HomeOpiniónOPINIÓN: As festas tradicionais que se rebelan contra os impulsos restritivos das...

OPINIÓN: As festas tradicionais que se rebelan contra os impulsos restritivos das autoridades políticas

As festas do Fachón, das Fachas, do Folión de Carros, do Oso en Salcedo, do entroido en Santiago d ́Arriba, son xustamente aquela crenza que cada persoa ten cando ve a performance ante os propios ollos. Son diversas e teñen múltiples significados. Sen embargo, cando as autoridades políticas prohiben expresarse a través das celebracións tradicionais, como acontece desde hai dous anos, todo se transforma.

Publicado o

POR
Xavier Viana Álvarez
- Advertisement -

O pasado 19 de xaneiro visitei Castro Caldelas para asistir por cuarta edición consecutiva á Festa dos Fachós. Unha vez máis estiven como observador, na proximidade que permite o ritual e na distancia de ser ignorado polos protagonistas da celebración. Esta vez non había comida no final e, por tanto, tampouco xente mirando. Apenas dúas ducias de persoas agardaban na Praza do Prado polo regreso do Fachón. Os aplausos foron sentidos. O San Sebastián, disque avogoso en asuntos de pestes, volveu a recibir «Vivas».

En Castro Caldelas, a diferenza doutras festas tradicionais con lume que temos na zona, o simbolismo católico está presente, aínda que sexa de maneira residual. Un meco de palla representa ao santo, que é levado en lugar privilexiado a lombo do Fachón, para ser finalmente afastado no momento definitivo, cando esta gran facha envolve a lumieira no adro da igrexa dos Remedios. «Viva o San Sebastián!» -berran os maiores devotos da festa mentres o lume percorre as rúas que arrodean o castelo.

“Facémolo por tradición”

O lume excítanos porque nos remite á orixe e ao misterio, manifestándose como catalizador da natureza e a cultura desde o inicio mesmo da existencia humana. A súa presenza chama por nós en calquera caso. Os veciños de Vilelos (O Saviñao) e Piornedo (Ancares), de xeito semellante aos de Castro Caldelas, transitan coas fachas cara unha fogueira que une todos os lumes da procesión. En Castelo (Taboada) fan un círculo con fachas que prenden á noite na coroa do castro. En todas elas conflúe o fulgor dos antepasados: «facémolo por tradición». A función protectora, purificadora, fundadora, agregadora, que sempre tivo o lume desapareceu entre os recentes estilos de vida enteiramente apegados ás máquinas. As persoas que herdaron estas formas culturais son conscientes que a súa xeración posiblemente sexa a derradeira en transmitir esta formidable reliquia. O despoboamento, os novos sistemas para relacionarnos, o culto a internet e as incertezas dos últimos meses son demasiadas resistencias a vencer. Por este motivo, o esforzo e traballo de quen aguanta, contra vento e marea, é inmensamente valioso e debera ser recoñecido.

Fachón 2022 / X.V.

No camiño de regreso desde Castro Caldelas a Chantada, contando unha a unha as cincuenta curvas a dereita e esquerda que separan a ponte do Sil de Doade, comezaron a falar na radio de datos estatísticos e restricións ás liberdades colectivas por cuestións sanitarias que escapan ao meu entendemento. Detívenme pouco despois, na entrada de Marcelle, para sintonizar outra emisora. As verdades absolutas e os principios indiscutibles producen no meu corpo reaccións fisiolóxicas que precisan campo aberto ou váteres de tanque alto. Busquei Radio 3 no dial e alguén estaba a dicir nese instante: «nada es lo que crees, a no ser que veas lo que es».

As prácticas rituais ocúltanse para os estraños ao mesmo tempo que se exploran estratexias de subsistencia

As festas do Fachón, das Fachas, do Folión de Carros, do Oso en Salcedo, do entroido en Santiago d ́Arriba, son xustamente aquela crenza que cada persoa ten cando ve a performance ante os propios ollos. Son diversas e teñen múltiples significados. Sen embargo, cando as autoridades políticas prohiben expresarse a través das celebracións tradicionais, como acontece desde hai dous anos, todo se transforma. As prácticas rituais ocúltanse para os estraños ao mesmo tempo que se exploran estratexias de subsistencia, confirmando a fortaleza ou febleza das estruturas comunitarias, capaces ou incapaces de enfrontarse ás imposicións do estado: «se nos guiamos por eles non fariamos nada». As comunidades locais procuran defender, dun ou doutro modo, os símbolos que historicamente foron referencia de comuñón entre os seus integrantes. Lembro en abril de 2020 cando veciñas e veciños de Santa Uxía (Chantada) puxeron como foto de perfil nas súas redes dixitais a imaxe do Corpo Santo; ou o mural, feito tamén ese ano, que se pode encontrar na rúa Uxío Novoneyra (Chantada) co lema «Manter o Folión». En calquera caso, o tempo ditará sentenza: diferenciaremos entre celebracións superviventes e celebracións perdidas.

Quen sabe se algunha das que continúen existindo ata cheguen a incorporar novos emblemas como consecuencia desta situación extraordinaria, modificacións adaptadas ás modernas doutrinas, e as crónicas xornalísticas incluso pasen a describir os «Vivas» compartidos entre o San Sebastián e outras divindades saídas dos despachos médicos e farmacéuticos, por todo canto intercederon para protexer ás terras de Caldelas das pestes de 2020, 2021 e 2022, igual que fixera o San Sebastián na peste de 1751.

ÚLTIMAS

“Abrazando o bo trato” no Pazo de Tor

Baixo o lema “Abrazando o bo trato” realizouse visita guiada polo museo reparando nas pezas...

O PP lucense esixe garantir a seguridade no tramo de vía Monforte-Ourense

Os deputados do PP lucense amosan "a súa preocupación ante os problemas detectados durante...

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...