Johany Lantigua naceu na República Dominicana, concretamente en Gaspar Hernández, unha vila dun tamaño semellante ao de Quiroga. Chegou a España no ano 2005 para establecerse en Ourense e, no ano 2011, trasladouse para vivir e traballar na Comarca de Quiroga.
A nosa protagonista cóntanos que na cidade de Ourense estivo traballando nunha panadería e despois, xa en Quiroga, estivo en dous establecementos de hostalería: o bar-restaurante A Praia Fluvial de San Clodio, e o Bar Quiper de Quiroga.


Con esta experiencia acumulada decidiu emprender. “Xa tiña en mente montar o meu propio negocio”, di Johany ao tempo que nos explica como foi o paso que deu. “Coñecía a pizzería A Pedra de Quiroga e por un amigo entereime de que a deixaban. Falei cos donos e collín o negocio para levalo eu”. Este establecemento, única pizzería de Quiroga, xa tiña moi boa fama de antes e a aposta presentábase, polo tanto, como unha boa oportunidade para emprender.
Johany colleu o negocio en xaneiro de 2026 xunto co seu irmán, Jonh Deuui, que leva nove anos en Quiroga, e van xa camiño de completar o primeiro ano de traballo no que recoñecen estar moi contentos por como vai todo.

LIÑA DE NEGOCIO
Estes dous dominicanos están a seguir a liña de negocio que tiña xa A Pedra antes, centrados na oferta de pizzas, racións, hamburguesas, bocatas, tostas, tapas, ensaladas e almorzos. Como novidades incorporaron algunhas pizzas como a ‘Pizza Kebab’ ou a ‘Barbacoa’, algunhas ensaladas e tostas orixinais así como a opción de perrito completo baixo o nome de “Can de palleiro”.
Polo de agora non ofrecen a opción de levalas a domicilio pero os clientes poden facer pedidos e pasar a recollelos no propio establecemento que está no núcleo urbano de Quiroga, concretamente na Rúa Quiroga de Arxentina, número 12.

BALANCE DE CASE UN ANO
Preguntada Johany pola marcha do negocio no que vai de 2026, dinos que “estamos contentos, está indo todo mellor do que esperabamos, aínda que hai que recoñecer que detrás hai moitas horas de traballo (ri)”.
A acollida da xente, e sendo xa coñecidos como veciños e por ter traballado noutros establecementos de Quiroga, foi fantástica e están moi agradecidos.
“estamos contentos, está indo todo mellor do que esperabamos…”
INTEGRACIÓN
Johany leva xa quince anos en Quiroga, e seu irmán Jonh nove, co cal xa están totalmente integrados. Unha integración que asumen con naturalidade recoñecendo, no caso da nosa protagonista, que “cando vas a un sitio tes que adaptarte. Hai diferencias, pero é cuestión de adaptarse”. E en relación ao galego dinos tamén que lle costou moi pouco tempo entendelo. “Aos catro meses de estar en Ourense xa o entendía perfectamente. Entre o noivo e o xefe que mo falaban collino moi rápido”, di. E falalo? –preguntámoslle— “Iso xa me custa máis”, contesta.
“cando vas a un sitio tes que adaptarte. Hai diferencias, pero é cuestión de adaptarse”
Seguindo coa adaptación á nosa cultura recoñece que lle gusta moito a gastronomía galega e saír de viños. Tamén lle gustan moito as montañas e os ríos do Xeoparque e para ir de vacacións quédase con Sanxenxo, vila que lle lembra á súa terra.







