HomeOpiniónAsí viviamos hai un ano a pandemia: Armando, Concha e Miguel Ángel

Así viviamos hai un ano a pandemia: Armando, Concha e Miguel Ángel

Así viviamos hai un ano a pandemia: "Os xornalistas que traballamos habitualmente desde a casa, máis os que vivimos nunha aldea e non vemos as vilas desertas máis que nas fotos, temos unha consciencia leve da corentena. Cunha emerxencia sanitaria deste calibre acumúlase o traballo, que absorbe tanto que ás veces temos que lembrarnos de ducharnos, quitar o pixama, comer algo."

Publicado o

POR
Ramón González Rey
- Advertisement -

Diario de corentena do 19 de marzo do 2020:

Desde a residencia de Foz facilítanme conversar con tres usuarios do servizo para saber como viven o encerro sen poder recibir as visitas das súas familias, sendo conscientes ademais de que son desa parte da sociedade con maior vulnerabilidade ante o coronavirus. Agradézoo, a conversa racha coas outras do día, máis formais e máis frías. Teño ao teléfono a Miguel Ángel,Concha e Armando.

Falamos co mans libres, así gravo mentres escoito e anoto, e por momentos danse situacións cómicas. Doume conta ao repasar a gravación que lles preguntei por cousas que xa me contaran (a cabeciña). Ao final de cada intervención, despídense cun “nada máis, moitas grazas”… Ata que lles volvo preguntar.

Miguel Ángel ten 81 anos e é de Sevilla. Estudou Económicas en Madrid, onde coñeceu á que sería a súa muller, unha focega namorada da súa terra. “Foi en primeiro de carreira e despois botamos 57 anos sen separarnos. Levo 28 anos en Foz e aquí quedarei porque quero que me enterren con ela”, explica.

Concha ten 85 anos e é de Foz. Fala rápido, coma unha chispa. Gústalle tocar a pandeireta e unha das cousas que bota de menos coa corentena é non poder ensaiar os luns no grupo folclórico da Subela. Debe ser unha muller botada para diante: levaba aos netos aos ensaios e anotouse ao ver o ambiente que había. “Aquí onde me ves, fun moitas veces raíña do Entroido de Foz“, resalta. Préstalle cantar e nomea dúas cancións que se sabe de memoria: ‘Mirando al mar‘ e ‘Camino verde‘.

Armando leva 18 anos na vila focega. Procede de Baralla. Gañouse a vida con moitas tarefas diferentes; foi viaxante, despois camioneiro e cando se acabou o traballo aprendeu chapa e pintura para acabar montando un taller.

RECLUSIÓN

A corentena, para eles, supón varias renuncias: a primeira, como pasamos todos, a reclusión. “Boto de menos o paseo matinal, teño un reloxo-pulseira e facía catro ou cinco quilómetros diarios; agora só poido facer 200 metros”, sinala Miguel Ángel, que soía ir con Armando a un bar tomar café e ler o xornal todos os días. Nese local foi onde percibiu por primeira vez, horas antes de que se decretara o estado de alarma, o que se aveciña co coronavirus: “é un lugar animado, de tertulia, e non había ninguén”, explica.

Para entreterse fan talleres de estimulación cognitiva, programas de fisioterapia, psicomotricidade e outras actividades de ocio como paseos virtuais ou bingos.

LONXE DAS FAMILIAS

O segundo peso co que cargan é estar afastados das familias debido ás restriccións das visitas. Con non poder tocar nin ver os seres queridos. “Quen o peor o pasa é Concha, porque ten aquí todos os parentes e non pode velos”, expón Miguel Ángel, que ten tres fillos, en FerrolTolosaSevilla. “O meu fillo viña verme practicamente todos os días e agora bótase moito en falta. Cando veñen lévome unha alegría moi grande. Tamén cos netos, que río moito con eles”, confirma ela.

Os recursos das novas tecnoloxías revélanse así como a mellor forma de limar as distancias. “Hoxe estaba durmindo tan tranquilo e viñeron pedirme que me vestira, que iamos gravar algo. Dixéronme que lle contase á cámara que tal estaba. Cal foi a ledicia cando un dos meus fillos chamoume e díxome que tiña unha pinta sensacional. ‘E ti que sabes?’, díxenlle. Mandárono ás familias preocupadas por nós. Non sabes a alegría de vivir que me deu iso”, relata Miguel.

O MEDO

A terceira mochila é o medo a que pase algo, como colectivo especialmente vulnerable. A directora da residencia, Fátima Fernández, advírteme de que nunca utilizan a palabra morte, pero que o termo ronda. Armando falou o pasado domingo coa súa irmá, residente en Becerreá. “Díxome que non me preocupara, pero eu preocupación téñoa, porque lle pode tocar a calquera”, lamenta. Miguel Ángel le os xornais “enteiros, ata os anuncios” e está preocupado porque en Sevilla “tiveron que habilitar hoteis porque non hai camas abondas para illamentos”. Concha pensa nos netos. “Que me pase a min algo, pero que non lles pase a eles”, remarca.

AS RESIDENCIAS PIDEN “MÁIS MEDIOS”

Nas residencias piden máis medios. “Eles non están de paso, non son un número. Todos teñen unha historia, unha familia, un pasado cheo de sacrificios; e parece que agora, que é cando nos precisan, non lles queremos dar un futuro. Pedimos medios para poder enfrontarnos a posibles contaxios, que somos conscientes que en algún momento teremos, queremos EPIs, luvas, mascariñas, xeles… Queremos protexelos e protexernos. Queremos que se algún se infecta teñamos a capacidade suficiente entre todos para illalo e protexer o resto. Queremos que os leven a un hospital para que os coiden axeitadamente. Que se fagan as probas e se axilicen os diagnósticos”, remarca Fernández.

TENACES

Pero detrás das confesións sempre hai unha frase que relativiza o malestar, que lle quita dramatismo. “É moi duro o que estamos vivindo, pero o peor non é o noso, é o dos netos, que están na idade de descubrir e teñen que estar na casa e non ir ao colexio”. “Nós non temos problema, porque aquí estamos ben coidados”. Son disciplinados e son tenaces, quizais porque xa viviron outras crises, outros confinamentos.

Cando acabamos de falar dame por mirar en Internet as cancións das que falaba Concha, que non coñezo. Unha cántaa Juanito Valderrama.Hoy he vuelto a pasar
Por en el camino verde
Que por el valle se pierde
En mi triste soledadHoy he vuelto a rezar
A la puerta de la ermita
Y pedí a su virgencitaQue yo te vuelva a encontrar.

Pois iso. Quedemos na casa, que nos volveremos atopar.

ÚLTIMAS

O folión de carros a ollos da infancia de Chantada

O próximo 24 de agosto celebrarase en Chantada o Folión de Carros, como é...

Torneo-Festa deportiva fin de tempada do C.V. Ribeira Sacra

Celebrouse unha xornada de confraternidade da familia do C.V. Ribeira Sacra, na que se...

O BNG e a ANPA do CPI Poeta Uxío Novoneyra demandan solucións á estrada LU-651

O BNG asegura que nestes días volveu caer parte desta estrada, e como solución...

Prazo aberto para solicitar as axudas para a creación de novas casas do maior

Como novidade, esta nova convocatoria inclúe unha axuda complementaria de 150 euros semanais durante...