Con esta obra preténdese remodelar e acondicionar de forma integral o centro de atención ao público de Monforte, situado na rúa San Pedro, número 4, que nunca fora reformado desde a súa apertura hai 31 anos, polo que as dependencias están deterioradas e teñen problemas de humidades.
Esta actuación conseguirá dar ás oficinas unha imaxe clara, accesible e ordenada, mellorando unhas instalacións obsoletas e conseguindo un mellor aproveitamento dos máis de 350 m2 dos que dispón, redistribuíndo zonas de traballo e de espera do público, ademais de aumentar a luminosidade e a eficiencia enerxética do edificio.
A Seguridade Social dá servizo nas súas dependencias de Monforte de Lemos a unha poboación potencial de máis de 55.000 persoas das comarcas de Lemos, Chantada e Quiroga. No que vai de ano, leva atendidas 6.434 persoas na modalidade presencial e a case 2.000 máis en modalidade telefónica.
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, lembrou que a licitación deste proxecto supón o cumprimento dun compromiso con Monforte feito durante unha visita que realizaron ás instalacións a subdelegada e o director provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social e da Tesourería Xeral da Seguridade Social, Juan José Rodríguez Gude, xunto co alcalde, José Tomé.
O director provincial da Seguridade Social explicou que se trata dunha intervención necesaria para mellorar o estado dunhas dependencias que non foran obxecto de ningunha obra dese a súa apertura en 1990 e anunciou que as empresas interesadas poderán presentar as súas propostas ata o día 24 de outubro.
O director provincial do INSS tamén destacou que a provincia de Lugo é na que se rexistra menor tempo de espera para a concesión de citas de todo o país, e lembra que dispoñen dun teléfono propio provincial, o 982 293300, que está a disposición dos cidadáns para a xestión de citas e atención personalizada por persoal especializado.