Este sector de escalada é o resultado de dous anos de traballos que algúns membros da asociación levaron a cabo na paraxe cedida pola mancomunidade de montes San Cristovo – Costa da Peneda, da parroquia taboadesa da Torre.
O lugar conta cunha singular formación rochosa coñecida popularmente como “O Castelo Grande” que, polas súas dimensións, material e verticalidade presentan condicións óptimas para apráctica da escalada deportiva.
Os traballos, iniciados en xullo de 2020, consistiron na retirada de maleza da rocha e na instalación de ancoraxes metálicas, ben como o desbroce do espazo inmediato.
En maio de 2021. tivo lugar un curso formativo impartido pola Federación Galega de Montañismo que serviu para abrir algunhas das primeiras vías de escalada. Parte destes traballos foi financiada polo GDR Miño-Ulla coa colaboración do concello de Taboada.
O resultado é a posta en funcionamento de ata seis vías de escalada, cun nivel de dificultade de entre V e 6A/6A+, aínda que isto está aínda por consensuar con técnicos profesionais. O acceso ao luga é doado xa que dista apenas 500 metros do alto do San Cristovo, ao que se accede por estrada desde a N-540 á altura do Torrón (Taboada). Ademais do interese da Pena de Núñez do punto de vista deportivo, desde O Carballo salientan a importancia ambiental do monte do San Cristovo, que teñen valorizado en varias ocasións coa realización de camiñadas. “Cremos, pois, que o deporte -ben como toda actividade humana- debe ser respectuosa, responsábel e sustentábel en relación ao medio agrario e natural en que se insire, e como tal promovemos este proxecto”, sinalan desde a asociación.
IX edición da carreira popular “Entre Pazos e Carballos”
O próximo sábado, 3 de setembro, a Asociación Cultural O Carballo organiza tamén a IX edición da carreira popular “Entre Pazos e Carballos”. A grande novidade deste ano é o novo trazado que atravesa lugares de interese como a aldea de Relás, co seu pazo, ou a área recretiva da Medela, cunha distancia de case 10000 metros na categoría absoluta. Haberá degustación de produtos da zona e un agasallo ecolóxico para todos os
participantes, que se estiman serán arredor de 200. A inscrición pode realizarse en Championchip Norte e o trazado ser consultado en Strava, nas ligazóns dispoñíbeis nas redes sociais da Asociación.