HomeCulturaEste 25 de setembro preséntanse na Casa da Cultura de Quiroga os...

Este 25 de setembro preséntanse na Casa da Cultura de Quiroga os resultados de ‘Tecendo Memorias’

A Casa da Cultura de Quiroga acollerá este venres 25 de setembro, ás 19:00h, un encontro aberto a toda a veciñanza, para dar a coñecer os resultados de Tecendo Memorias, un proxecto de recuperación da memoria do territorio desenvolvido ao longo dos últimos meses de setembro a decembro de 2025 en tres parroquias do concello de Quiroga -Campos de Vila, A Ermida e Quiroga-.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Tecendo Memorias naceu coa intención de recuperar, a través da reminiscencia, a memoria das persoas que habitan o territorio e crear espazos nos que poder recordar, conversar e reconstruír colectivamente o relato local. Ao longo do proxecto desenvolvéronse tres experiencias diferentes, adaptadas aos intereses e ás memorias de cada grupo.

Nun dos procesos recuperouse a memoria da aldea da Toca ligada a un pasado marcado pola dedicación á siderurxia de ferro, estreitamente vinculada á historia e á paisaxe do territorio, dando lugar á creación dun roteiro que dende o pasado xullo forma parte do programa de dinamización local do territorio. Noutro, a memoria das participantes cruzouse coa mirada das novas xeracións a través dun encontro entre persoas maiores e escolares, no que as crianzas se converteron en entrevistadoras para coñecer de primeira man as historias e experiencias das participantes. O terceiro proceso, desenvolvido na Ermida, centrouse na memoria vinculada á alimentación e á cociña, dando lugar á recollida de receitas vencelladas ao característico e singular patrimonio gastronómica da zona e dando lugar a un informe no que se plasman todos estes saberes recollidos nas sesións.

A diversidade dos resultados pon de manifesto que a memoria dun territorio non se limita a un único relato nin a un único formato. Está nas receitas, nos oficios, nas formas de traballar a terra, nas ferramentas, nas palabras, nas festas, nos camiños, nas relacións comunitarias e nos coñecementos transmitidos de xeración en xeración.

Cara a un proceso continuado

O encontro deste venres pretende ser tamén un espazo para dar un paso máis alá de Tecendo Memorias e abrir unha reflexión colectiva sobre a necesidade de establecer un proxecto continuado de recuperación, documentación e transmisión da memoria oral e do patrimonio cultural inmaterial do territorio.

A proposta parte da idea de que existen no Courel numerosos saberes populares que permanecen vivos nas persoas que os aprenderon e practicaron ao longo das súas vidas, pero que corren o risco de desaparecer se non se crean espazos para escoitalos, documentalos e transmitilos ás novas xeracións.

Neste sentido, o encontro pretende poñer sobre a mesa a posibilidade de que o Xeoparque Montañas do Courel impulse unha liña estable de traballo arredor da memoria viva do territorio, que permita identificar persoas portadoras de saberes, recoller as súas voces e experiencias e crear diferentes formas de devolución e transmisión á comunidade.

A intención non é limitar este futuro proxecto á elaboración dunha publicación, senón construír un arquivo vivo e dinámico dos saberes do Courel, que poida dar lugar a entrevistas, fotografías, gravacións de audio, publicacións, roteiros, materiais educativos, mapas de saberes ou outros formatos que permitan manter esta memoria accesible e en circulación.“Tecendo Memorias permitiunos comprobar que cando se xeran espazos para lembrar e conversar aparecen coñecementos e historias que forman parte do patrimonio do territorio e que non están recollidos en ningún arquivo. O que queremos agora é preguntarnos como podemos seguir escoitando esas voces e facer que estes saberes continúen vivos“, Paula Carrera, Educadora Social e coordinadora do proxecto Tecendo Memorias.

O proxecto, impulsado dende o concello contou ademais co financiamento da Área de Cultura de Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

ÚLTIMAS

O Camiño de Inverno e o ceo Starlight de Chantada danse cita o 9 de outubro na xornada Ceo no Camiño

A iniciativa que forma parte da actividade astroturística do Concello de Chantada está financiada...

Chantada comeza as obras de rehabilitación do edificio da Academia como nova Casa Consistorial

Este luns, 5 de outubro, asinouse a acta de replanteo que permitirá comezar coas...

Este xoves, 8 de outubro, comeza no Multiusos de Monforte a programación teatral do último trimestre

O concello de Monforte presenta unha completa programación teatral deseñada desde a Concellería de...

Éxito organizativo e de participación na primeira edición da ‘Nocturna do Xeoparque Montañas do Courel’

O pasado sábado, 3 de outubro, celebrouse a primeira edición da Nocturna do Xeoparque...