HomeMovementos sociais“Mulleres de Sarria”: seis puntos de vista sobre a igualdade

“Mulleres de Sarria”: seis puntos de vista sobre a igualdade

Este é o título do documental que se presentou en Sarria o pasado mes de setembro promovido pola Concellería de Muller, Igualdade e Integración do Concello de Sarria. Damos a coñecer o traballo e falamos con Geni, a concelleira.

Publicado o

- Advertisement -

Segundo nos di María Eugenia Valcárcel, Geni en confianza, o traballo audiovisual foi presentado o pasado 14 de setembro na Casa da Cultura de Sarria. O pase tivo un carácter reducido asistindo ao mesmo as seis mulleres protagonistas, familiares delas, traballadoras do CIM e representantes políticos/as da corporación municipal.

Despois desta presentación, o documental pasouse aos centros educativos da vila e a intención é que se poda pasar en público na programación do 25N que ultima o Concello de Sarria.

O TRABALLO AUDIOVISUAL

O documental está protagonizado por seis mulleres de Sarria que convidan a reflexionar sobre a igualdade de xénero a partir das súas propias reflexións e dentro duns bloques temáticos que formula a cada unha delas a produtora, Coeduc@ –consultoría de coeducación–.

As protagonistas son: María Pilar García Piñeiro, Teresa González Casas, Belén Jiménez Vargas, Carmen José López Rodríguez, Rosario Rey Lago e Milagros Vázquez Seijas. Seis sarrianas que sen ter experiencia previa diante da cámara para traballos como este demostraron unha gran naturalidade e deixaron puntos de vistas moi claros nas súas reflexións.

Respecto ao documental, este preséntase estruturado en varios bloques, servindo o primeiro deles de presentación das mulleres participantes no mesmo. A continuación trátanse na conversa con elas os seguintes temas: Avances en igualdade; Contas pendentes, tarefas do fogar; Contas pendentes, conciliación; Contas pendentes, carga mental; Contas pendentes, violencia de xénero; Contas pendentes, educación en igualdade; e Consellos para as xeracións vindeiras.

Por destacar algunha das reflexións das intervintes, quedámonos, por exemplo, no caso de Teresa –gandeira– cando se refire ás tarefas do fogar e di: “de sempre vén que a casa era cousa da muller, entón cámbialo costa traballo… eles fanas pero aínda lles costa”. Ou cando se lle pregunta a Rosario –a maior das protagonistas– sobre a violencia de xénero e afirma: “Non queren perder a diles”. A preguntadora repregunta, como querendo saber a que se refire con esa afirmación, e Rosario engade “que non queren perder o mando diles, de ser iles os que mandan como nos tempos de antes”.

A INICIATIVA DO CONCELLO DE SARRIA

Como comentamos, o proxecto foi promovido pola Concellería de Muller, Igualdade e Integración, concellería que ocupa María Eugenia Valcárcel, “Geni”.

Felicitámola pola iniciativa e preguntámoslle como foi a escolla das protagonistas. Confesa que “non foi pensada dunha maneira moi profesional” dando a entender que se guiaron moito pola intuición.

A idea, asegura, era buscar mulleres de diferentes ámbitos, de diferentes idades, contemplar a emigración e incluso etnias distintas para conversar con elas sobre igualdade de xénero. E tirando de intuición e de coñecidas/os foron chegando aos perfís que se buscaban, conseguindo un elenco de testemuñas que funcionou moi ben.

“Buscabamos xente normal, recoñecible, aínda que algunha tivera algún cargo relevante que houbera perfís cos que a xente se puidera identificar”, comenta Geni.

Preguntamos, para rematar, se lles custou convencelas para poñerse diante das cámaras. Geni recoñece que con algunha si custou: “con Rosario e Teresa, por exemplo, pero ao final conseguimos animalas”.

“Mulleres de Sarria” foi realizada pola consultoría de coeducación Coeduc@ e encádrase dentro das medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e está tamén financiado polo Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado e Igualdade e contra a Violencia de Xénero.

ÚLTIMAS

O folión de carros a ollos da infancia de Chantada

O próximo 24 de agosto celebrarase en Chantada o Folión de Carros, como é...

Torneo-Festa deportiva fin de tempada do C.V. Ribeira Sacra

Celebrouse unha xornada de confraternidade da familia do C.V. Ribeira Sacra, na que se...

O BNG e a ANPA do CPI Poeta Uxío Novoneyra demandan solucións á estrada LU-651

O BNG asegura que nestes días volveu caer parte desta estrada, e como solución...

Prazo aberto para solicitar as axudas para a creación de novas casas do maior

Como novidade, esta nova convocatoria inclúe unha axuda complementaria de 150 euros semanais durante...