HomesociedadeA Deputación pide á Xunta priorizar a ordenación do territorio para previr...

A Deputación pide á Xunta priorizar a ordenación do territorio para previr incendios

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou por unanimidade unha moción do BNG sobre a vaga de incendios que afectou ao Courel que pon o foco na necesidade da ordenación do territorio e da mellora dos sistemas de extinción para que a situación non se volva repetir.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O voceiro nacionalista, Efrén Castro, comezou a súa intervención trasladando “o apoio e solidariedade” á veciñanza das zonas afectadas, aos equipos de extinción e a responsables municipais que tiveron que xestionar a situación para facer despois un chamamento á análise dos factores que contribuíron á evolución dos lumes.

Neste sentido, o deputado sinalou a falta de políticas de ordenación do territorio e a aproveitamento do monte e, no que ten que ver coa extinción, criticou que a Xunta de Galicia “derive nos concellos a responsabilidade de crear brigadas municipais que logo non poden poñer en marcha e que son moi difíciles de coordinar”. Fronte a esta organización dos equipos de extinción, o voceiro nacionalista avogou pola profesionalización e a estabilidade laboral destes servizos.

“O que queremos é que esta moción sirva como punto de partida para facer un pacto de país, ordenar o monte e regular e facer cumprir a normativa sobre onde se pode plantar e que especies. Con masas de especies pirófitas sen fin, non chegarán cantos medios teñamos para parar os lumes”, urxiu Efrén Castro.

A moción insta á Xunta a “por en marcha e axilizar o acompañamento e as axudas necesarias para que canto antes a veciñanza directamente afectada polos lumes poida recuperar as súas vivendas e propiedades e restablecer as súas vidas con certa normalidade; dar prioridade á colaboración institucional para unha pronta normalización da situación vital da veciñanza afectada; iniciar de xeito inmediato a recuperación, rehabilitación e reconstrución das zonas afectadas para evitar a súa degradación polo tempo e posibles factores climatolóxicos; e traballar todo o ano na limpeza, na ordenación e no aproveitamento integral do monte para acadar un rural vivo; acabando co abandono do territorio”.

No PP, Castiñeira explicou que “ten que abrirse un debate, pero non é o momento. É o momento de estar cos veciños e as persoas que quedaron sen as súas casas e os seus negocios”. Engadiu tamén que: “Hai que debater para afrontar este tipo de problemas en vindeiras ocasións. O tempo está cambiando. Non estabamos acostumados a estas olas de calor que acade vez veñen antes e son menos comúns. Hai que ter visión de futuro para poder atallar esta circunstancia”. Tamén explicou que “Galicia é a comunidade que máis inviste na loita contra os incendios: 180 millóns de euros dos que 33 se dirixen a prevención. Moi por enriba da segunda, Cataluña”.

Castiñeira puntualizou que o líder dos socialistas galegos, Valentín Formoso, tiña manifestado que “politizar os incendios é un erro” e explicou que “os incendios son un problema nacional e tamén internacional. Outros países que non sufrían olas de calor e incendios, súfrenos agora”.

Polo tanto, defendeu que “ten que haber un debate puro, sen demagoxia nin propagando sobre o motivo polo que a xente do rural se vai ás cidades. Hai que velar pola poboación, pero tamén polo territorio”. Así considera que “se debe debater a nivel autonómico e nacional; pero todas as administracións debemos facer unha discriminación positiva aos concellos pequenos. Neste sentido, a Deputación ten moito que mellorar”. Con todo, “quédome co talante de querer mellorar as cousas entre todos”, concluíu.

ÚLTIMAS

Case 600 persoas na II Festa Interxeracional do Concello de Chantada

Na primeira edición participaron unhas 350 persoas e este ano case se duplica a...

Actividades para celebrar en familia no Verán Cultural de Chantada

Do 2 de xullo e ata o 30 de agosto, o Concello de Chantada,...

Adrián González, novo voceiro do PP de Quiroga

Adrián González, de 32 anos e vinculado ao deporte, agradece a confianza dos compañeiros...

Iniciativas de Esperta Monforte no pleno deste luns

Esperta Monforte presenta ao pleno unha moción para incrementar a partida de subvencións de...