IniciosociedadeO Concello de Folgoso do Courel consegue manter as represas de chapacuña...

O Concello de Folgoso do Courel consegue manter as represas de chapacuña no Río Lor

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) estimou, cando menos parcialmente, as alegacións feitas polo Concello de Folgoso do Courel para manter as represas de chapacuña no Río Lor.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Desde o Concello de Folgoso do Courel presentaron no mes de xullo varias alegacións ao proxecto da CHMS nas que se advertía que as actuacións destinadas á mellora da continuidade lonxitudinal, conservación do dominio público hidráulico e mellora do uso público na Reserva Natural Fluvial río Lor, situada no tramo superior, nos  TT.MM. de Pedrafita do Cebreiro e Folgoso do Courel, consistentes, entre outras, no desmonte parcial (construídos en cachotería de pedra) ou total (recentes construídos en formigón) de obstáculos transversais como represas sen uso nin concesión no Rexistro de Augas desta Confederación Hidrográfica, atentan contra un elemento representativo dos valores patrimoniais e etnográficos do Concello en tanto que constitúen unha pegada da acción humana sobre o territorio, do mesmo xeito que outras construcións tradicionais como son os muros dos camiños, os peches de  cachotería, os  albares, etc, que conforman a memoria colectiva do territorio  do Courel.

Así mesmo a súa construción responde á técnica tradicional da construción coa pedra en seco no caso das represas construídas en cachotería de pedra. A arte de construír muros en pedra seca comprende os coñecementos e prácticas sobre a súa realización cunha mera unión de pedras sen usar outros materiais de construción, salvo terra tamén seca nalgunhas ocasións. Estes coñecementos e prácticas foron inscritos pola UNESCO no ano 2018 na Lista Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.

O Goberno local precisaba nas alegacións que as represas construídas en pedra situadas no noso Concello son respectuosas co medio ambiente, promoven o uso do material local, non producen ningún contaminante e a súa vida útil é moitísimo maior que a que implica o uso de materiais máis tecnolóxicos. Promoveron as relacións e o traballo colaborativo entre os veciños para a súa elaboración e mantemento, que sen a utilización de maquinaria lograron xuntar e colocar gran cantidade de pedras no curso do río axudando a manter e conservar a paisaxe agrícola e de pastos que rodeaba o río.

chapacuña / concello de Folgoso do Courel

En canto ás represas construídas en formigón e considerados recentes, explicaban, a súa construción foi a mellora dos antigos construídos en pedra, que xa presentaban danos nalgúns casos e noutros foron substituídos polo formigón.

A retirada das represas afectaría a outros bens como os muíños, que ao tratarse de muíños hidráulicos, sen a auga non poderían funcionar. E tamén á rega de leiras, sen a posibilidade de rega pérdese a posibilidade da recuperación de pastos ou cultivos.

O Goberno local pediu que non se desmonten as represas construídas en cachotería de pedra nin os construídos en formigón e, no seu caso, se proxecten alternativas non destrutivas que garantan as condicións necesarias para o mantemento da fauna do  río.

Resposta da CHMS

Desde a CHMS responderon que son “sensibles ao valor patrimonial que representan as represas como elemento etnográfico polo seu valor como infraestrutura tradicional ligada a aproveitamentos de auga como rega, aproveitamento da enerxía hidráulica para usos tradicionais como a moenda ou a  metalurxia, entre outras. Por iso, tras un primeiro inventario de obstáculos, descartouse a intervención sobre aqueles represas que, por ter certa permeabilidade e ao mesmo tempo, un valor patrimonial, convén deixar no leito. Ademais, como se indica no proxecto, preténdese o desmonte unicamente parcial daquelas represas construídas de forma tradicional, de forma que unha vez que se consiga o obxectivo de eliminar a barreira física, se deixe no terreo a parte do elemento etnográfico con maior valor (eliminar as partes engadidas de formigón que se supoñen claramente posteriores á construción orixinal en pedra seca).

Adicionalmente ao anterior, como medidas de mellora do uso público da Reserva Natural Fluvial preténdese recuperar unha senda que conecte os termos municipais de Folgoso e Pedrafita e que circula na maior parte do seu percorrido próxima ao río  Lor, e cruzándoo en certos puntos, de maneira que se poñan en valor tanto os valores ambientais do espazo, como os patrimoniais e etnográficos, entre os que se atopan as represas e canles de rega, polo que se considera que a pesar do desmonte total de represas de formigón e parcial de represas de pedra, en xeral, poñeranse en valor os coñecementos sobre os usos tradicionais e os vestixios físicos das infraestruturas hidráulicas asociadas a estes, de forma que se considera que se está levando a cabo unha valorización positiva do patrimonio inmaterial que constitúen os coñecementos sobre as técnicas de construción de muros de pedra seca, e todo o complexo de sistema de presas e canles asociados á rega de hortas e pastos”.

ÚLTIMAS

31 da Feira do Viño de Vilachá na primeira fin de semana de maio

Esta edición manterá tamén outro dos cambios dos últimos anos: a creación de dous...

60 equipos inauguran a tempada de montaña en Taboada esta fin de semana

A nova directiva da Escudaría Taboada mantén o trazado orixinal da proba, na que...

Traballos preventivos en pistas e cortalumes do Distrito Forestal VIII Terra de Lemos

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte,...

29.469€ para a rehabilitación do lavadoiro de Hospital no Incio

Esta actuación busca a integración dos elementos que conforman o patrimonio etnográfico, neste caso...