HomeDeportesO río Cabe, escenario dun novo éxito do Quixós: mellor equipo e...

O río Cabe, escenario dun novo éxito do Quixós: mellor equipo e 14 medallas

Monforte de Lemos acolleu este pasado domingo 11 de xullo a 3ª Competición Promoción de Slalom de piragüismo con cinco equipos participantes a nivel de Galicia. O resultado en medallas e mérito colectivo foi idéntico á última competición celebrada no Rosal a finais de xuño.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Club Quixós presentábase nesta ocasión como equipo anfitrión e dende primeira hora da mañá deste pasado domingo estiveron acondicionando o percorrido para a competición no tramo do río Cabe no Malecón entre a ponte de madeira e algo máis alá do Anchoas.

Circuíto no Río Cabe. Foto: Marga

O ambiente foi como se esperaba, pois xogando na casa achegouse moita xente, alén de familiares, amigas e amigos, para animar aos palistas e ás palistas do Quixós. Un día de calor cun percorrido esixente que non foi atranco para que a rapazada de deportistas do club monfortino volveran deixar o pavillón ben alto. Os abridores polo equipo anfitrión foron Ximena Prats e Pedro Fonseca.

Na entrega de medallas estivo, ademais do Alcalde, José Tomé Roca, a Tenente de Alcalde Gloria Prada, a concelleira de Cultura Marina Doutón, e o concelleiro de deportes, José Manuel Mougán.

RESULTADOS DO QUIXÓS

No cadro feminino moi salientables unha vez máis os resultados de Nerea Gutiérrez, acadou dous ouros en K1 e C1 Infantil, e de Sara Inés Varela, con dúas pratas en K1 e C1 Alevín.

Completaron os bos resultados as palistas Abril Fernández, cun ouro en K1 Prebenxamín, e Mara Ledo cun bronce en K1 Alevín.

No cadro masculino fixeron dobrete Jacobo Rodríguez, con dous ouros en C1 e K1 Infantil, e Martín Prats cun ouro en K1 e unha prata en C1 Alevín. Na categoría de K1 Benxamín acadaron medallas Xoel Fernández e Rodrigo Morillo, levaron ouro e bronce respectivamente; e en K1 Prebenxamín quedaron en Monforte outras dúas medallas, unha de ouro para Antón Liñares e unha de prata para Marco Rodríguez.

Santi Díaz, pola súa banda, recolleu o trofeo que acreditaba ao Club Quixós como o mellor dos 5 participantes.

Santi Díaz recolle o trofeo de Mellor Equipo. Foto: Marga

ÚLTIMAS

OPINIÓN: O camarada Xesús e as trincheiras culturais

Hai case vinte anos tiven a oportunidade de coñecer a Xesús Alonso Montero, figura...

Unha fin de semana para gozar do ‘Caldo de ósos’

Onte, venres 13, inaugurábase a exposición de fotos antigas “O legado que nos une”...

O PP de Monforte reclama ao pleno unha zona de baño pública para este verán

Dende o PP de Monforte insisten na necesidade de ofrecer unha alternativa gratuíta de...

‘CARNABAR’, a nova e festeira ocorrencia do ‘Colectivo Vermut’

"Entroido en movemento" ou "Roteiro de Entroido", así se podería definir o CARNABAR, unha...