HomeOpiniónAsí viviamos hai un ano a pandemia: cando case te crucifican por...

Así viviamos hai un ano a pandemia: cando case te crucifican por levar unha cabras pacer

A miña experiencia de confinamento vívoa en Chantada. E para falar deste tema hai que ter moito coidado. Porque a cantidade de bulos, noticias falsas, animaladas e pseudociencia que nos chove a través das redes sociais pode ser tan nociva como o propio virus.

Publicado o

POR
Andrés Pavón
- Advertisement -

Diario de corentena do 20 de marzo do 2020:

Científicos, persoal sanitario e responsables das diferentes administracións públicasson as voces que debemos escoitar estes días e seguir as súas indicacións.

Aclarado isto, en Chantada, supoño que como en todas partes, vese pouca xente pola rúa. Os contactos sociais limítanse a atopar persoas coñecidas nas tendas de comestibles e farmacias, que é do pouco que nos deixan visitar. E debo dicir que, baixo a miña opinión, os chantadinos están realmente concienciados coas medidas preventivas. Todo o mundo garda a distancia de máis dun metro, non se ven aglomeracións nos supermercados e case non hai quen vaia sen luvas, mascarilla ou ambas.

Como en todas as vilas, a veciñanza trata de pasar o tempo de confinamento o mellor que pode. Así, os mozos e mozas da Avenida de Monforte organizaron un bingo que celebran nas ventás das vivendas. Unha boa iniciativa que serve para unir e facer tecido social e que xa está a ser copiada noutros lugares. E algúns -poucos- saímos puntualmente ás 8 da tarde aplaudir nos balcóns o labor impagable que estes días levan a cabo os profesionais da sanidade e demais colectivos que están en primeira liña na loita co coronavirus ou especialmente expostos. Tamén hai quen se ofrece a axudar as persoas maiores ou a coidar cativos… cada un aporta o que pode e o que se pode.

Os aprazamentos de todo tipo de eventos foron inevitables, por suposto. Entre eles, un dos máis veteranos como é o campionato de dominó, que se ía celebrar o 14 de marzo. Ademais, o día 16 nevou pero non se puido facer a tradicional visita familiar ou con amigos ao Faro para gozar da neve. Parece que haberá que agardar ata o outono.

Feira do Viño de Chantada / XdL

Xa se di que a touro pasado todos somos Manolete (o toureiro, non o dos autobuses). E nada tan certo como no caso da Feira do Viño. Polo de agora, e toquemos madeira, non se certificou ningún caso de contaxio nese evento que tivo lugar entre o 6 e o 8 de marzo. Pero xa saíron centos de voces de dentro e fóra de Chantada asegurando que xa advertiron que a feira non se podía celebrar e que o coronavirus se ía espallar alí. Agora sabemos que puido ser un erro cuxos efectos hanse coñecer co tempo. Mais ninguén tiña ningunha certeza de nada unha semana antes de decretarse a alarma. E o que diga que si que tiña certeza, minte.

Supoño, volvendo ao confinamento, que case todos estamos xa un pouco fartos de recibir memes e vídeos graciosos con bromas sobre o papel hixiénico ou sobre o aburrimento de estar na casa. Chégannos por whatsapp, reenvíamolos, volvémolos recibir…un círculo vicioso que contribúe a facer máis levadeiro o peche pero pode acabar cansando.

O que non sei se acontece no resto de Galicia é o de ver ós propietarios de cans paseando con total calma e sen que ningún corpo ou forza de seguridade lles diga nada ou interrompa o seu desfrute. Será que o can os inmuniza, será que teñen máis dereitos que os demais… ou será que o goberno bastante ten co coronavirus como para enfrontarse a unha nova batalla nas redes sociais. En cambio, a un veciño de Monforte case o crucifican por levar unhas cabras pacer. Logo han querer comer cabrito…

Paseando dúas cabras / Twitter

Polo demais, sendo Chantada terra de bares, tascas, restaurantes e hostalería varia, é innegable que a maioría de nós estamos desexando volver pisar eses establecementos. Pero agora debe primar o sentido común e ser prudentes e pacientes. Cando todo esto remate, pasarémolo moito mellor reencontrándonos cos amigos cun viño ou unha cervexa polo medio. E tamén aprenderemos a valorar moito máis e moito mellor todo o que estes días non podemos desfrutar. Ánimos a todos e todas.

ÚLTIMAS

O PP pide á Deputación que arranxe a LU-P-4112 en Pantón

Os deputados populares condenan “o mal estado” desta vía de titularidade provincial “o que...

‘Ok(c)toberfest’ no barrio de Carude, en Monforte

O popular barrio de Carude, en Monforte de Lemos, vivirá este sábado unha xornada...

Sarria celebra dez anos do Esmorga Fest os días 17 e 18 de outubro

O festival comeza o venres 17 ás 20:00 horas coa apertura de portas na...

Publicadas as listaxes definitivas de admitidos no Programa Activa de Monforte que abre prazo extraordinario para cubrir vacantes

Xa están publicadas na páxina web municipal as listaxes definitivas de persoas admitidas nas...