenda un mes, son os atrancos principais á hora de tomar a decisión de emprender a viaxe.

Mireya Escorcia traballando / XdL

“A xente faime sentir como de aquí, quéreme e apréciame porque ven tamén que son moi traballadora”

Pregúntolle por como foi a chegada a Monforte e a acollida da xente. Con rotundidade trasládame que está moi contenta, atopou veciños e veciñas moi acolledores e di con orgullo que ten moita xente que a aprecia. “A xente faime sentir como de aquí, quéreme e apréciame porque ven tamén que son moi traballadora”. Presume tamén de que a coñece moita xente, sobre todo a raíz de facer disfraces para as comparsas de entroido e vestidos de época para a Feira Medieval. “Levo moitos anos facendo vestidos para a comparsa dos Escolapios”, di Mireya.

“Levo moitos anos facendo vestidos para a comparsa dos Escolapios”

Certo é que a coñece moita xente polo seu carisma, sabendo ademais que é moi traballadora e que se defende moi ben como modista, oficio que lle acompaña dende nena. “Son modista dende os 16 anos… e aos 11 xa facía a miña propia roupa”, recoñece. Tamén nos conta que traballou en moitas fábricas e de deseñadora de roupa nunha das mellores tendas da súa Barranquilla natal. Respecto á súa formación, lémbranos que cursou estudos de modista en SENA (Servicio Nacional de Aprendizaje), unha institución pública de formación profesional con gran prestixio e a de maior recoñecemento nesta cidade colombiana.

“Son modista dende os 16 anos… e aos 11 xa facía a miña propia roupa”

No transcurso da conversa xurde unha anécdota moi curiosa. Esta modista monfortina revélanos que unha amiga súa de Monforte presentouse ao coñecido talent show de TVE “Maestros de la costura” e presentouna a ela tamén sen dicirlle nada. E que pasou despois? Pois mirade como é a vida que non chamaron á amiga e chamárona a ela. O seguinte paso foi que lle pediron un vídeo e nese momento Mireya botouse para atrás. Tiña diante dela a oportunidade de concursar nese programa de costura e renunciou.

Falando da súa actividade profesional, comenta Mireya que ten prendas á venda na tenda e que fai todo tipo de arranxos relacionados coa costura, aínda que o seu forte é a confección de vestidos. Conta que ten feito traxes de noiva para diferentes lugares de Galicia pero tamén para fóra, creación súas chegaron a Madrid, Sevilla, Santander e incluso Suíza. Os seus grandes picos de traballo veñen coa elaboración de disfraces para as comparsas de entroido así como vestidos de época para a Feira Medieval. Dúas festas que teñen moitísimo seguimento en Monforte e que coa pandemia viñéronse abaixo. O ano pasado salvouse o Entroido pero a Feira Medieval tivo que ser suspendida. E este 2021 non haberá nin unha nin outra, co prexuízo económico que acarrexa, especialmente para ela polo que comentamos. “Sen carnaval e sen Feira Medieval estouno pasando fatal, son dúas celebracións que me arreglan o ano”, dinos con mágoa.

“Sen carnaval e sen Feira Medieval estouno pasando fatal, son dúas celebracións que me arreglan o ano”

“Os disfraces dos Escolapios toléanme, pelexan todo o mes comigo. Pero despois que pasa, a satisfacción de ver os meus deseños nas comparsas compensa”, recoñece emocionada. Un traballo moi sacrificado e de grande creatividade que saca adiante cada ano para este centro escolar pero tamén para outros colectivos e particulares da cidade do Cabe nestas tradicionais festas.

E falando de comparsas e desfiles de entroido dinos que na súa cidade de orixe, Barranquilla, o carnaval vívese tamén con especial fervor. No 2003 esta celebración foi declarada “Obra Maestra do Patrimonio Oral e Intanxible da Humanidade” pola Unesco, chegando a dicir Mireya que o desfile de comparsas é quilométrico, que pode haber comparsas como de Escairón a Monforte. “Vívese moito, son catro días a tope, bailando todo o día e comparsas compostas por grupos moi grandes. Lembro incluso a Shakira nunha comparsa cando aínda non era famosa, na Comparsa do Barrio Abajo”, explícanos.

Na súa cidade de orixe, Barranquilla, o carnaval vívese tamén con especial fervor

Rematamos a nosa conversa comentando o panorama actual marcado pola pandemia. Mireya, confía en manter a clientela que di que lle é fiel, de Monforte pero tamén da contorna, O Saviñao, A Pobra do Brollón -onde tamén lle encargan traxes de época para a Festa Guímara-, Bóveda, etc.  Apóiase no seu perfil de Facebook para recibir encargos e darse a ver nas redes sociais, e tamén se plantexa a posibilidade de facer obradoiros, “moita xente pídemo e estouno valorando”.

ÚLTIMAS

Preséntase o proxecto para a urbanización da Zona D

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada,...

O humorista Alberte Montes presenta “Patrón” este 27 de decembro na Casa da Cultura de Monforte

Patrón é un espectáculo moi especial. Unha homenaxe a esa figura icónica da cultura...

O pleno do CRDO quere reducir rendementos en viña e limitar novas plantacións

O pleno decidiu por unha banda solicitar unha modificación de prego de condicións en...

Xa se poden pedir permisos de queimas dende o móbil

Os usuarios e usuarias da aplicación móbil XuntaEu que seleccionen o botón “Contacta coa...