HomeTerra de LemosMonforteEspertamonforte e BNG denuncian os riscos da 'Senda Verde Monfortina'

Espertamonforte e BNG denuncian os riscos da ‘Senda Verde Monfortina’

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O proxecto de restauración ambiental e creación de sendas peonís nas marxes dos regatos das Malloadas, A Penela e Zapardiel, impulsado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, espertou unha forte oposición política e veciñal en Monforte. Tanto Espertamonforte coma o BNG anunciaron a presentación de alegacións por separado para frear o impacto da obra sobre as vivendas e propiedades privadas da zona.

EXPROPIACIÓNS

A formación Espertamonforte cualificou de “preocupante” que a documentación exposta ao público non se limite a deseñar unha infraestrutura peonil, senón que contemple a posibilidade de expropiar inmobles habitados. “Non se pode presentar como unha simple actuación para crear unha senda aquilo que pode implicar a perda da vivenda habitual de persoas”, criticaron desde o grupo, esixindo ás administracións “transparencia, diálogo” e alternativas técnicas que eviten prexudicar os residentes.

Espertamonforte adiantou que realizará un seguimento exhaustivo de toda a tramitación do proxecto co obxectivo de asegurar que calquera intervención pública execute o menor prexuízo posible na contorna e na veciñanza de Monforte.

ESCOITAR Á VECIÑANZA

Na mesma liña, o BNG de Monforte mantivo diferentes reunións e conversas coas persoas afectadas para cotexar os seus temores co plan oficial. Aínda que os nacionalistas valoran positivamente a recuperación destes espazos naturais, consideran imprescindible revisar o trazado naqueles puntos onde provoca afeccións graves sobre construcións e terreos particulares. O voceiro municipal do BNG, Emilio J. Sánchez, subliñou que “compartimos o obxectivo de recuperar os regatos, pero queremos que o proxecto se faga ben, escoitando á veciñanza e reducindo ao mínimo o impacto cando existan outras solucións posibles“.

ALERTA POLO ESTADO DAS MARXES DO CABE

Aproveitando o debate ambiental, o BNG anunciou que levará ao próximo Pleno municipal unha iniciativa urxente para solicitar unha revisión preventiva das árbores de maior tamaño situadas nas marxes do río Cabe, especialmente nas zonas máis transitadas polos peóns, como a contorna da Pinguela e o paseo situado detrás do Multiusos.

Os nacionalistas lembraron que a finais de xaneiro deste mesmo ano un temporal xa provocou a caída dunha árbore de gran tamaño que esnaquizou os varandais da pasarela da Pinguela. “Temos árbores moi próximas ás zonas de paso. Non se trata de cortar de xeito indiscriminado, senón de revisalas, facer un seguimento e actuar con criterios técnicos antes de que se produza un accidente”, concluíu Sánchez, instando ao Concello e aos organismos competentes a coordinar unha avaliación seria do arborado.proceso administrativo.


ÚLTIMAS

O Concello de Monforte concede preto de 78.000 euros a entidades deportivas, culturais, sociais, lúdicas e formativas

O Concello de Monforte vén de informar da concesión de axudas dirixidas a diversas...

Respira, II Xornadas de Benestar do 8 ao 10 de outubro no Ateneo Casino de Monforte

O Ateneo Casino acollerá do 8 ao 10 de outubro un encontro que convida...

6 compañías do sur da provincia no Circuíto de Teatro Afeccionado que ten en marcha a Vicepresidencia da Deputación

A Vicepresidencia da Deputación ten en marcha unha nova edición do Circuíto de Teatro...

Cortes de tráfico este 6 de outubro na Avda de Galicia de Monforte por obras de asfaltado

Esta actuación forma parte da mellora da Avenida de Galicia e a rúa Chantada...