HomeOpiniónOPINIÓN: Terra Chá

OPINIÓN: Terra Chá

Unha lembranza no dezaoito aniversario da morte de Manuel María.

Publicado o

POR
Nicolás Xamardo González
- Advertisement -

A Terra Chá somentes é:
un povo aquí, outro acolá,
mil arbres, monte raso,
un ceo chumbo e tráxico
no que andan as aves a voar.
O resto é soedá.

Cando  lin por primeira vez este poema, quedei cativado pola súa maxia e, co paso do tempo,  dándolle voltas e voltas, fun entendendo o traballo creativo de Manuel María. Dende hai varios anos, tiven o desexo de comentalo, de analizar os procesos presentes no mesmo, froito da intuición do poeta; a pesar de saber que toda análise, todo comentario, como o que vou facer, mata a maxia creativa, o golpe intuitivo do artista.

Dous son os movementos do pensamento de Manuel María: análise e síntese.

O poeta analiza, descompón o todo (A Terra Chá), ao que lle vai dar forma poética, en partes (análise) e escolle despois as que considera máis significativas, síntese.

Comeza o poema cunha  enumeración: A Terra Chá somentes é:…

Os elementos da enumeración móstranse en forma de oposición (Un pobo aquí, outro acolá , mil arbres, monte raso, un ceo chumbo e tráxico no que andan a aves a voar).

Manuel María conclúe, pecha  o poema cunha oposición forte a toda a enumeración opositiva precedente (O resto é soedá): cheo/valeiro. O estilo opositivo, dialéctico, nun mesmo movemento, condensa o pensamento e simplifica, dun xeito singular, a complexidade do todo (A Terra Chá). E é, precisamente, esa condensación, esa singularidade opositiva, eses movementos dialécticos os que universalizan o poema; porque, como di A. Badiou, toda obra para ser universal ten que ser dialéctica. E este poema éo.

“…como di A. Badiou, toda obra para ser universal ten que ser dialéctica”

Como resolve  o poema a dicotomía Particular/Universal? Ou dito doutro xeito: como un poema tan local pode chegar a ser universal? Toda obra de arte universal sempre está localizada e é dende esa localización como  singulariza, dialecticamente, como universaliza o local. Non hai unha universalidade deslocada, fóra de lugar. Pensemos nas traxedias clásicas gregas, no Quixote, na poesía de Mallarmé ou  na  obra poética de Manuel María.

Podemos dicir que este poema de Manuel María, Terra Chá, é universal por dialéctico, por singular e por estar estabelecido na Terra Chá, en Galiza.

En fin, o acontecemento que representa a obra poética de Manuel María, que é quen de crear un novo imaxinario e un novo simbólico para Galiza,  supón, nese eido, unha aportación singular á nosa identidade, tanto individual como colectiva.

ÚLTIMAS

Irmandamento entre a Feira do Viño de Amandi e a Festa da Filloa de Muimenta

O Concello de Sober aproveita a conta atrás da Feira do Viño de Amandi...

O PP de Monforte urxe a mellora inmediata da conexión da N-120 co Polígono do Reboredo

A voceira popular, Katy Varela, denuncia que o firme se atopa nun estado “totalmente...

CSIF esíxelle ao Concello de Taboada maior financiamento para o SAF

Este escrito enmárcase nunha iniciativa que o sindicato está a desenvolver en todos os...

Os Bolechas ensinan sobre compostaxe doméstica na publicación “Os composteiros de Monforte”

“Os composteiros de Monforte” está protagonizado polos coñecidos Bolechas, encargados de ensinar á rapazada...