A presentación das 3 guías das xudarías galegas (Monforte de Lemos, Ribadavia e Tui) supón a culminación dunha etapa de anos de traballo, e do mesmo xeito, son un punto de partida para desenvolver novos obxectivos nos ámbitos do turismo e da cultura.
Tomé Roca resaltou a importancia da guía presentada hoxe pois supón a posta en valor do patrimonio xudeu de Monforte, “patrimonio no que levamos xa bastante tempo traballando conxuntamente para promocionar no seo da Rede de Juderías de España, porque está entre os máis importantes do seu xénero en toda Europa e no Mundo”.
O rexedor monfortino resaltou o traballo desenvolto, dende dende hai máis de dúas décadas, pola recuperación do pasado hebreo, mediante un traballo coordinado no seo da Red de Juderías de España, entidade na que tamén figuran cidades como Barcelona, Córdoba ou Toledo.
As xudarías galegas conforman un circuíto turístico de enorme interese en si mesmo, para todos aqueles que se plantexen visitar Galicia, a nivel nacional e internacional. “As xuderías do noso país son un elemento clave á hora de dar a coñecer o rico mosaico cultural que forxou a nosa identidade dende a Antigüidade ata os comezos da Idade Moderna”.
O Alcalde de Monforte quixo tamén reforzar “a aposta por un turismo seguro, por un turismo sostible e de calidade, por un turismo non masificado, que permita ós visitantes deseñar con comodidade as súas rutas e vivir unha experiencia personalizada, unha experiencia única”. E neste senso, Monforte e a Ribeira Sacra constitúense como lugares idóneos para levar a cabo este tipo de turismo. A publicación desta guía sobre a xudería monfortina supón unha ferramenta que axuda a reforzar e potenciar este modelo de turismo.
Na súa intervención o Alcalde fixo mención ó tráxico pasado do pobo xudeu e puxo en valor a súa pegada na sociedade dos nosos días: “Poñer en valor a herdanza e o patrimonio xudeu con guías como as que hoxe presentamos, non é soamente un acto de xustiza cos nosos antepasados ou coas actuais comunidades sefardís espalladas polo Mundo. Poñer en valor o patrimonio xudeu é, tamén, unha ferramenta para entender, un pouco mellor, como chegamos a ser o que somos hoxe, para non repetir como sociedade os terribles erros do pasado, e, polo tanto, unha ferramenta de progreso social e de progreso económico asentado en valores de paz e de convivencia”.