A formación nacionalista lembra que xa preguntou no anterior pleno pola situación destas traballadoras e polas actuacións do Concello. Ante a continuidade do problema, considera imprescindible que o Goberno municipal adopte medidas concretas para poñerlle fin.
«É intolerable e insostible que unhas traballadoras continúen acudindo diariamente aos seus postos de traballo sen cobrar os salarios que lles corresponden. O Concello non pode limitarse a observar o que acontece, ten que implicarse e buscar solucións», sinala o concelleiro do BNG, Manuel Luaces.
Os nacionalistas lembran que se trata dun servizo público financiado con fondos municipais e que o Concello, como Administración contratante, dispón de mecanismos para esixir á empresa o cumprimento das súas obrigas. O BNG reclamará que se estuden e apliquen as medidas legais e contractuais necesarias para garantir o pagamento dos salarios pendentes e que, se a situación non se resolve, se valore a rescisión do contrato coa empresa adxudicataria, sempre que existan causas legais para facelo e garantindo a continuidade do servizo e os dereitos das traballadoras.
«O que pedimos é que o Concello asuma a responsabilidade que lle corresponde, que actúe e que dea solucións reais ás traballadoras. Non podemos permitir que esta situación se prolongue indefinidamente. Estamos falando de persoas que teñen familias e obrigas que atender e que merecen cobrar polo seu traballo», conclúe Manuel Luaces.

